Correlingua cumpre 25 anos

A festa da lingua percorrerá 11 cidades galegas con música, carreiras e outras actividades coa finalidade de seguir combinando reivindicación e lecer e de aglutinar a miles de estudantes arredor da normalización do galego.

Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, Marta Ferreiro, en representación da AS-PG, Anxo Terán, presidente de Correlingua, Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e Celia Armas García, coordinadora comarcal do Correlingua da Coruña participaron esta mañá na presentación desta 25ª edición marcada pola emerxencia lingüística que sofre a nosa lingua.

O Correlingua volverá encher as rúas galegas o vindeiro mes de maio con carreiras, festas e outras actividades que reclaman, un ano máis, poder vivir na nosa lingua, dentro e fóra do ámbito educativo. Todas estas actividades foron presentadas no Concello de Pontevedra coa participación de Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Terán, presidente do Correlingua, Celia Armas García, coordinadora comarcal do Correlingua da Coruña, Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, e Marta Ferreiro, en representación da AS-PG. Entre as entidades colaboradoras figuran as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, e os concellos da Coruña, Lugo, Santiago, Pontevedra, Vigo e Ferrol, a Academia Nós Oposicións, Eroski e a Fundación Xistral.

Na presentación da nova edición do Correlingua, o presidente da asociación organizadora, Anxo Terán, sinalou que "contra vento e marea cumplimos 25 anos coa axuda dos centros de ensino e o alumnado''. Explicou tamén a escolla do lema A mocidade activa por unha lingua viva, moi acaída porque a mocidade é quen ''vai apostar polo noso idioma para que este teña futuro''. Resaltou que, na práctica, o ''Correlingua é unha das poucas actividades normalizadoras da nosa lingua que se realizan no ámbito educativo ao longo de todo o territorio galego".

Para Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, ''nestes 25 anos de existencia, con participación moi notable de centros docentes, a Xunta nunca patrocinou, nin subvencionou, nin colaborou na principal actividade de dinamización da lingua que vertebra a todos os centros de ensino''. Bermello reivindicou o papel de docentes e escolares no traballo de recuperación da lingua, ''sen alumnado e profesorado que participe non é posíbel o Correlingua ao igual que sen o compromiso da comunidade educativa non se garante o futuro do galego''. Fronte ao desprezo das Consellarías de Educación e de Cultura, o Correlingua recibe apoio institucional doutras administracións ''por iso se presenta cada ano nun concello colaborador, que nunca coincide cos gobernados polo PP''. Insistiu en que o Correlingua é unha das máis grandes demostracións da normalización lingüística, en canto a cantidade de persoas que participan nel, e que está apoiada por docentes que traballan durante todo o ano nas diferentes actividades que contén.

Celia Armas, secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística e coordinadora comarcal do Correlingua da Coruña, valorou os 25 anos de existencia e fixo un repaso das actividades que se desenvolverán ao longo deste ano 2025 con parada en 11 localidades no mes das nosas letras. "Cómpre máis ca nunca facer visible o compromiso educativo coa lingua'', á vez que subliñou que o aniversario desta iniciativa fai ''que teñamos esperanzas no futuro da nosa lingua''.

O concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira, reafirmou o apoio do seu concello á celebración do Correlingua e aos profesionais docentes, especialmente nestas circunstancias, para ''converter o ensino nun lugar para o cambio'', subliñando que é ''imprescindible cambiar o rumbo da lingua galega e que a mocidade ten que sentir a necesidade de usar a lingua propia do país''.


Dossier de prensa Correlingua 2025. Descarga aquí.


Calendario de carreiras e festas do Correlingua

martes 6 A Coruña

mércorres 7 Cangas

mércores 7 Monforte

xoves 8 Compostela

xoves 9 Vigo

martes 20 Mondoñedo

mércores 21 Ourense

mércores 21 A Estrada

martes 27 Ferrol

mércores 28 Lugo

xoves 29 Pontevedra

Outras actividades do Correlingua 2025

Lema!

Cada ano os centros participan propoñendo o lema do Correlingua. Este ano, no último trimestre de 2024 participaron moitos centros de todo o país e enviaron 29 propostas. O lema gañador A mocidade activa por unha lingua viva! Foi unha proposta do alumnado do IES Breamo de Pontedeume.

Regueifando!

Faremos unha gran regueifa colectiva.

Enviámos un titorial, crean e gravan 3 coplas na aula e mándase ao seguinte centro para que o continue. Ao final editamos un vídeo con todas as regueifas dos grupos participantes. Na edición do 2024 participaron 19 grupos doutros tantos centros de ensino de toda Galiza.

Dende xaneiro hai aulas traballando a Regueifa e creando coplas.

Desata a lingua

Obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras en aulas de 1º e 2º da ESO

Desde hai xa dúas edicións comezamos con estes obradoiros coa intención de elaborar un manifesto colectivo. O manifesto desta edición é o resultado dese traballo feito nos centros no último trimestre do 2023.

Os obradoiros que se farán no último trimestre do 2025 darán como resultado o manifesto do Correlingua 2026.

CONCURSOS

Crealingua

Concurso libre de creación artística en galego.

O Crealingua é unha ventá aberta ao idioma, agardamos aire fresco das aulas en forma de Banda Deseñada, Tik Tok, vídeo, blog e toda aquela produción feita polo alumnado.

Cantalingua

Concurso de música en galego.

Os grupos musicales que queiran participar envían unha canción en galego.

Os grupos gañadores serán os que animen todas as Festas do Correlingua 2025.

Manifesto Correlingua 2025

A mocidade activa por unha lingua viva!

A mocidade galega sae á rúa hoxe para demostrar á cidadanía que temos a forza e a determinación para defender o futuro da lingua. Porque somos unha mocidade comprometida. E nas nosas mans está manter o galego vivo. Por iso queremos deixar claro que o galego resistirá grazas a...

Unha mocidade activa por unha lingua viva!

Sabemos que o galego é un tesouro que nos legaron aquelas persoas que, antes que nós, saíron á rúa coa lingua por bandeira. Aquelas persoas que conseguiron que o galego chegase aos xornais, ás radios e televisións, á escola e ás administracións. Grazas a esa xente podemos hoxe estudar na nosa lingua e falala en calquera circunstancia. Polas xeracións que non a deixaron morrer, nós tamén seremos...

Unha mocidade activa por unha lingua viva!

A nosa lingua é grande. Nela créase cultura que nos fai sentir orgullo da nosa lingua e de quen a fala: cine, música e libros que levan recoñecementos máis alá das nosas fronteiras. Porque non hai nada que non poidamos expresar nela, e porque sabemos que en galego podemos crear un mundo, dicimos ben claro que aquí está...

Unha mocidade activa por unha lingua viva!

Porque podemos vivir en galego, porque coñecer unha lingua sempre nos fai mellores, porque o galego acolle a quen se achega a el e porque queremos poder ser na lingua que herdamos... por todo iso reafirmamos que o futuro é...

Unha mocidade activa, por unha lingua viva!

Nós podemos facelo! Confiade na xente nova! Habemos levar a lingua con nós e falala con fachenda, porque sabemos que sería absurdo perder a oportunidade que nos brinda o galego de chegar máis alá! Por iso, o galego permanece sementado en nós. Non teñades medos nin reparos en falalo, porque o galego falado é o galego vivo e nós queremos...

A mocidade activa por unha lingua viva!

Este manifesto é o resultado dos obradoiros Desata a lingua celebrados no 2024 nos que participaron alumnas e alumnos do IES Arzobispo Xelmirez II, IES Alfredo Brañas, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Fonmiñá, IES Val do Asma, IES San Rosendo, IES Perdouro, IES 12 de outubro, IES San Mamede, IES A Guía, CPR Labor. Os obradoiros foron impartidos polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao.

Volver