Decretos de Currículo de certos ciclos formativos

Mesa sectorial do 3 de xuño

Propostas da CIG-ensino sobre os currículos dos ciclos: CM instalacións de telecomunicacións, CM en producións agropecuaria, CM en produción agroecolóxica, CM en xestión administrativa, CS adm. sistemas informáticos en rede, CS axencias viaxes e xestión eventos, CS deseño en fabricación mecánica, CS en guía, información e asistencia turísticos
SOBRE OS CURRÍCULOS DOS CICLOS FORMATIVOS A CIG-ENSINO FORMULOU O SEGUINTE:

1.Hai que modificar as ratios, polo tanto débese engadir un artigo sobre a establecendo o nº máximo de alumnos e alumnas por aula en 20. Hoxe a ratio é 30 segundo a Orde de 23 de abril de 2007 e este é un número excesivo para un ensino práctico como o dos ciclos de FP, de feito esto está recoñecido pola administración ao limitar en moitos ciclos a matrícula a 22.

2.Contemplar a existencia de desdobres no caso de superarse a ráteo de 20 fixada no apartado anterior, indicando en cada decreto os módulos susceptíbeis de desdobre tendo en conta non só razóns de perigosidade senón tamén dunha correcta atención individualizada ao alumnado. Tamén permitir máis dun grupo por Ciclo Formativo cando exista demanda (algo que se permite no ensino privado)

3.Debe facerse un esforzo nas programacións para contextualizar os contidos segundo as especificidades que poda ter o desenvolvemento da profesión na Galiza. Para isto, habería que engadir un novo obxectivo xeral (art. 9) en todos os decretos: Coñecer e valorar as especificidades que se derivan do desenvolvemento da súa profesión na Galiza. Ademais, non hai razón para que a Consellaría non introduza módulos propios nos currículums, non hai ningunha legislación que o impida e ten competencias para desenvolver o 45% dos contidos dos ciclos xa que os Reais Decretos estatais só fixan os contados mínimos. Se se considera preciso, débense introducir módulos propios. (Xa sabemos que non é a política desta administración porque os pucos que había en títulos xa aprobados como os módulos de síntese nos CM e o módulo de Cociña galega de vangarda foron suprimidos).

4.Uso do galego: incluír en cada título un artigo indicando que módulos deben ser de obrigada impartición en galego para que se cumpra a lexislación vixente (no decreto 124/2007 só especificaba FOL en galego e o resto de módulos decidía a dirección do centro consultados os departamentos, o actual decreto 79/2010 só indica que haberá unha oferta equilibrada de módulos en galego e en castelán). Preocúpanos a aplicación e seguimento deste decreto, quedaría máis claro se se explicitasen os módulos de obrigada impartición. Ademais o alumnado, segundo o propio decreto, debe coñecer o vocabulario específico galego en todos os módulos polo que é preciso adoptar as medidas oportunas para elaborar materiais en galego. Deben tamén adoptarse medidas para dotar de competencia lingüística en galego a aquel alumnado que non cursou os estudos previos en Galiza e non dispón desta competencia. Como mínimo debe garantirse o 50% da docencia en galego, tendo en conta que a duración dos módulos é desigual.

5.Organización dos módulos en actividades formativas de menor duración (art. 17 CM e art. 18 CS): hai que aclarar cales son os efectos desa subdivisión en canto ás calificacións parciais, niveis de competencia,... porque o profesorado que imparta eses módulos debe telo claro aos efectos de realizar as programacións e avaliacións parciais. Esta organización é moi desigual nos decretos dos ciclos, hai dous nos que o único módulo que se poderá dividir é o de FOL e só en dúas unidades de menor duración (CM Instalacións de telecomunicacións e CS Guía, Información e asistencia turística), cinco ciclos nos que se poderán dividir 3 ou 3 módulos e só un ciclo (CS Deseño en fabricación mecánica) no que se poden dividir 8 módulos en 17 unidades formativas de menor duración. Deberíase fomentar a división dos módulos para facilitar a adquisición e acreditación de competencias profesionais.

6.Módulo de proxecto (CS): Unha parte do módulo debe desenvolverse con carácter previo e outra coincidindo coa realización do módulo profesional de formación en centros de traballo. Se se fai simultaneamente coa FCT non se lle van sacar todas as posibilidades a este módulo. Unha parte deste módulos debe ser anterior á FCT, senón non lle vai dar tempo ao alumnado a realizalo por estar desenvolvendo un horario laboral e haber dificultades para as titorías. Terá que haber unha explicación previa do que terá que facer o alumnado neste módulo. Nos cadros horarios, deben asignarlse sesións lectivas semanais (1 ou 2) ao módulo de proxecto nos CS.

7.Deben abordarse as modificacións lexislativas precisas para posibilitar que o profesorado das especialidades do corpo de PES nas que se esixe para o acceso ao corpo formación específica nese campo, por ejemplo na especialidade de Hostelaría e turismo, poida impartir o módulo de Empresa e iniciativa emprendedora.

8.Compre un plano de formación do profesorado para impartir con garantía de calidade os novos ciclos.

9.É preciso asimismo revisar e actualizar o equipamento dos Centros para poder impartir os novos módulos formativos e incluso, nalgún caso, será preciso ampliar as instalacións.

10. Tamén preguntamos como se vai facer a substitución dos Ciclos Logse polos novos Loe, se estes Ciclos dos que temos borrador comezarán a impartirse o próximo curso e en especial que vai pasar co Ciclo Medio de Equipos Electrónicos de Consumo posto que o novo Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicacións non o substitúe.

A Consellería non acaba de aclarar se para o vindeiro curso se van a impartir xa estes 8 Ciclos a pesares de que nos borradores se especifica que “no curso 2010-2011 implantarase o primeiro curso polo réxime ordinario”, sen embargo a Consellería di que eso non implica que necesariamente teñan que impartirse en ningún Centro para o próximo curso, só quere dicir que xa están en vigor?

En canto ao novo Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicación efectivamente confirma a Consellería que non substitúe ao anterior de Equipos Electrónicos de Consumo pero especifican que de tódolos xeitos non permitirán que coexistan no mesmo Centro, de xeito que o Centro que queira impartir o novo terá que deixar de impartir o de Equipos.

Sobre a formación do profesorado din que están planificando como facela e que de momento teñen problemas para atopar un lugar axeitado para levala a cabo.

______________________________________

Borradores dos currículos dos ciclos de FP: 
- CM en instalacións de telecomunicacións
- CM en produción agropecuaria
- CM en produción agroecolóxica 
- CM en xestión administrativa
- CS en administración de sistemas informáticos en rede
- CS en axencias de viaxes e xestión de eventos
- CS en deseño en fabricación mecánica
- CS en guía, información e asistencia turísticos

Volver