Correlingua volve ás rúas na súa edición número 23 nun momento de emerxencia lingüística

Esta mañá presentáronse en Pontevedra as actividades previas, o manifesto e o calendario de carreiras e concertos previstos para este mes de maio dunha edición "máis necesaria ca nunca"

Despois de varios anos nos que esta iniciativa de concienciación, promoción e normalización do noso idioma nas aulas tivo que adaptarse á situación ocasionada pola pandemia, neste 2023 recupéranse as carreiras que terán lugar en 12 vilas e cidades galegas durante o mes de maio co obxectivo de superar as cifras de participantes que chegaron en 2019 a 19.000 estudantes. O calendario de todas as actividades que conformarán esta edición foi presentado esta mañá por representantes das entidades organizadoras, A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Sociopedagóxica Galega e a CIG-Ensino no Concello de Pontevedra que tamén colabora xunto coas Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra e varios concellos galegos.

O carácter reivindicativo e lúdico da que é desde o ano 2000 a actividade pola normalización do galego nas aulas que une a todos os centros de ensino de Galiza estará máis presente ca nunca na súa 23ª edición, que foi presentada hoxe en Pontevedra. O Correlingua volverá encher as rúas das principais cidades e vilas galegas o vindeiro mes de maio coa recuperación das carreiras que, xunto coas festas e concertos, son a parte máis visible dunha morea de actividades que xa están en marcha e que foron detalladas esta mañá por representantes das entidades organizadoras, Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Anxo Terán, presidente da AC Correlingua, Celia Armas, secretaria da Mesa pola Normalización Linguística, Marta Ferreiro, membro da AS-PG e Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. 

Os representantes das tres entidades organizadoras sinalaron a recuperación dunha das características principais do Correlingua e a superación das limitacións que supuxo a pandemia para a súa celebración e coincidiron en apuntar o éxito que supón vinte e tres anos dunha manifestación lúdica na que está implicada toda a comunidade educativa, tanto profesorado como alumnado

Para Suso Bermello, "o Correlingua é moito máis que unha carreira, é unha festa e tamén é unha reivindicación do dereito das persoas a vivir no noso idioma". O secretario nacional da CIG-Ensino sinalou que en 2000, cando comezou a celebrarse o Correlingua "a situación do galego no ensino e na sociedade era dun devalo claro". Bermello fixo balance da perda de falantes e de competencia lingüística do alumnado que remata a educación obrigatoria desde entón asegurando que "agora estamos peor que hai vinte e tres anos". Engadiu que "isto é así porque a Administración autonómica ten un obxectivo: deixar esmorecer o noso idioma". Para Bermello "o Correlingua é unha ferramenta máis para animar a nenos e nenas, mozos e mozas a participar e a empregar a nosa lingua tanto dentro como fóra da escola e supón un punto de unión do traballo que se desenvolve durante todo o curso en moitos centros de ensino".

Neste mesmo sentido, Celia Armas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, sinalou que "os concursos como o Crealingua e o Cantalingua ou actividades como Regueifando ou os obradoiros de escrita creativa Desata a lingua xa están en marcha e supoñen unha dinamización do uso do galego por todos os centros de ensino do país", á vez que animou ao profesorado a informarse sobre estas iniciativas e a sumarse ás mesmas. Froito precisamente dos obradoiros Desata a lingua impartidos en 2022 polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao e nos que participaron alumnas e alumnos do IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES da Guía (Vigo), IES Chano Piñeiro (Forcarei), IES María Soliño (Cangas), IES Parga Pondal (Carballo), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Fontem Albei (A Fonsagrada) e do IES de Xove (Xove) saíu o Manifesto deste ano do Correlingua.

Pola súa banda, o presidente da asociación Correlingua, Anxo Terán, apuntou que despois de "tres anos de pandemia volver saír ás rúas supón volver á esencia do que é a actividade: carreira, animación, festa, concertos e todo o que se lle ocorra aos centros porque Correlingua asume todas as formas nas que a comunidade educativa queira participar".

Calendario das festas previstas para o mes de maio

Para asistir ás festas desta vixésimoterceira edición do Correlingua os centros teñen que cubrir a folla de inscrición na web do Correlingua nesta ligazón. Abriuse o prazo o 1 de febreiro e remata o 30 de abril.

Mércores 3 Ponteareas

Xoves 4 Vigo

Venres 5 A Coruña

Mércores 10 Ourense

Xoves 11 Lugo

Luns 12 Lourenzá

Martes 23 Ferrol

Mércores 24 Pontevedra

Xoves 25 Moaña

Venres 26 Compostela 

Luns 29 Monforte

Mércores 31 A Estrada

CIG

Outras actividades do Correlingua 2023

Regueifando!

Faremos unha gran regueifa colectiva.

Enviamos un titorial, o alumnado crea e grava 3 coplas na aula e mándase ao seguinte centro para que o continue. Ao final editamos un vídeo con todas as regueifas dos grupos participantes. Na edición de 2022 participaron 27 grupos doutros tantos centros de ensino de toda Galiza. Está actividade xa está en marcha en diversos centros do país.

Desata a lingua.

Obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras en aulas de 1º e 2º da ESO

Desde hai xa dúas edicións comezamos con estes obradoiros coa intención de elaborar un manifesto colectivo. O manifesto desta edición é o resultado dese traballo feito nos centros no último trimestre do 2022. Os obradoiros que se fan no 2023 darán como resultado o manifesto do Correlingua 2024.4

Crealingua.

Concurso libre de creación artística en galego.

O Crealingua é unha ventá aberta ao idioma, agardamos o aire fresco en forma de Banda Deseñada, Tik Tok, vídeo, blog e toda aquela produción feita polo alumnado. Data límite para o envío do material: 15 de abril

O premio será unha clase maxistral cun/ha profesional do ámbito no que participe o grupo gañador.

Cantalingua.

Concurso de música en galego.

Os grupos musicales que queiran participar envían unha canción en galego e teñen de prazo ata o 12 de marzo. O xurado estará formado polas entidades organizadoras e o alumnado da ESO que queira formar parte, para iso teñen que enviar un correo solicitando a participación. Os 3 grupos gañadores serán os que animen todas as Festas do Correlingua 2023. Na edición do 2022 participaron 35 (grupos e solistas).

Manifesto Correlingua 2023. Axuda a espallar!

NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA 

Podemos parecerche xente pequena, pero somos o futuro! Somos xente lista! Xente intelixente! E hoxe viñemos aquí a botar a lingua fóra! Porque a lingua que sacamos é a nosa: O GALEGO! Así que neste 2023 NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. 

Queremos botar a lingua fóra diante de vós, as nosas familias, e pedirvos que vós tamén o fagades. Faládenos en galego, axudádenos a falalo, practicade con nós. Familias, ensinade a lingua e vide berrar ben alto: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. 

Amamos o galego da mesma maneira que amamos todas a linguas e a súa riqueza, porque sabemos que cada lingua importa! NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. 

Botamos a lingua fóra diante das nosas mestras e dos nosos mestres. Para que se vexa que queremos unha escola que respecte e defenda de verdade o galego. Por iso berramos: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. 

Botamos a lingua para que se escriban máis páxinas en galego, que haxa en todas as teles presenza do galego, que nas radios se poña música en galego. Por iso hoxe berramos NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. 

Botamos a lingua fóra para que a literatura galega chegue aos medios, ás librerías e bibliotecas. Para que as redes en galego medren e nos cheguen. Para que a arte creada en galego saia por todo o mundo. Por iso berramos: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. 

Botamos a lingua fóra diante das institutións que teñen que defender o galego. Queremos vela nos documentos oficiais, no médico, nas tendas, nos medios, nos libros, nos videos, nas aplicacións.... Por iso berramos NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. 

Hoxe podemos facelo e imos facelo: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.

Volver