Coronavirus: evitar o alarmismo, procurar información oficial e xestionar con transparencia e rigor as actuacións nos centros educativos

Ante a posibilidade de que a desinformación e os prexuízos se difundan máis rapidamente que o virus tras a noticia dun posíbel caso de contaxio nun centro educativo galego

Desde a CIG-Ensino apelamos a que toda a comunidade educativa, desde o profesorado ás familias así como o propio alumnado, evitemos caer no alarmismo e na busca de información en fontes que se alimentan de todo o relacionado coa expansión do coronavirus como se dun reality-show se tratar. Neste sentido, reclamamos dos medios de comunicación galegos que fuxan do tremendismo e do espectáculo que, por desgraza, se estendeu en medios estatais, especialmente na TV, nestas últimas datas.

Facemos igualmente un chamado a seguir en todo momento as instrucións que se dean desde as autoridades sanitarias, únicas responsábeis de informar á sociedade das novidades e consellos a adoptar, así como na toma de decisións para evitar ou minimizar o alcance da infección do Covid-19.

Tamén amosamos a nosa preocupación por certos prexuízos que se levan producido desde o comezo da infección a nivel internacional e que debemos evitar. Como docentes temos unha responsabilidade importante neste sentido mais sen descoidar o papel fundamental que teñen as familias.

O papel das administracións

Desde a CIG-Ensino insistimos en que é ás administracións, especialmente a sanitaria, mais tamén a educativa, ás que lles corresponde informar correctamente a toda a sociedade e concretamente á comunidade educativa. Debe existir non só unha total transparencia senón tamén unha correcta xestión das indicacións que debemos adoptar quen traballamos nun centro educativo no que se produce algún caso de contaxio e, por extensión, a todos os colectivos. Así, demandamos que se unifiquen criterios sobre como actuar, tanto no caso de que noso colexio ou instituto teñamos un caso de contaxio como se non.

Volver