Coronavirus
Urxe un protocolo que se envíe a todos os centros
Desde a CIG-Ensino insistimos en que é ás administracións, especialmente a sanitaria, mais tamén a educativa, ás que lles corresponde informar correctamente a toda a sociedade e concretamente á comunidade educativa. Debe existir non só unha total transparencia senón tamén unha correcta xestión das indicacións que debemos adoptar por parte de quen traballamos nun centro educativo no que se produce algún caso de contaxio e, por extensión, a todos os colectivos. Así, demandamos que se unifiquen criterios sobre como actuar, tanto no caso de que noso colexio ou instituto teñamos un caso de contaxio como se non.
Urxe un protocolo que se envíe a todos os centros.
É fundamental que se revise como se van a actuar á hora de recoñecemento de permisos do profesorado se se ve obrigado a ausentarse do traballo (deber inescusábel pola tutela dun menor ou pola cancelación de actividades lectivas nos nosos centros). A Consellaría ten marxe de manobra, tamén para mellorar certa improvisación que se está a producir nas zonas máis afectadas neste momento.
Tamén é importante acompañar aos centros educativos nas decisións a tomar en canto a manter ou non as excursións que se levan a cabo nestas épocas a países como Francia, Italia, Gran Bretaña… e que non sexan os centros e as familias as que teñan que tomar as decisións e no seu caso asumir os custes da decisión tomada.
A Dirección Xeral non aclara ningunha novidade e limítase a informar das reunións interdepartamentais nas que se coordina a actuación da Xunta.