Cualtis, empresa contratada para o recoñecemento médico, deturpa a toponimia oficial e só emite informes en castelán

A CIG-Ensino denuncia a desidia da Xunta de Galiza e o desprezo da empresa Cualtis.

Sangenjo*, Ginzo* de Limia ou La* Coruña. Estes topónimos deturpados e irrespectuosos coa toponimia oficial de Galiza figuran no directorio de centros de CUALTIS, empresa que se encarga de facer os recoñecementos médicos de todo o persoal da Xunta de Galiza, entre os que se atopa o persoal docente. Por outro lado, ademais deste uso vergoñento dunha toponimia ilegal, a empresa envía unicamente en castelán os informes médicos, sen preferencia nin sequera opción para poder recibilos en galego.

A CIG-Ensino vén de se dirixir tanto á propia empresa como á Consellaría de Educación para que tomen con carácter inmediato as medias necesarias para que os informes médicos estean preferentemente en galego e que sexa eliminados tanto da web como da documentación que recibe o profesorado toda a toponimia ilegal. 

Igualmente vimos de solicitar que nos futuros pregos de contratación para os recoñecementos médicos de todo o persoal da Xunta figure entre os requisitos o uso preferente do noso idioma en toda a tramitación dos informes médicos que recibimos. 

Os recoñecementos médicos, unha permanente fonte de conflitos coa Consellaría

A CIG-Ensino conseguiu hai anos que a Consellaría de Educación se vise obrigada a facer anualmente as revisións médicas ao seu persoal docente, vencendo todo tipo de resistencia por parte da administración educativa. Logo dun conflito colectivo gañado no 2012 no TSXG, tivemos que agardar a unha sentenza do Tribunal Supremo en abril de 2013 para que, dándolle a razón ao sindicato, se obrigase finalmente á Xunta a ofrecer un servizo ao que estaba obrigada pola Lei de Prevención de Riscos Laborais. 

Desde o primeiro momento a proposta da CIG-Ensino foi dotar á Consellaría de Educación dun Servizo de Prevención de Riscos á altura da dimensión do colectivo a atender (máis de 32.000 docentes) e facer un convenio co SERGAS para desenvolver estes recoñecementos. Porén, a Consellaría optou por externalizar este servizo e contratar a MUGATRA (propiedade de MUTUA GALLEGA) que foi finalmente comprada por CUALTIS, unha empresa con sede social en Madrid. 

Os servizos que presta esta empresa foron tamén denunciados en anos anteriores pola CIG-Ensino, principalmente polos desprazamentos que hai que facer para as revisións, especialmente no caso das revisións xinecolóxicas.

Volver