Cuarta reunión no SIMA do XIII convenio de Infantil 0-3

A CIG-Ensino rexeita a proposta de peche de convenio feita pola patronal por inasumíbel, inxusta e inxustificábel

A CIG-Ensino fai un chamamento aos catro sindicatos estatais para facermos unha contraproposta mantendo o mandato das traballadoras de acadar melloras laborais e sociais, non perder poder adquisitivo e garantir o IPC, manifestado nas mobilizacións, folgas e recollido na campaña de sinaturas levadas a cabo.

Na 4ª reunión no SIMA do XIII convenio de Infantil 0-3, celebrada o 14 de maio, as patronais presentaron unha proposta completa de peche do convenio, logo de máis de dous anos e medio de bloqueo das negociacións, que a CIG-Ensino rexeitou por inasumible, inxusta e inxustificable. A continuación explicamos os motivos para tomar tal decisión:

O 1º e máis grave é que falta a retroactividade (os atrasos), tal e como se reivindicou na anterior mesa do SIMA pola parte social. Só se recoñece o obrigado por lei debido ao SMI, que algunhas empresas xa pagaron, como tiña que ser. As subas na proposta patronal, comezan en setembro de 2024, e isto é inasumible ao supoñer unha enorme perda de poder adquisitivo; xa condonamos parte do 2021 e todo o 2022, polo que 2023 debe ter mínimo un "complemento de atrasos" (1500€ a cada traballadora, a nosa proposta se non había táboas de 2023 cos atrasos) e as táboas comezar en xaneiro de 2024, e con maiores subas en algunhas táboas, por suposto (poderían ser aceptables só as cantidades de xestión indirecta con novos pregos, que rematan no que esixíamos para 2026, pero non o resto)

Logo non hai melloras laborais (menos xornada como demandamos, mínimo lectivas e non lectivas, licenzas e permisos,...) nin sociais ( excedencias, descanso na xornada dos mínimo 15´como tempo efectivo de traballo, conciliación laboral e familiar,...), só adaptacións á normativa legal, obrigada xa por lei, e incluso involutiva nalgúns casos (contratacións, permisos, cláusula descolgue,...). A CIG-Ensino parte como non asinante do XII convenio, polo que por coherencia sindical non podemos darlle os parabéns con só prorrogalo ao XIII, sen melloras significativas, ademais con involucións e por enriba sen subas salariais dignas e xustas.

Táboa de Xestión Directa

Táboas de Xestión Indirecta

A proposta salarial a futuro non só non é insuficiente e inxusta, senón inxustificable, pois é inferior incluso a outras feitas anteriormente polas patronais. Só serían aceptables as de XI de novos pregos. Motivos do rexeitamento:

1º - Aumenta a diferencia salarial entre a xestión directa (XD) e a xestión indirecta (XI), cando para nós ten que ir na dirección contraria, “a igual traballo igual salario”, e máis cando se camiña cara a gratuidade no sector 0-3, como xa temos na Galiza. Exemplo: educadora de XI a setembro de 2026 (xa non xaneiro) cobrará 1.518,15€ (novos pregos) e a educadora de XD cobrará 1250€, máis do dobre que agora, sería a diferencia salarial facendo o mesmo traballo. As escolas de obras sociais e fundacións camiñarán cara estas táboas de XI tipo A.

2º - Mantense a discriminación salarial na xestión indirecta (XI), coas táboas a dúas marchas, que nunca compartimos na CIG e que de levarse a cabo, debe crearse un "complemento compensador" entre novos e antigos pregos de contratación (táboas A e B), que evite ou minimice a perda salarial entre unhas e outras. As traballadoras que cobraron no anterior convenio polas táboas baixas (B), ben saben o que é, pois só igualaron ao remate do convenio ao confluír as dúas táboas (confluencia que agora non queren recoller as patronais). Deste xeito mentres que nos novos pregos unha educadora cobrará dende setembro deste ano, 1.338,52€, outra educadora que non teña novos pregos cobrará 1.148,52€ (suba ridícula, que pasa a 1174,36 a setembro do 2025 e a 1186,10€ en setembro do 2026).

3º - As táboas “B” de XI teñen menos incremento salarial que as de xestión directa, cobrando menos, polo que volvemos ao convenio anterior e ás mesmas contradicións e irregularidades. Ademais as educadoras poderán verse equiparadas de novo salarialmente coas PAS polos futuros SMI, ao non garantirse un "diferencial salarial" coma sempre esiximos (100€) entre as dúas categorías. Deste xeito unha educadora de XD cobrará en setembro deste ano 1.190€, e en setembro de 2025 cobrará 1230€, rematando nos 1250€ en setembro de 2026 ( mira as das táboas “B” no anterior punto...). Logo o SMI de 2024 está en 1134€ e seguindo a progresión destes anos pasaría esas cantidades polo que volverían cobrar o mesmo educadoras e PAS.

O incremento dun 3% nos CPP dende setembro de 2024 é insignificante cando son tan baixos. Exemplo: un PAS ten 16,32€ e pasará a 16,81€ (+0,49€), educadora ten 22,33€ e pasará a 23€ (+0,67€), e así cada 3 anos!!!.

A creación dun novo salario para “cargo directivo temporal”, segue estando mal pagado.

No texto debe empregarse unha linguaxe inclusiva, sendo isto unha cuestión técnica, pero importante e máis ao ser un sector feminizado.

Sobre a posición das demais OO.SS estatais mantiveron a ambigüidade (xustificándoa pola falta de tempo para analizala proposta patronal, que tamén debía mandala antes) ao cualificala de “insuficiente”, por un lado, e “agradecer o traballo e esforzo” das patronais, por outro, por renunciar estas ás súas reivindicacións de “flexibilizar a xornada” e “recortar as IT” ( involucións das que partiu cando non constaban no convenio). Quedaron de responder no seguinte SIMA, por iso se aprazou este para o día 23 de maio ás 10:30h., previa reunión da parte social o día 22 e concretar unha contraproposta e trasladarlla á patronal no 5º SIMA do día 23.

Por todo isto, a CIG-Ensino fai un chamamento aos catro sindicatos estatais para facermos unha contraproposta mantendo o pulso á patronal e o mandato das traballadoras de acadar melloras laborais e sociais, non perder poder adquisitivo e garantir o IPC, manifestado nas mobilizacións, folgas e recollido na campaña de sinaturas levadas a cabo. Calquera acercamento a esta proposta patronal, que se move moi lentamente nas súas propostas, suporía un erro e unha traizón ás traballadoras/es do sector, así como unha nova sumisión e entreguismo á patronal. Máis cando esta estivo bloqueando as negociacións máis de 2 anos e medio, moi habilmente para gañar tempo e cartos, co consentimento dos sindicatos maioritarios que o permitiron coa inacción e pasividade inicial, que outros xa denunciamos con tomar medidas de presión.

Volver