Debatido o RD de especialidades de arte dramática na Mesa Docente estatal

A CIG-Ensino presentou varias propostas de mellora á proposta, que en Galiza afecta ao profesorado da ESAD en Vigo e que o Ministerio estudará antes de tomar unha decisión sobre o texto definitivo

O Ministerio de Educación tratou xunto cos sindicatos con representación na Mesa Docente estatal o borrador dun Real Decreto para regular as especialidade docentes do profesorado que imparte docencia nas ensinanzas de arte dramática.

O texto contén algunhas novidades no nome e número de especialidades, así como na adscrición das diferentes materias a cada especialidade. Son as seguintes:

  • Mudan a denominación dalgunhas especialidades, crean algunhas novas e separan en dúas Caracterización e Indumentaria. Neste caso, o profesorado da especialidade actual pasaría a ter as dúas especialidades.
  • As novas especialidades do corpo de profesorado son:
    • Creación audiovisual
    • Interpretación no audiovisual
    • Linguaxe musical aplicada á arte dramática (xa existe a listaxe de interinidade en Galiza mais non formalmente a especialidade a nivel estatal)
    • Pedagoxía teatral
    • Pianista acompañante aplicado á arte dramática
    • Produción e xestión teatral

A CIG-Ensino presentou as seguintes propostas ao borrador do Real Decreto:

Especialidades de Linguaxe Musical, Piano (anexo I) e Produción  e xestión de música e artes escénicas (anexo II)

Tendo en conta que se crean novas especialidades aplicadas á arte dramática non ten sentido que manteñan estas especialidades. En todo caso, se houbese profesorado afectado podería recoñecerse a nova especialidade como se fai noutros casos (Caracterización e Indumentaria). En consecuencia nos anexos V e VI deberían simplificarse mantendo só as novas especialidades e retirando estas.

Especialidades de Creación Audiovisual e Dramaturxia e escrita dramática (anexos V e VI).

Solicitamos que se retire a materia de Teorías do espectáculo e da comunicación, seguindo o mesmo criterio empregado polo Ministerio coas demais materias de formación básica (Produción e Xestión, Pedagoxía e Hª das artes do espectáculo) que se adscriben ás respectivas especialidades.

Todo parece indicar que a nova especialidade de Creación Audiovisual debe ser de contido fundamentalmente práctico (crear para o audiovisual) polo que que debería recaer en docentes con titulación en dirección escénica e dramaturxia. Se se trata de incluír materias con referencia ao audiovisual, e empregando os mesmos criterios “técnicos” que argumentou o Ministerio na reunión, terían que incluír tamén Dramaturxia, Escenificación ou Dirección de Actores (só por facer referencia á especialidade de Dirección), así como Sistemas de Interpretación (se tamén se quere considerar Interpretación). Hai unha aparente contradición na decisión adoptada polo que solicitamos que a rectificación.

Especialidade de Caracterización (anexos V e VI).

Solicitamos que se incorpore a materia de Tecnoloxía aplicada ás artes do espectáculo.

Impartición de materias do Bacharelato.

Tendo en conta que, con carácter xeral, o profesorado dun corpo non pode impartir docencia noutro e, tamén, a clara diferenza que hai nas ensinanzas que se imparten nas ESAD e no Bacharelato, a CIG-Ensino non comparte que o profesorado das escolas de arte teña que impartir docencia no Bacharelato e solicita que se anule o artigo 7 e a Disposoción Transitoria 2ª.

Adscrición dos estudos artísticos superiores á universidade.

A CIG-Ensino lembroulle ao Ministerio de Educación a súa posición favorábel a un proceso de adscrición destes estudos á universidade, toda vez que imparten titulacións de Grao e que se debe reforzar tanto a investigación como os estudos de posgrao. Así, incidiu que sexa na tramitación da futura Lei de Ensinanzas Artísticas anunciada pola ministra Alegría onde se dea resposta a unha demanda xa histórica do profesorado e o alumnado destas escolas.

Preservar os dereitos do profesorado da ESAD.

Con independencia do resultado final do texto, sexan aceptadas ou non as nosas propostas, para a CIG-Ensino é fundamental o respecto á adscrición de materias ás especialidades do actual profesorado da ESAD de Galiza. Neste sentido, cabe destacar que a Consellaría de Educación, no momento que teña que desenvolver o RD, poderá respectar a distribución actual por especialidades e a experiencia do profesorado actual que, non debemos esquecer, é todo interino, polo que calquera modificación non implicaría simplemente ter máis ou menos carga horaria ou impartir unha ou outra especialidade senón mesmo poder perder o posto de traballo, algo coa que a CIG-Ensino está totalmente en contra.

CIG

O subdirector xeral de ordenación académica, Lucio Calleja, responsábel ministerial neste tema, tomou nota das propostas da CIG-Ensino, que foron por outra parte as únicas que entraron no detalle das materias e especialidades citadas, e afirmou que se revisarían, especialmente a relativa á reiteración de especialidades.

No referente as materias de Creación Audiovisual e Dramaturxia indicou que partían de criterios “técnicos” e do consenso de diferentes colectivos consultados no grupo de traballo. Desde a CIG-Ensino fixemos ver que non se entenden cales son os eses criterios supostamente técnicos e que, desde logo, non era o sentir do profesorado afectado na ESAD de Galiza.

Sen concretar máis, aceptou revisar a decisión final á espera dun informe que o sindicato enviará en breve.

Volver