
Decreto bacharelato: A Consellaría de Educación comunica que modificará a proposta de horario de Educación Física
Decreto bacharelato
A Conselllaría de Educación ven de facer pública a ampliación nunha hora de carga lectiva para esta materia de Bacharelato
A Consellaría de Educación comunica que modificará a proposta de horario de Educación Física.
A Consellaría de Educación ven de facer pública a ampliación nunha hora da carga lectiva para as materias de bacharelato
A CIG-ENSINO, diante desta nova proposta, quere lembrar que un bacharelato de calidade precisa dunha modificación substancial do decreto presentado pola administración que inclúa non só a ampliación da carga lectiva da materia de Educación Física, senón incrementar unha hora máis a materia de filosofía e cidadanía e a de Historia e reforzar outras materias entre as cales están as de música e tecnoloxía.
É de lamentar que a Consellaría non teña vontade política de asumir que a relixión se imparta fóra do horario lectivo común de todo o alumnado. Coa proposta da CIG todo o alumnado galego tería 32 horas dentro das cales habería unha hora máis para filosofía e cidadanía e historia, ademais da hora incrementada a educación física. Soamente o alumnado que optase por escoller relixión tería 34 horas.
A Consellaría sabe que o profesorado secundou maioritariamente a folga, convocada pola CIG o pasado día 29 e mobilizouse non só para ampliar o horario dunha materia,
senón para incrementar as tres materias referidas e outras medidas conducentes a un bacharelato de maior calidade.
A CIG continuará coas mobilizacións, propondo unha serie de accións ao profesorado até conseguir as xustas reivindicacións sobre o decreto de bacharelato.
Propostas de actuación da CIG-Ensino para mudar o decreto de Bacharelato (Ligazón)
Propostas de actuación da CIG-Ensino para mudar o decreto de Bacharelato (Ligazón)
Reprodución do texto enviado pola Consellaría
Aos membros do Consello Escolar:
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de analizar na última semana as distintas opinións que espertou o borrador de decreto de currículo de bacharelato entre a comunidade educativa. Así, logo de avaliar as emendas presentadas a este documento no Consello Escolar de Galicia e tendo en conta o parecer xeralizado da comunidade educativa, a Administración educativa acordou incrementar unha hora máis a materia de Educación Física, que deste xeito pasa a ter 2 horas semanais en primeiro curso de bacharelato, e establecer a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo en 2 horas semanais.
Segundo a análise realizada da reunión do Pleno do Consello Escolar de Galicia, o incremento do horario semanal de Educación Física era o común denominador de todas as emendas presentadas ao horario de bacharelato, polo que a Administración decidiu atender esta demanda logrando así un maior consenso en torno ao proxecto de decreto de currículo de bacharelato.
A Consellería de Educación quere destacar o máximo respecto que sempre tivo polas consideracións realizadas desde os distintos órganos de participación e consulta nos que está representada a comunidade educativa.
O incremento horario da materia de Educación Física xunto coa opinión de que o alumnado non debe ver incrementada a súa carga horaria semanal máis aló das 32 horas actuais son as principais consideracións nas que coinciden toda a comunidade educativa.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere lembrar que o proxecto de decreto de currículo de bacharelato regula as ensinanzas que a Lei Orgánica de Educación determina para esta etapa educativa. Neste sentido, o borrador de decreto de bacharelato reflite unhas ensinanzas actuais e acordes coa sociedade actual.
O proxecto de decreto de currículo de bacharelato será enviado ao Consello Consultivo de Galicia para o seu informe antes de ser aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia. Segundo o calendario de aplicación da LOE, está previsto que o novo currículo entre en vigor no próximo curso 2008-2009.
Agradézolle de antemán a súa colaboración no desenvolvemento deste proxecto.