
Delegados/as e responsables da CIG-Ensino do sector de menores péchanse en Política Social para esixir á conselleira que interveña para mellorar as súas condicións laborais e a atención que prestan
O sindicato representa a maioría dos arredor de 1000 traballadores e traballadoras que prestan servizo en preto de 80 centros pertencentes a organizacións, fundacións, asociacións e entidades de diferente tipo.
Concentración e peche en San Caetano esta mañá de representantes do sector de protección de menores e de reforma xuvenil e da CIG para reclamar unha xuntanza coa conselleira de Política Social da Xunta de Galiza, Fabiola García, para trasladarlle as súas reivindicacións laborais, sociais e salariais, así como que se garanta a máxima calidade e seguridade tanto para o persoal traballador como para os usuarios e usuarias e se dote os centros de traballo de recursos materiais e didácticos axeitados e de instalacións dignas.
Vai aló máis de un ano desde que se presentou a solicitude de reunión coa conselleira co aval de máis do 60% de sinaturas do persoal traballador deste sector en Galiza dentro da campaña “Polas melloras laborais, sociais e salariais: convenio galego xa!” posta en marcha pola CIG-Ensino. Dita reunión foi de novo solicitada despois dunha xuntanza co Grupo Parlamentar do PP, quedando os seus membros de interceder para que se producira dito encontro, así como por rexistro dixital da Xunta de Galiza unha vez transcorridas as eleccións autonómicas, mediante correo electrónico ao gabinete da conselleira e de múltiples chamadas telefónicas, obtendo sempre falsas promesas por resposta.
A CIG-Ensino, como sindicato maioritario neste sector en Galiza, concentrouse esta mañá diante da Xunta en Compostela para facer o enésimo chamamento á conselleira de Política Social para que escoite un sector tan vulnerábel como o da atención aos menores que están en réxime de tutela da Xunta ou nos centros de reforma xuvenil. A indiferencia amosada neste tempo pola máxima responsábel de velar por este colectivo (arredor dun milleiro de menores) demostra que o seu departamento non está poñendo os coidados como prioridade dentro das súas políticas sociais. Cómpre lembrar que a nosa é a cuarta comunidade do Estado con máis número de crianzas en centros.
Para Germán Estévez, presidente do comité do centro de Monteledo, de Ourense, “é urxente investir nestes centros sen ánimo de lucro e que a conselleira se implique (como tamén lle esixen as patronais galegas) na negociación dun convenio galego digno, o único camiño dunhas mellores condicións laborais, salariais e sociais, así como dun mellor servizo de calidade aos usuarios e usuarias. Hai pouco coñecemos a tráxica nova dunha educadora asasinada en Estremadura que nos sacudiu a todos e todas como sociedade. Estes feitos afortunadamente son illados pero hai que poñer todos os medios para que non se produzan. É obriga da administración velar pola protección e seguridade tanto do persoal traballador dos arredor de 80 centros que existen en Galiza, nos que se atenden maioritariamente a menores vulnerábeis pero tamén a aqueles que cumpren internamento tras a comisión de diversos tipos de delitos, que son 4 en toda Galiza, un deles precisamente o de Monteledo”.
As ratios persoal/educador que ten que atender quendas de 24 horas por usuario son moi altas. “Hai que ter en conta que en moitos centros os usuarios e usuarias teñen idades moi dispares, con necesidades tamén moi diferenciadas, con trastornos de conduta, discapacidade e na práctica totalidade dos casos nunha situación moi vulnerábel desde o punto de vista social e familiar. É inviábel garantir unha boa atención coa escasa achega económica que teñen estes centros, dado que cada neno ou nena, ou cada mozo ou moza precisa antes de nada a estabilidade do seu persoal e iso só se garante con condicións dignas. Este traballo é moi vocacional pero moi duro, de aí que non poida abusarse desa vocación porque senón abandónase rapidamente”, engadiu.

Á saída, o responsábel de Ensino Privado do sindicato nacionalista, Henrique García, insistiu en que “a Consellaría non pode seguir empregando o precario V Convenio estatal do sector para orzamentar as partidas que destina aos concertos sociais coas Asociacións e Federacións que xestionan estes servizos públicos, pois o actual marco de negociación estatal non dá resposta ás reivindicacións e necesidades laborais e salariais do persoal traballador galego, nin tampouco ás características e situacións dos centros galegos”. Neste sentido puxo como exemplo a xestión do centro Concepción Arenal da Coruña, que xa é a segunda vez que queda deserta a súa licitación porque ningunha entidade se presenta ao concurso. A actual xestora, Fundación Camiña Social, só ten obriga de continuar prestando este servizo até o mes de setembro polo que os usuarios e usuarias poden quedar desatendidos a partir desa data se o novo concurso, previsto para xullo, queda de novo deserto.
Convenio galego digno, a reivindicación unánime do sector
O V convenio estatal de centros de reforma xuvenil e de protección de menores é rexeitado por precario polo persoal traballador galego (só o asinou unha minoría sindical na Galiza) e polas propias patronais galegas, AGACEME e GAFIX, coas que a CIG mantén puntos de confluencia no sentido de negociar un convenio galego, abrindo un Marco Galego de Relacións Laborais no sector, toda vez que as competencias tenas todas a Xunta de Galiza. “As dúas partes, social e patronal, reivindicamos unhas táboas salariais autonómicas nas que en todos os centros, sen excepcións, o persoal cobre xa en 2026 as novas táboas asinadas no V Convenio estatal (e non teñan que esperar a novos pregos de contratación ou a 2029), máis un complemento autonómico que dignifique estes salarios, tal e como esixe a CIG-Ensino que se negocie, con vistas a acadarmos a curto prazo o I Convenio Galego de Atención a Menores”, explicou Henrique García.
O sector en Galiza, ao borde do colapso
En Galiza este sector está practicamente privatizado con só un 20% dos centros de titularidade pública. Nos arredor de 80 centros privados traballan máis de 800 traballadores/as que atenden a máis dun milleiro de menores en centros en réxime pechado (como os de reforma), semi-aberto (como os centros de intervención educativa en medio aberto), réxime aberto e pisos tutelados (nos que se traballa con menores en situación de vulnerabilidade), así como nos puntos de encontro. Centros todos eles que a día de hoxe están sobresaturados, quedando menores sen poder ser atendidos.
A CIG-Ensino, por boca dos seus delegados e delegadas de persoal, denuncia tamén que faltan recursos materiais e humanos, a revisión e a mellora da maioría das instalacións actuais, a creación de novas prazas e que se atendan as reivindicacións do persoal traballador, máis ante a inminente falta de persoal para contratar que se están atopando as Asociacións e Federacións sen ánimo de lucro que xestionan indirectamente este tipo de centros e a fuga do seu persoal cualificado. “Non se pode permitir que por facer o mesmo traballo nun servizo público esencial, que debería xestionar a administración, haxa entre 500 e 800€ de diferencia salarial mensual entre persoal de xestión pública e externa, ademais de diferencias nas condicións laborais: de xornada, ITs, permisos e licenzas, dereitos sociais...; así como outros referidos a ratios abusivas, escasos recursos, falta de materiais, non cobertura de baixas nin das necesidades mínimas de persoal, instalacións en malas condicións...”, enumerou Germán Estévez.
Por outra banda, a CIG-Ensino segue a reivindicar máis protección e vixilancia nos centros de intervención social, nos que os menores cumpren medidas xudiciais de privación de liberdade, para que se reforce o persoal na atención directa, a baixada nas rateos, ademais doutro tipo de melloras de ámbito laboral e social, “no camiño de non termos que lamentar unha desgraza coma o asasinato de Badaxoz, o cal nos ten que servir para aprender e prever escoitando o persoal que sofre, padece e denuncia a precariedade no sector e ao que nin sequera se lle recibe nunha xuntanza”, engadiu.
Máis información sobre as reivindicacións concretas da CIG-Ensino na campaña “Por un convenio galego no sector”.