Delegados/as dos Centros de Atención a persoas con dispacacidade demandan un convenio propio que mellore as súas condicións
Esta concentración insírese na campaña que se ven desenvolvendo desde hai meses
Entre as cuestións que este colectivo considera prioritarias e que así plasmaron na táboa reivindicativa está a exixencia de que a Xunta de Galiza asuma na súa totalidade a xestión dos servizos destes centros, como centros públicos a todos os efectos, garantindo o mantemento dos postos de traballo do persoal actual.
En todo caso, mentres iso non se leve a cabo, demandan un incremento das partidas orzamentarias para o sector e que os centros reciban as subvencións necesarias para prestar o servizo cun mínimo de calidade, mellorando a situación dos usuarios/as e as condicións de traballo do persoal.
Xunto a isto, demandan que se acurten os prazos de aboamento desas subvencións, para evitar atrasos non pagamento das nóminas e que a administración galega poña en marcha os mecanismos necesarios para facer un seguimento das subvencións que reciben estes centros.
Precariedade
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou as precarias condicións que sofren as traballadoras e traballadores dos centros afectados polo XIV convenio colectivo estatal de centros de atención a persoas con discapacidade. Unha precariedade que considerou que “conduce a un deterioro da calidade dun servizo que debería procurar a mellora dos seus recursos materiais e humanos, no canto de centrarse en criterios mercantilistas.
“Rexeitamos o actual convenio estatal porque as súas condicións impiden que os traballadores/as poidan realizar o seu labor dun xeito digno e, ademais, establece unha clara discriminación entre o persoal, en función das tres tipoloxías de centros que recolle”, afirmou e engadiu que “non se están a ter en conta as características específicas destes centros en Galiza nin, en consecuencia, as condicións laborais propias dos traballadores/as galegos/as, que ven así limitada a súa capacidade de influír no proceso negociador e que se contemplen as súas demandas concretas de cara ao XV convenio”.
Convenio galego
Por iso o sector demanda que, dado que as competencias sobre as subvencións coas que se financian estes centros están transferidas á Xunta de Galiza, a consellaría de Asuntos Sociais inicie unhas negociacións nas que participen as patronais do sector (maioritariamente asociacións) e as organizacións sindicais en función da súa representatividade, para acadar un convenio galego que mellore substancialmente as condicións recollidas no convenio estatal e o financiamento destes centros.
Entrevista co conselleiro
Coincidindo coa concentración, representantes da CIG-Ensino intentaron entrevistarse co conselleiro. Ante a súa ausencia foron recibidos polo xefe de gabinete que quedou de xestionar unha entrevista co conselleiro nun tempo prudencial.
Próximas accións
Ao remate da concentración os delegados e delegadas realizaron unha xuntanza na que acordaron dar continuidade tanto á campaña de sensibilización sobre a situación que se dá nestes centros, como ás mobilizacións. Acordouse levar a cabo unha campaña para dar a coñecer a perda de dereitos desde o IX até o XIV convenio e para insistir en que a solución pasa pola aprobación dun convenio galego.
Tamén se editarán publicacións para dar a coñecer as mobilizacións realizadas, as accións previstas e achegar as principais reivindicacións de cara a negociación en Madrid do XV convenio. Faranse asembleas e repartos entre os traballadores e traballadoras, e a campaña culminará coa convocatoria de concentracións diante dos centros de traballo e unha ampla divulgación nas redes sociais.