Regularización económica do profesorado PTFP integrado en PES
Todo o que precisas saber do pago de atrasos pola integración no corpo de PES
EFECTOS ECONÓMICOS DA INTEGRACIÓN NO CORPO DE PES NA NÓMINA DE AGOSTO
Unha vez publicada no BOE a integración no corpo de PES do profesorado do corpo para extinguir de PTFP, a Consellaría efectuou o pagamento de atrasos e actualización de nómina. Isto é todo o que precisas saber para comprobar que o pagamento é correcto.
PAGO DE ATRASOS DO SOLDO MES A MES
Ten que figurar un apartado de atrasos no soldo por valor de 174,33€ nos meses de 2023, 170,08€ nos meses de 2022 e 164,33€ nos meses de 2021. Tamén se engades a diferenza no concepto “ipc galego”. Debe aparecer un por cada mes desde que se produce a integración: desde o mes de xaneiro de 2021 para quen xa era funcionariado de carreira nesa data e desde o momento no que se accede á condición de funcionario de carreira se é nunha data posterior (como é o caso do profesorado que aprobou as oposicións no 2021 e foi nomeado funcionariado de carreira en setembro de 2022).
Neste caso tamén deben figurar as diferenzas de cotización (a MUFACE e Clases Pasivas ou á Seguridade Social (cota obreira) segundo corresponda.
REVISIÓN DAS PAGAS EXTRAS
Nas pagas extras o soldo base do subgrupo A2 é superior ao do A1 (polo efecto dos recortes do 5% nas nosas retribucións executado polo goberno Zapatero e que ningún goberno posterior anulou, provocando que tanto salario base como trienios sigan recortados nas nosas nóminas). Por iso, na actualización das nóminas pola integración no corpo de PES, existen uns descontos nas pagas extras, como se pode ver neste exemplo.
ACTUALIZACIÓN E ATRASOS NOS TRIENIOS
Os trienios perfeccionados con anterioridade á integración no corpo de PES manteranse sempre como do subgrupo A2. No caso de perfeccionar un trienio con posterioridade á data de integración no corpo de PES a Consellaría debe recoñecer ese trienio como do subgrupo A1, con independencia do tempo traballado en cada corpo. Por exemplo, un trienio perfeccionado en maio de 2021 (polo tanto con máis de dous anos e medio no A2 e só uns meses no A1, desde xaneiro de 2021) pasa a ser do A1.
Temos constancia de erros cometidos pola Consellaría no pago dos atrasos dos trienios e tras poñernos en contacto coa Subdirección Xeral, confirman que hai erros de atrasos non pagados e tamén de pagamento de atrasos de trienios incorrectos. Informan que revisarán todo coa intención de pagar ou descontar o que corresponda na próxima nómina.
Unha vez regularizado todo, nas nosas nóminas deben aparecer diferenciados os trienios de cada corpo.
A CIG-Ensino mantén aberta a vía xudicial, pendente aínda de xuízo, para o recoñecemento dos efectos da integración para o profesorado que aprobou no 2021 e é funcionariado de carreira desde setembro de 2022 así como para o persoal interino.