Delegados/as de CIG-Ensino e outras organizacións sindicais, concéntranse ante o concello de Santiago para manifestarlle a Feijoo súa repulsa por atacar ao profesorado
Fronte á imposición unilateral da Orde que regula a xornada
O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembrou, no decurso da concentración que esta medida autoritaria e despótica da consellaría implica como mínimo 1.000 profesores menos nos centros de educación Infantil e Primaria e pode supor reducir nun 10% os cadros de persoal dos centros de secundaria.
“Estamos a ante un ataque sen precedentes a calidade do ensino público mentres non se escamotea diñeiro para continuar e mesmo ampliar a subvención do 100% do ensino privado”, afirmou.
Louzao denunciou ademais os continuados ataques que está a sufrir o profesorado, non só do conselleiro, senón agora tamén do presidente da Xunta de Galiza,” xa que están empeñados en desprestixiar a función docente para indirectamente atacar aos servizos públicos, como ferramenta única e posíbel de conseguir maior igualdade social”, dixo.
Nas declaracións que o presidente da Xunta fixo en relación a multitudinaria manifestación do día 28, Louzao afirmou que “subxace unha mentalidade ditatorial contraria ao dereito a manifestarse e ao dereito á liberdade de expresión” e preguntouse “como se pode acusar de irresponsábel a un colectivo como o profesorado que ten amosado o seu compromiso e esforzo no seu traballo diario, única a exclusivamente por manifestarse cando veñen de recortar os seus dereitos de maneira unilateral e o obrigan a realizar funcións con novas responsabilidades que non lle corresponden no seu cometido como profesores e educadores”.
O secretario nacional de CIG-Ensino tamén se dirixiu ao Presidente da Xunta asegurando que “debe saber que esa cruzada contra o profesorado e o ensino público o único que fai é alimentar aínda máis a indignación do propio colectivo”.
O calendario de manifestacións previstas para setembro, que todo apunta que serán secundadas de forma moi maioritaria, son: manifestación en Compostela o día 9 de setembro; paro de brazos cruzados de 10:00 a 10:30 horas, o día 20, e folga en todo o ensino público os días 21 e 27 de setembro. “Agardamos que a consellaría rectifique antes do inicio do curso vindeiro, do contrario non só levaremos a cabo estas medidas senón que se verá ampliado o calendario de mobilizacións e o conflito perdurará durante todo o curso” advertiu Louzao.