Decreto polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio

Mesa sectorial do 4 de maio de 2007

Na Mesa Sectorial do pasado 4 de maio debateuse o borrador do Decreto polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio.

Decreto polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio

 

Na Mesa Sectorial do pasado 4 de maio debateuse o borrador do Decreto polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio. 

 

A CIG-Ensino fixo unha crítica ao feito de que non se incluíse xa o nivel avanzado, que ademais era citado ao longo do documento. Criticamos tamén que se nos entregue un documento sen anexos (os que inclúen os desenvolvementos curriculares dos distintos idiomas), co cal non se poden valorar determinadas cuestións e pedimos que se aclarase se o profesorado dunha EOI pode matricularse na mesma EOI noutro idioma, pois non se está permitindo. Tamén solicitamos que se recollan renuncias e devolucións de matrícula e que se regule o traslado de matrícula viva.

·        Respostan que o nivel avanzado é cuestión de tempo, xustifican que non se inclúa neste Decreto por falta de tempo, porque terían que facer máis grupos de traballo e que non era necesario porque aínda non se vai implantar o vindeiro curso. Suprimirán a palabra avanzado do Decreto.

Sobre o articulado demandamos:

  1. Que nos artigos 1.1., 9.3 e 10.3 se recollan as linguas cooficiais do Estado e que se equipare o galego co español, recollendo a denominación “galego” como no resto dos idiomas e incluíndo “galego para estranxeiros”.

·        Din que para implantar as linguas de estado teñen problemas de profesorado.

  1. No artigo 4. que se revisen as taxas dos cursos de especialización, pois algúns cursos son especialmente caros. Tamén preguntamos se vai haber currículo de referencia para os cursos C1 e C2.
  2. Artigo 5.1.é urxente regular o ensino de idiomas a distancia.
  3. Suprimir o artigo 11.3 (o currículo para o nivel avanzado dos distintos idiomas será o establecido no decreto de currículo correspondente) pois entendemos que se debería recoller xa neste Decreto.
  4. No artigo 12.3 que se recolla a posibilidade de realizar a formación en horario lectivo.
  5. Que se numere debidamente o capítulo III e que se recolla a posibilidade de que o profesorado pode matricularse no mesmo centro.
  6. Artigo 15.5. debe ser a Consellaría a que determine os requisitos de matrícula para os cursos para a actualización de coñecementos de idiomas e para a formación do profesorado, colectivos profesionais e público en xeral, sen delegar a fixación destes requisitos e o procedemento de aceso nas EOIs.
  7. No artigo 17.5, tal e como está redactado (A cualificación positiva final permitiralle ao alumnado a promoción ao curso seguinte dentro do mesmo nivel. O alumnado que non supere todas as destrezas establecidas no currículo do  último curso do nivel correspondente deberá repetir o curso na súa totalidade), da a entender que a cualificación vaise facer por destrezas e non globalmente, ¿vai ser realmente así?, que se aclare.
    • Respostan que non se avalían soamente as destreza, é unha avaliación global.
  1. No artigo 19.7. debería recollerse que a capacidade de certificar é das EOIs, o que cómpre é facer extensións das EOIs onde sexa preciso e evitar as interferencias co plan de potenciación. Ou ben se transfire todo ás EOIs ou se artella outro xeito de facelo nos IES.
    • Van ser as EOIs as que emitan os certificados.
  1. As ratios que se estabelecen son excesivas, propoñemos unha ratio de 20 alumnos por aula nos niveis básicos e de 15 no nivel avanzado.

·        Declaran estar interesados en reducir as ratios, mais non poden garantir que vaia haber prazas.

  1. Canto ás instalacións faltan bastantes cousas. No artigo 21. a débese incluír que o espazo por posto escolar é de 1,5 m2. A biblioteca ten que ser axeitada debe contar con sala de lectura, arquivo, sistema de empréstito e fondos suficientes. A sala multimedia debe ter tantos postos como ratio estabelecida (o borrador estabelece menos postos para a sala dos que estabelece por ratio). Recoller despacho para a secretaría, saídas de emerxencia, sala de recursos. Procurar que os edificios teñan as condicións técnicas e acústicas (insonorización) axeitadas para un centro destas características (que non se escoite nunha aula o que se fala noutra). Dotación de laboratorios de idiomas.
    • Aceptan o da insonorización acústica. Mellorarán a redacción dos requisitos. Recolleran a capacidade da aula multimedia en relación coa ratio e engadirán o espazo de 1.5 por posto escolar.
  1. Aclarar na Disposición transitoria 1ª se se vai implantar o nivel intermedio 2 de galego.
  2. Flexibilizar a permanencia. Débese facilitar a adquisición de idiomas e é moi limitativo dous cursos de permanencia por nivel.
    • Isto vai depender do número de postos escolares. Estudarano.

 

 

O Director Xeral de FP respostou que:

  1. A ratio non se vai baixar. Neste momento hai un 50% de alumnos e alumnas que quedaron sen praza no momento da matrícula.
  2. Plan de potenciación: precisa unha nova ordenación. Son partidarios de ampliar creando seccións de EOIs, xa se crearon as de Verín e o Barco e está previsto para o vindeiro curso que se abran as de Tui e O Morrazo, como extensión da EOI de Vigo. O Plan de potenciación tenderá a desaparecer.
  3. Matrícula na mesma EOI: non está permitido por unha norma que data de 1918. Teñen que pedir un informe xurídico.
  4. Informan de que figuran as linguas que se mencionaron nos grupos de traballo.

 

A Consellaría tamén informa de que sobre a matrícula para o vindeiro curso van reunirse cos equipos directivos e que os cursos de especialización teñen interese do punto de vista profesional, de feito xa comezaron cuns cursos de inglés en colaboración co IGAEM.

Volver