Declaracións de Anxo Louzao fronte aos recortes, de salario, oferta pública e orzamentarios para o ensino

A proposta dos orzamentos, incluída no Capítulo I e presentada pola Xunta de Galiza na Mesa da Función Pública, supón en palabras do Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, un golpe mortal para o ensino público e para todo o profesorado, na medida en que se recortan as retribucións do profesorado e se reducirán os cadros de persoal nos centros de ensino público.

O profesorado continuará coa redución das súas retribucións nun 5%, ao que hai que incrementar o 2,1% do IPC interanual, supoñendo un total dun 7,1%. Así mesmo, tamén verán reducidas as pagas extras nun 30%.

Por primeira vez, no ámbito do ensino, a Xunta quere aplicar a taxa do 10% da reposición de efectivos, é dicir, que de producirse a oferta de emprego pública no ensino, só se ofertaría o 10% das vacantes producidas nos centros. Isto traerá como consecuencia inmediata a redución ou a non publicación da Oferta de Emprego Público o que comportará graves prexuízos aos centros e ao profesorado: recorte dos cadros de persoal, reagrupación de unidades e grupos, maior número de alumnos e alumnas nas aulas, redución do acceso á condición de funcionario/a, precarización o traballo e reducindo o emprego, etc.

Neste sentido, Anxo Louzao afirmou que a CIG-Ensino confluirá nas mobilizacións de delegados e delegadas que a CIG vai levar a cabo o día 3 de novembro, en Santiago, para rexeitar estes orzamentos. Tamén manifestou que é totalmente inxustificado e inaceptabel que se continúen recortando os nosos salarios e que continuemos a ser as vitimas desta crise, cando non se actúa sobre as causas e os causantes dela, e non obstante promóvense medidas antisociais e laborais que pretenden botar por terra as conquistas conseguidas até o de agora pola clase traballadora. Estamos ante unha proposta gravísima, xa que, amais de reducir os nosos salarios e de ser un gollpe á oferta de emprego público no ensino, incrementarase o paro neste sector, non se atenderán as necesidades educativas especiais, empeorarase a calidade do ensino, incrementarase a súa privatización e precarizaranse as condicións laborais dos profesores/as, posto que non poderán acceder á súa condición de funcionarios e funcionarias.

Volver