Delegadas e delegados sindicais impiden que o Conselleiro faga da inauguración do curso un acto propagandístico

Delegados e delegadas da CIG-Ensino e outras organizacións sindicais concentráronse hoxe, 12 de setembro, diante do CPI Terras de Maside, en Maside, coincidindo coa inauguración do curso escolar polo conselleiro de educación, en defensa do ensino público

Exixímoslle ao Conselleiro de Educación que cese na súa actitude ditatorial e destrutora co ensino público. Do contrario, o paro de media hora do día 20 de Setembro e as folgas para os días 21 e 27 non só serán inevitábeis senón que se verán acrecentadas con novas mobilizacións.

Delegados/as de persoal  da CIG-Ensino e de outras organizacións sindicais concentráronse hoxe, día 12 de setembro, diante do Colexio Público de  Maside, coincidindo coa inauguración do curso escolar que o Conselleiro de Educación fixo desde este centro para exixir o restabelecemento do horario lectivo do profesorado, da eliminación da obrigatoriedade de que o profesorado teña que custodiar o alumnado na espera polo transporte escolar e tamén para exixir a paralización dos recortes no ensino público.

Iníciase o curso escolar no que o profesorado ve empeoradas as súas condicións profesionais e laborais con ataques permanentes da Consellaría ao seu traballo e consideración. Hoxe, á parte de ver ampliado o seu horario lectivo, o profesorado galego é dos peores pagados do estado,  é o único colectivo que segue sen ter dereito a unha revisión  médica anual ( malia a ser obrigatoria, segundo  a lei de saúde laboral) é dos poucos do Estado que non ten  redución  horaria cando chega aos 55 anos (aínda que está recollido na LOE). Segue sen ter estabelecida a xornada reducida de xuño e setembro, fica sen  licenzas por estudo para ampliar formación académica e pedagóxica do profesorado e van ser os únicos docentes de todo Estado que  teñan que custodiar o alumnado nas esperas polo transporte escolar.

Este curso tamén nos trae unha lei chamada de convivencia que, porén, vai  comportar mais conflitividade e máis problemas nos centros. Unha lei cuxa motivación real non é outra que de dar cobertura legal a novas consultas ás familias para disfrazar o verdadeiro obxectivo que é reducir á mínima expresión o ensino en galego que, neste momento, é inexistente na case totalidade  das aulas de Educación Infantil  dos centros das cidades e que non chega ao 20% no resto dos niveis educativos.

O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, declarou que estamos ante o inicio de curso máis conflitivo acordado, motivado polos ataques permanentes deste Conselleiro á educación pública, pola súa actitude irresponsábel e descrédito cara ao profesorado. Estamos ante un goberno da Xunta que non repara en desmantelar o ensino público e reducir a súa calidade, ampliar en 9 as unidades concertadas, dedicar o 11% do orzamento da Consellaría ao ensino privado ao que hai que sumar a extra, por encima dos concertos, que lle veñen de conceder a estes centros de 220.000 euros para a atención á educación especial.

Hoxe, iníciase o curso en Infantil e Primaria con 77 unidades, 14 unitarias eliminadas e 800 profesores/as menos. Todo isto implicará a redución de profesorado especialista para atender o alumnado con necesidades educativas especiais, o incremento de profesorado que teña que impartir materias das que non é especialista, a masificación das aulas, a agrupación nunha mesma aula de alumnado de diferentes anos e niveis educativos e o impedimento de agrupamentos flexíbeis. Pero tamén se inicia un curso no que a Consellaría continúa a desentenderse da xestión da maioría dos comedores escolares e de actividades extraescolares e no que o transporte escolar segue condicionando a fixación de horarios, nalgúns casos totalmente irracionais e antieducativos. 

O acto levado a cabo pola CIG-Ensino e outras organizacións sindicais, diante do CPI de Maside, imposibilitou que o Conselleiro de Educación puidese inaugurar o curso neste centro. Porén, máis unha vez, o seu autoritarismo e a súa persecución para con o idioma comportou o impedimento de que profesorado do centro pendurase nas fiestras carteis en defensa do nosa lingua. O que non puido calar foi o profesorado concentrado diante do colexio de Maside que non cesou de repetir consignas como “Conselleiro mentireiro, Conselleiro dimisión”, “Negociación e non imposición”, “Con tanto desatino, folga no ensino”, etc

Exixímoslle ao  Conselleiro de Educación que cese na súa actitude ditatorial e destrutora  co ensino público. Do contrario, o paro de media hora do día 20 de Setembro e as folgas para os días 21 e 27  non só serán  inevitábeis senón que se verán acrecentadas con novas mobilizacións. 

Delegadas e delegados sindicais impiden que o Conselleiro faga da inauguración do curso un acto propagandístico

Volver