Debate dos próximos decretos de ciclos formativos que vai publicar a Consellaría de Educación

Mesa Sectorial do 29 de maio

Contido da reunión na que se trataron diversos decretos de ciclos formativos así como algunhas cuestións de interese introducidas no capítulo de rogos e preguntas
Debate de diversos decretos de ciclos formativos

1ª Intervención da CIG
 
Imos propoñer unha serie de cuestións xerais comúns a todos os decretos antes de entrar en concretos en cada un.
 
  1. Hai que modificar as rateos, polo tanto débese engadir un artigo sobre establecendo o nº máximo de alumnos e alumnas por aula en 20. Hoxe a rateo é 30 segundo a Orde de 23 de abril de 2007e este é un número excesivo para un ensino práctico como o dos ciclos de FP, de feito isto está recoñecido pola administración ao limitar en moitos ciclos a matrícula a 22.
 
  1. Contemplar a existencia de desdobres no caso de superarse a rateo de 20 fixada no apartado anterior, indicando en cada decreto os módulos susceptíbeis de desdobre tendo en conta non só razóns de perigosidade senón tamén dunha correcta atención individualizada ao alumnado.
 
  1. Debe facerse un esforzo nas programacións para contextualizar os contidos segundo as especificidades que poida ter o desenvolvemento da profesión na Galiza. Para isto, habería que engadir unha nova competencia profesional, persoal e social (art. 5) ou ben un novo obxectivo xeral (art. 9) en todos os decretos: Coñecer e valorar as especificidades que se derivan do desenvolvemento da súa profesión na Galiza.
 
  1. Uso do galego: incluír en cada título un artigo indicando que módulos que deben ser de obrigada impartición en galego para que se cumpra o decreto 124/2007 (nel só aparece FOL e o resto de módulos decide a dirección do centro consultados os departamentos). Preocúpanos a aplicación e seguimento deste decreto, quedaría máis claro se se explicitasen os módulos de obrigada impartición. Ademais, o alumnado, segundo o propio decreto, debe coñecer o vocabulario específico galego en todos os módulos polo que é preciso adoptar as medidas oportunas para elaborar materiais en galego. Deben tamén adoptarse medidas para dotar de competencia lingüística en galego a aquel alumnado que non cursou os estudos previos en Galiza e non dispón desta competencia.
 
  1. Organización dos módulos en actividades formativas de menor duración (art. 17 CM e art. 18 CS): hai que aclarar cales son os efectos desa subdivisión en canto ás calificacións parciais, niveis de competencia,... porque o profesorado que imparta eses módulos debe telo claro aos efectos de realizar as programacións e avaliacións parciais. Esta organización é moi desigual nos decretos dos ciclos, hai moitos deles nos que o único módulo que se poderá dividir é o de FOL e só en dúas unidades de menor duración.
 
  1. Módulo de síntese (CM) e proxecto (CS): Unha parte do módulo debe desenvolverse con carácter previo e outra coincidindo coa realización do módulo profesional de formación en centros de traballo ….Se se fai simultaneamente coa FCT non se lle van sacar todas as posibilidades a estes módulos. Unha parte destes módulos debe ser anterior á FCT, senón non lle vai dar tempo ao alumnado ao realizalo por estar desenvolvendo un horario laboral e haber dificultades para as titorías.Terá que haber unha explicación previa do que terá que facer o alumnado neste módulo. Nos cadros horarios, deben asignarlle sesións lectivas semanais (1 ou 2) ao módulo de síntese nos CM e ao módulo de proxecto nos CS.
 
  1. A Lei Orgánica das cualificacións e a FP e despois o RD 1538/2006 no art. 10 recollían como áreas prioritarias as tics e a prevención de riscos que debían incluírse como módulos específicos en todos os títulos ou como contidos transversais en todos os módulos, solución pola que se optou. É fundamental a formación en prevención de riscos e observamos que hai módulos nos que non está suficientemente contemplada.
 
  1. Deben abordarse as modificacións lexislativas precisas para posibilitar que o profesorado das especialidades do corpo de PES nas que se esixe para o acceso ao corpo formación específica nese campo, por exemplo na especialidade de Hostelaría e turismo,  poida impartir o módulo de Empresa e iniciativa emprendedora.
 
 
 
Cuestións concretas relativas a algúns decretos)
 
Non hai razón para que a Consellaría non introduza módulos propios nos currículos, non hai ningunha lexislación que o impida e ten competencias para desenvolver o 45% dos contidos dos ciclos xa que os Reais Decretos estatais só fixan os contidos mínimos. Se se considera preciso, débense introducir.
 
No CM de Carrocería faltan contidos relacionados coa prevención de riscos e protección medioambiental nos módulos de Mecanizado básico e Embelecemento de superficies.
 
No CM de Farmacia e Parafarmacia hai un erro no Anxo VI que asigna o módulo de Promoción da Saúde ao Profesorado técnico de FP cando no anexo III está asignado ao PES.
 
No CS de Vitivinicultura hai unha diferencia no anexo III con respecto ao Real Decreto do ciclo nas especialidades do profesorado que debe impartir o módulo de Análise enolóxica. O RD especifica que poden impartilo PES das especialidades de Procesos na Industria alimentaria ou de Análise e Química Industrial e esta última especialidade non aparece recollida no anexo III do borrador de decreto.
 
Hai que ter coidado coa asignación de materias que se faga nos centros nos ciclos das familias de fabricación mecánica e de instalación e mantemento. Nos dous ciclos superiores da familia de fabricación mecánica (CS Construccións metálicas e CS Programación da producción en fabricación mecánica) perden carga horaria os PTFP de Oficina de Proxectos de fabricación mecánica e os PES de Organización e proxectos de fabricación mecánica. Cómpre tomar as medidas para preservar os postos de traballo do profesorado destas especialidades.
 
 
 
A Consellaría respondeu que
 
Non están de acordo en manter o módulo de síntese e vai desaparecer para reforzar os módulos nos que se precisa máis formación.
Non consideran necesario introducir a Formación do profesorado nos currículos.
Oferta modular de adultos: non hai que lle fixar tempo concreto, non se pode establecer que hai que facela en 3 anos obrigatoriamente.
Uso do galego: cumprirase o Decreto 124/2007 mentres estea vixente, traballarase no vocabulario galego e inglés para o uso do alumnado e profesorado.
Nos ciclos só haberá módulos ligados ás unidades de competencia, declaran que non introducirán novos módulos a maiores dos contemplados nos RD.
En canto aos equipamentos non aparecen nos RD de mínimos, polo que nos decretos tampouco van aparecer, desde a CIG manifestamos o noso desacordo porque entendemos que desta maneira non queda garantido que todos os centros (tamén os concertados) conten cuns equipamentos mínimos.
 
 
ROGOS E PREGUNTAS
 
A CIG reclamou a necesidade e urxencia de negociación dunha serie de cuestións para iniciar o curso vindeiro:
 
  • Calendario escolar para o curso 2009/2010.
  • Acceso a prazas sen cubrir nos Conservatorios Superiores.
  • Oferta de ciclos formativos para o vindeiro curso.
  • Oferta de programas de Formación Profesional inicial.
  • Negociación da resolución para a colocación provisional do profesorado de primaria e secundaria.
  • Oferta de Xeoloxía como materia optativa no Bacharelato.
  • Prazas SIEGA, asesores CEFORES, asesores do servizo de formación da Consellaría, prazas convenio, etc.
 
Ao mesmo tempo, volvemos incidir na necesidade de fixar un calendario de temas a negociar. De acordo con isto, e considerando as datas actuais, esiximos que debemos acordar, antes de setembro, a temática a tratar (rateos máximas, estabilidade interinos/as, administrativos/as nos centros, novos regulamentos orgánicos, mellora na xubilación anticipada, redución horario lectivo maiores de 55 anos, etc)

Volver