Correlingua dá continuidade á reivindicación dun galego vivo en Mondoñedo

Despois da manifestación multitudinaria do sábado, as carreiras e festas pola lingua farán parada esta semana en varias vilas e cidades galegas

A Praza da Catedral foi un ano máis o escenario que aglutinou a chegada do alumnado dos 11 centros da Mariña que participaron na edición deste ano, que puido gozar de dobre actuación musical: Paco Nogueiras e Mekánika Rolling Band.

A xornada transcorreu con dúas actividades diferenciadas para o alumnado de menor e de maior idade. Mentres que a rapazada dos institutos saía sobre as 11 da mañá da Alameda dos Remedios para percorrer a vila, os nenos e nenas de infantil e dos primeiros cursos de primaria dos colexios CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz, CEIP Álvaro Cunqueiro Mora, CEIP Península da Paz gozaban da actuación do artista Paco Nogueiras, presentado por Fran Rei, fronte á catedral.

Unha vez rematada a marcha, o alumnado dos IES Perdouro de Burela e San Rosendo de Mondoñedo subían ao palco para ler o manifesto deste ano. A súa participación no Obradoiro Desata a Lingua para elaborar este texto foi valorada como moi positiva tanto polos centros como pola organización do Correlingua.

Finalmente a música, tamén con moita marcha, na que se mestura festa e reivindicación a partes iguais púxoa a banda gañadora este ano do certame Cantalingua, Mekánika Rolling Band. Ademais, seguindo a homenaxe deste ano polo Día das Letras ás cantareiras e pandeireiteras houbo tamén alumnado que se animou a tocar e bailar unhas pezas.

Centros participantes

Até o concello mindoniense achegáronse este ano os centros da propia vila: IES Plurilingüe San Rosendo - CEIP Álvaro Cunqueiro; de Burela: IES Perdouro - IES Monte Castelo; de Ribadeo: IES Ribadeo Dionisio Gamallo – CIFP Porta da Auga; o IES de Foz; desde Cervo o CEIP Península da Paz; desde Xove o CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán - IES Illa de Sarón e de Viveiro o IES Vilar Ponte.

Colaboracións

O Correlingua, que este ano cumpre 25 edicións, é unha actividade normalizadora organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino. Para a celebración desta xornada en Mondoñedo contouse coa colaboración da Concellaría de Educación e a Alcaldía do Concello de Mondoñedo e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Ademais, tivo unha participación moi activa alumnado dos ciclos de Animación Sociocultural e Turística e de Atención a Persoas en Situación de Dependencia do CIFP Porta da Auga que se encargaron do coidado, atención e entretemento dos participantes de menor idade ou con diversidade.

Volver