Correlingua leva a festa do galego a once localidades da Galiza

Concertos, regueifas, obradoiros, concursos e carreiras volven ser a festa de reivindicación do uso do galego

A Gramola Gominola, Cuarta Xusta e a Menánika Rolling Band gañan os tres primeiros premios de Cantalingua, con Paco Nogueiras e Pauliña no cuarto posto.

As cinco bandas serán as protagonistas das festas a celebrar nos centros repartidos por todo o país

Correlingua volverá encher toda Galiza da reclamación festiva do uso do galego en todos os ámbitos, pero especialmente entre o alumnado. Correlingua desenvolverase en once localidades no vindeiro mes de maio e en cada unha delas participarán alumnas e alumnos dos centros da súa contorna. Concertos, festas, regueifas, obradoiros, concursos son o centro dunha actividade que este ano acada a súa vixésimo cuarta edición.

Todas as actividades que convertirán o vindeiro de mes de maio nunha festa das escolas na Galiza foron presentadas no Concello de Santiago poñendo especial fincapé na importancia de traballar coa xente nova para garantir desde a festa e a celebración o futuro da lingua. Na presentación participaron representantes das entidades organizadoras, Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, Anxo Terán, presidente da AC Correlingua, Celia Armas, secretaria da Mesa pola Normalización Linguística, Xerardo Rodríguez Roca, da AS-PG, e Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. Entre as entidades colaboradoras figuran as deputacións de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e os concellos de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo, ademais do de Santiago.

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, explicou na presentación de Correlingua a importancia de eventos que chamen pola xuventude e pola rapazada para reivindicar o uso do galego, e que o fagan de maneira “festiva, sen prexuízos e desfrutando de todo o que ten que ofrecer o noso idioma e a nosa cultura”.

Os representantes das tres entidades organizadoras, CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS_PG, sinalaron a importancia dunha cita que pronto acadará un cuarto de século reivindicando de xeito festivo o dereito ao uso da lingua propia entre as xeracións máis novas. Unha festa na que está implicada toda a comunidade educativa e a as localidades nas que se celebra,

Para Suso Bermello, “Correlingua é moito máis que unha carreira, é unha festa e tamén é unha reivindicación do dereito das persoas a vivir no seu idioma”. O secretario nacional da CIG-Ensino sinalou que en 2000, cando comezou a celebrarse Correlingua “a situación do galego no ensino e na sociedade era dun devalo claro”. Bermello recapitulou a situación da lingua desde entón, salientando por unha banda o esforzo para todas as institucións que facilitan a súa celebración, pero chama a atención que a institución que ten todas as competencias, a Consellería de Educación, non participe”.

Celia Armas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, explicou as dimensións do Correlingua para este ano, apuntou as datas de celebración das festas que decorrerán o mes de maio engandido que “todas as iniciativas que promove o Correlingua nos centros supoñen na práctica que o “Correlingua estea en marcha todo o ano escolar”. Tamén salientou o feito de que Correlingua cumpra 24 anos o que a convirte “nunha das principais referencias na defensa da lingua”.

O presidente da asociación Correlingua, Anxo Terán, sinalou a importancia de todas as actividades que o evento realiza nos centros, os obradoiros os concursos, os encontros con autoras, actividades que mobilizan aos centros e que tamén mobilizan sectores da cultura do país como o musical, Terán deu a coñecer os gañadores da convocatoria do Correlingua deste ano que, en total, distinguiu cinco cancións de outras tantas formacións.

Estas bandas e solistas serán as encargadas de animar as festas nas once localidades que este ano visitará o Correlingua.

1º A Gramola Gominola coa canción ‘Superlingua’

2º Cuarta Xusta coa canción ‘Presumo de galego’

3º Mekánika Rolling Band coa canción ‘Miña nai’

4º Paco Nogueiras coa canción ‘Festa!’ / Pauliña con ‘Pauliña sen faser nada’ Podes escoitar todas as cancións que competiron aquí

Calendario de Carreiras e festas do Correlingua

Maio 2024

  • venres 3 A Coruña ao pé da Torre de Hércules
  • luns 6 Narón no Auditorio Municipal
  • martes 7 Bueu na Praza de Massó
  • mércores 8 Lugo na Praza de Sta María
  • mércores 15 Ourense no Auditorio e na Praza Maior
  • luns 20 Compostela na Alameda
  • martes 21 A Estrada na Praza da Feira
  • xoves 23 Vigo no Parque de Castrelos
  • venres 24 Monforte na Praza dos Condes
  • luns 27 Pontevedra na Alameda
  • mércores 29 Burela na Praza da Mariña

Outras actividades do Correlingua 2024

Regueifando!
Faremos unha gran regueifa colectiva.

Enviamos un titorial, crean e gravan 3 coplas na aula e mándase ao seguinte centro para que o continue. Ao final editamos un vídeo con todas as regueifas dos grupos participantes. Na edición do 2023 participaron 20 grupos doutros tantos centros de ensino de toda Galiza. Desde xaneiro pasado está en marcha en diversos centros de Galicia con alumnado creando coplas para Regueifando!, por exemplo o IES Antonio Fraguas en Compostela.

Desata a lingua.

Obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras en aulas de 1º e 2º da ESO Desde hai xa dúas edicións comezamos con estes obradoiros coa intención de elaborar un manifesto colectivo.

O manifesto desta edición é o resultado dese traballo feito nos centros no último trimestre do 2022. Os obradoiros que se farán no último trimestre de 2024 darán como resultado o manifesto do Correlingua 2025

CONCURSOS

Crealingua.

Concurso libre de creación artística en galego. O Crealingua é unha ventá aberta ao idioma, agardamos o aire fresco en forma de Banda Deseñada, Tik Tok, vídeo, blog e toda aquela produción feita polo alumnado.

Cantalingua.

O Cantalingua é un dos concursos musicais en galego máis veteranos e con máis participación na Galiza. Este ano enviaron a súa proposta de canción inédita e en galego un total de 29 bandas e solistas que podedes escoitar na ligazón na seguinte ligazón

Un xurado escolleu as mellores cancións entre as 29 presentadas este ano e o resultado da convocatoria é:

1º A Gramola Gominola coa canción ‘Superlingua’

2º Cuarta Xusta coa canción ‘Presumo de galego’

3º Mekánika Rolling Band coa canción ‘Miña nai’

No 4º lugar quedaron empatados Paco Nogueiras coa canción ‘Festa!’ e Pauliña coa canción ‘Pauliña sen faser nada’

Como é habitual nas convocatorias de Cantalingua, os grupos gañadores serán os que actúen nas 11 Festas do Correlingua 2024 durante o mes de maio, repartidas por centros de toda Galiza.

Manifesto Correlingua 2024

DENDE AQUÍ ATÉ ACOLÁ, GALEGO XA!

Esta é unha mensaxe para as familias, as institucións, os medios, as mestras e os mestres, as rapazas e rapaces coma nós: Dende aquí queremos berrar ben alto que non nos apetece, non nos presta e non nos peta que a nosa lingua esmoreza. Por iso vos dicimos:

Dende aquí até acolá, galego xa!

Coidar unha lingua é como coidar unha árbore. É síntoma de intelixencia, respecto e responsabilidade. Apreciar o galego e interesarse por el só nos conecta con cousas boas.

Por iso dicimos ben alto:

Dende aquí até acolá, galego xa!

Que a nosa lingua viva nas rúas, nas casas, en todas as cidades e vilas onde habita xente curiosa e intelixente. Que pasee sen vergoña polas radios, televisións, redes, cines, libros! Porque o galego está en todos eses lugares e non sempre somos conscientes do poderoso da súa presenza. Non é unha lingua nin morta nin atrasada. É unha lingua creativa e valiosa. Deixemos de preocuparnos polo galego e ocupémonos del.

Dende aquí até acolá, galego xa!

Démoslle visibilidade á nosa lingua, transmitamos o grande que é, ensinemos os sitios onde se fala e se fai moderna, excelente, valiosa. Seguídea. Dádelle a "gústame" e facédea medrar. Non sempre nos decatamos de que temos unha idioma que nos pertence e fala de nós, da nosa cultura e territorio. Do noso legado pero tamén do noso presente.

Por un galego falado, polo dereito a falalo sen medo,polo dereito a que se respecte.

Porque exista en todas as circunstancias sen vergoña.

Por un galego de hoxe e para mañan:

Dende aquí até acolá, galego xa!

Porque falalo é conservalo. E transportalo ao futuro. Fainos mellores. Fainos persoas respectuosas e atentas. Porque nós, e ti tamén, temos o poder de levar o galego dende aquí ate acolá.

Galego xa!

Este manifesto é o resultado dos obradoiros Desata a lingua celebrados no 2023 nos que participaron alumnas e alumnos do IES de Foz (Foz), IES Santa Irene (Vigo), IES Xunqueira 1 (Pontevedra) , IES Isidro Parga Pondal (Carballo), IES Xoán Montes (Lugo), CPI O Cruce (Cerceda), IES de Becerreá (Becerreá), IES Muralla Romana (Lugo). Os obradoiros foron impartidos polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao.

Volver