Convocatoria OPOS 2010: A CIG-Ensino esixiu na mesa sectorial que as probas de acceso á función docente se realicen en lingua galega

Mesa Sectorial do 25 de Febreiro

A CIG-Ensino valorou como moi negativo e como inaceptábel o permanente ataque deste goberno á nosa lingua, e de cruzada permanente en todo o relacionado con calquera cuestión relacionada coa normalización lingüística. Un docente debe ter coñecemento pleno do noso idioma e difícil vai ser comprobar a competencia cunha validación ou a presentación dun certificado. A capacitación do seu uso oral e escrito queda demostrada realizando polo menos unha das probas en galego, como se viña facendo. Isto liquídase da convocatoria, para a CIG é inaceptábel. Reclamamos que se manteña a proba en galego. É máis a CIG vén defendendo que sexa en galego a totalidade da oposición. No borrador de Primaria aínda poñía que se presentaría a programación en galego, mais agora dísenos que é un erro. É inoportuno, inaceptábel, é unha desconsideración co idioma e coa formación dos docentes.

INFORMACIÓN MESA SECTORIAL 25/02/2010:

CONVOCATORIAS DAS OPOSICIÓNS 2010

Intervención inicial da Consellaría:

Indica que os rascuños presentados non teñen a penas modificacións, sacando as referencias lexislativas, como a da modificación da LFP de Galiza, da que se suprimiu a necesidade de realizar unha proba en galego, e en interpretación desta lei suprímese das convocatorias a obrigatoriedade do galego, por tanto había un erro na convocatoria de Primaria.
Outra modificación vén pola Lei de orzamentos que recolle a exención de pago de taxas aos parados. Menciónase unha lei publicada no BOE do 21 de decembro, en que se prorrogan os temarios vixentes. Menciónase na convocatoria de Secundaria o Real Decreto 48/2010, que modifica o anterior, no requisito de cando se debe posuír a formación pedagóxica e didáctica, para poder requirilo no momento de publicar as listaxes de aprobados do procedemento selectivo, para que teñan tempo de demostralo.
Cítase o RD1834/2008 segundo a cal en todas as especialidades dos corpos de Profesores de Ensino Secundario (PES) e EOI é esixíbel o requisito de especialización didáctica, co cal xa ninguén está exento.
Hai tamén unha actualización dos currículos das programacións: neste curso xa entrou en vigor a LOE en 5º e 6º de Primaria, e tamén hai as correspondentes modificacións en Secundaria.
Hai unha modificación en Secundaria no sentido de que no pasado houbo convocatorias diferenciadas para quenda libre e outra para promoción interna, este ano faise unha única convocatoria, por motivos económicos, por mor da redución dos orzamentos da Consellaría no pago de tribunais e por iso toman esta medida que é transitoria e non quere dicir que a compartan.
Fixeron unha modificación nas prazas de Secundaria na reserva de discapacitados en Inglés (-1) e (+1) en sistemas electrotécnicos e automáticos. Tamén hai unha modificación nos opositores aprobados: se hai renuncias dalgunha persoa que aprobe o procedemento selectivo, que pasen os seguintes. Pedirase ás persoas da reserva de discapacitados que faga unha petición da adaptación de tempos que precisan e se lles responderá.
Intervención da CIG-Ensino:
Lembramos unha vez máis que é fundamental, necesario e urxente tratar un acordo de estabilidade, pois se ben é certo que moito profesorado interino accedeu, tamén é certo que hai interinos e interinas que levan moitos anos traballando e empeoraron a súa situación, mesmo profesorado que non ten traballo. É importante tratar este tema, polo menos considerando certos colectivos.
Resposta: non está aberta esa posibilidade, nin hai disposición.
Sobre a convocatoria dicir unha vez máis que este non é o noso modelo de acceso á función pública, sempre defendemos un acceso diferenciado.
Valoramos como positivo dúas cuestións: a exención do pago de taxas ás persoas paradas e que as mulleres hospitalizadas poidan ter dereito a non estar presentes no acto de presentación (para evitar a discriminación por sexo).
Valoramos como moi negativo e inaceptábel, o que é unha pauta permanente, que é o tratamento da nosa lingua, sabemos que houbo unha modificación da LFP mais constatamos que o que hai é unha cruzada contra o noso idioma, algo que vai ter consecuencias negativas. Un docente debe ter coñecemento pleno do noso idioma, difícil vai ser comprobar a competencia cunha validación, cursos perfeccionamento ou celga 4. Capacitaría mellor realizar polo menos un terzo das probas en galego, como se viña facendo. Isto liquídase da convocatoria, para nós é inaceptábel. Reclamamos que se manteña, polo menos, esa parte da proba en galego. Nós xa defendimos no seu día que fose en galego a totalidade da oposición. Neste momento liquídase. En Primaria aínda poñía que se presentaría a programación e agora dísenos que é un erro. É inoportuno, inaceptábel, é unha desconsideración co idioma e coa formación dos docentes. Agardamos que o teñades en conta.
Resposta: é unha modificación normativa. Ademais engade que tampouco o bipartito utilizou todos os recursos previstos para ampliar a realización de probas en galego. Pensamos que o requisito requirido, celga 4, é suficinte, porque é C1, superior ao B2. Por outra parte a convocatoria recolle unha formación específica en galego no período de prácticas.
 
Outra cuestión é a consecuencia negativa da aplicación do mestrado, porque se está a aplicar de maneira retroactiva para o profesorado de Psicoloxía, Tecnoloxía, e de PES de FP, hai que pensar que se non teñen 12 meses de traballo non se poden presentar. Non se debe aplicar con efecto retroactivo. Vai haber persoal que non teña o mestrado porque até o de agora non o necesitou. Non se pode presentar ao procedemento selectivo e, como consecuencia, que o ano que vén non poida traballar. Agardamos que non sexa así e se manteñan na lista.
Resposta: O título de especialización provoca un problema importante, mais é un Real Decreto e non poden facer nada. É certo que vai haber persoas que non reúnan o requisito e é certo que se non o fan o mestrado non van reunir os requisitos nin este ano nin o seguinte, agás que reúna o requisito da experiencia docente. A Consellaría comprométese a traer un documento que implique que estas persoas non decaian inmediatamente da lista e dar un prazo razoábel para acreditar o mestrado.
 
Para a CIG-Ensino non é razoábel a situación económica para que se unifiquen as convocatorias de promoción interna e quenda libre. Reclamamos que se debe retomar a convocatoria diferenciada porque pensamos que é un gasto menor e é a mellor garantía para as persoas opositoras.
Resposta: pódese analizar o custe, mais estanse convocando especialidades en que vai haber moi poucos candidatos con carácter xeral. Se houbese un número de candidatos razoábel a propia convocatoria prevé que se poida facer a excepción, así que non o descartamos.
 
TRIBUNAIS:
Desde a CIG-Ensino demandamosque os tribunais da mesma especialidade actúen na mesma localidade. Segue habendo disfuncións e diferenzas, mesmo o idóneo sería que actuasen no mesmo centro. Hai que facer un esforzo maior, para unificar os criterios dos tribunais e por tanto a Consellaría debe clarificar e informar debidamente aos tribunais que deben cinxirse a xulgar as probas e que non é o seu cometido xulgar o sistema. A Consellaría deberá dar instrucións ás comisións para que cumpran debidamente o seu cometido e para que estean debidamente coordinadas, pois segue habendo casos de diferenzas na actuación dos tribunais dunha mesma especialidade. Tamén segue habendo problemas cos criterios de avaliación. Reclamamos que os tribunais deixen claro desde o momento da presentación cales serán criterios de avaliación e que se dea aos opositores o máximo de información.
Resposta: Na mesma localidade? é unha petición que afecta sobre todo a primaria. Non é fácil facelo. O RD permite a distribución por tribunais, se se fai, cada tribunal aplica o seu concurso oposición aos seus opositores. Coinciden que a coordinación é fundamental. Se o sistema que temos ten algún problema, a alternativa pode ter máis
Réplica CIG: ese sistema (distribución de prazas por tribunal) xa o houbo no seu momento e cambiouse a este outro por petición unánime, para mellorar.
 
Que todos os membros dos tribunais sexan por sorteo. Non estamos de acordo con que as comisións, ao estar integradas só polos presidentes, acaben sendo comisións de persoas designadas pola Administración, por iso entendemos que sería mellor que se constituíse por sorteo entre os membros dos tribunais, en todo caso que designe o presidente da comisión.
Renuncias a formar parte dos tribunais: Aínda que se avanzou respecto das renuncias a formar parte dos tribunais, entendemos que debe ampliarse ás tres últimas convocatorias. Resposta: aceptado
Canto á proporción de xénero para a composición dos tribunais que sexa proporcional á composición da especialidade, porque senón resulta que pode ser discriminatorio en contrapartida, en concreto no caso de Infantil.
Resposta: Proporción de xénero: están intentando cumprir a lei. Lembra o problema de infantil e co límite do 40% está resolto, tamén lles dá igual a facer unha representación porcentual. Mais non cre que iso resolva. Se non lle facemos unha proposta máis razoábel estudarana, podemos enviala por escrito.
 
Redución ráteo persoal opositor por tribunal: O ano pasado o número de persoas por tribunal era de 120, seguimos pensando que non deberían exceder de 90 opositores por tribunal, porque iso facilitaría que non se coñezan os méritos do concurso até o final da proba.
 
Informe:
En Primaria fala de 180 días, en Secundaria de 6 meses, pensamos que debe modificarse e manterse en 180 días.
Hai unha grande inxustiza para a CIG, que é o requisito de estar en activo o día da convocatoria, non debería ser así e se non se elimina este requisito, polo menos que se dea un período, desde a convocatoria até que finalice o prazo de matrícula.
Resposta: Estar en activo durante o período da convocatoria, e non o mesmo día: se non estás en activo o día da convocatoria e tes os 180 días poderían aceptalo. Pór o día da convocatoria é unha garantía xurídica da persoa.
Finalmente aceptan eliminar este requisito e que só se esixa que teñan acreditados os 180 días traballados no período de entrega de solicitudes.
 
Baremo:
 
  • Xa o temos dito e debe aparecer recollido que a coordinación de cursos equivale a asistencia.
Resposta: Coordinadores dos cursos: poden poñelo nas aclaracións
  • Dicir que non nos parece apropiado que ao Profesorado de relixión se lle dea esa puntuación no baremo, xa que accederon por un procedemento anómalo.
Resposta: hai sentenza do Tribunal Supremo
  • Que se compute o servizo de maternidade como servizos prestados, especialmente para o informe. O problema é da persoa que non está contratada por mor da súa maternidade.
  • Formación: é completamente inxusto a diferenza entre cursos de 30 horas e máis, e tamén pensamos que se debe recoller a puntuación de cursos impartidos inferiores a cinco horas (debe establecerse unha puntuación por hora).
  • Celga 4: Puntúanse os cursos de Iniciación e Perfeccionamento e as validacións até mesmo chegar a 0,8 ptos, mais non o Celga 4 porque non se considera un curso de formación. Demandamos que se puntúe igualmente, tal e como se fai coas validacións de Iniciación e perfeccionamento. Se isto se recorrese gañaríase. Que sexa coherente, se se puntúan as validacións, tamén o celga 4.
Resposta: Iniciación e perfeccionamento son cursos. Ditouse unha orde que di que a validación ten a mesma valoración cós cursos. Mais o Celga non é un curso, e por iso non se pode puntuar porque é unha proba, non un curso. A proba do Celga podía establecer que ten o mesmo valor ca iniciación e perfeccionamento, mais non o fai. Isto provoca inxustiza, mais non sabe como resolvela.
  • Que nos apartados 2.5. e 3.2. se inclúa a formación en normalización lingüística como transversal.
  • Aclarar na convocatoria que a asignación da puntuación é un acto público (momento en que o tribunal abre as plicas e asigna a nota de cada parte a cada opositor). O ano pasado díxose que se ía aclarar nas instrucións, mais non apareceu. Reclamamos que se recolla para que o persoal saiba a puntuación desa proba.
 
Outras cuestións:
  • Insitimos en que se debe garantir o anonimato (nalgunhas partes a numeración correlativa non o favorece).
  • As prazas da quenda de discapacitados ou de promoción interna, cando non se presenta ninguén, que se acumulen á oferta xeral. Ç
Resposta: agora xa non é posíbel porque o Decreto xa recolle a non acumulación. Só se podería estudar no caso de promoción interna.
  • Proba de galego: di que se vai gardar a nota da proba de galego en Secundaria para sempre, e en Primaria dous anos. Isto non se fai para o castelán! Non se pode desprezar máis o noso idioma. Por que non se aplica o mesmo no resto das probas? O que subxace é o pouco valor que se lle quere dar ao noso idioma.
Resposta: Respecto de manter o aprobado da proba de galego, vano estudar e, como mínimo darlle o mesmo tratamento de galego e castelán.
  • Programación: hai decretos dos ciclos formativos novos (aí non hai dúbida), mais hai decretos de currículo de ciclos non aprobados pero si hai un Real Decreto a nivel estatal. Entendemos que a Consellaría ten que aclarar en base a que currículos se fan as programacións, nós entendemos que se ten que facer de acordo co que está en vixencia en Galiza.
Resposta:Programacións de FP: vale a programación sobre calquera decreto que se estea a aplicar na Comunidade, por tanto, tanto o Real Decreto de ámbito estatal como os non derrogados en Galiza.
 
  • Datas da convocatoria: Xa o outro día se nos dixo que se ía atrasar a convocatoria, nós insistimos en que se aprace o máximo posíbel e queremos saber que data se está considerando.
Resposta: Data de convocatoria: a pretensión é que se poidan acreditar os 180 días, entón van convocar para Primaria a finais de marzo, e en Secundaria a principio de abril… vano estudar. En abril vai estar rematando o prazo. Acabará primeiro Primaria.
 
  • Non sabemos se todo o profesorado que é nomeado para centros doutras Administracións (Deputacións, Padroados,...) é coñecedor de que non poderá acollerse ao informe, mais a Consellaría di que non se pode facer e que ese profesorado opta a esas prazas sabendo que non terá dereito ao informe. Debería informarse a este profesorado.
  • Que vai ocorrer co tema de Administración de Empresas e Economía? Tamén o tema da sentenza que di que o profesorado pode estar en dúas listaxes.
 
Acceso de A2 a A1:
  • Que no acceso de A2 a A1 se puntúe a tesiña, suficiencia investigadora....
  • Que se eliminen os méritos por exercer a función inspectora, cargos directivos, cargos da administración e que se poida acumular o máximo de puntuación coa antigüidade no corpo.
  • Que se elimine o apartado 1.2 do baremo.
 
Proba:
  • Hai que considerar como gravar as probas prácticas (Conservatorio) para que se poida ter unha proba documental no caso de futuras reclamacións.
  • Debería facerse pública a puntuación de cada unha das partes da proba, sería positivo para os opositores.
  • Que as probas prácticas se realicen na mesma localidade.
Réplica CIG: que nas instrucións se aclare como se fai o cómputo do apartado 3.2. e o tema dos decretos de FP para a elaboración da programación
 
Respostas da Consellaría a outras cuestións:
 
  • Estamos nun proceso transitorio e levamos catro anos actuando da mesma maneira polo que non parece oportuno facer cambios.
  • Francés de Primaria: xa dixeron que non convocaban por mor da negociación do RD de Concurso de traslados, onde se está a propor que os especialistas non teñan a especialidade de Primaria.
  • Na oferta si se contemplan as prazas de xubilación LOE, fan unha estimación.
  • Reclamacións 10 días naturais.
  • Discapacidades: reunirase unha comisión e establecerá que adaptacións se aceptan.
  • Unidade didáctica: 30 días para entregala.
  • 8 de setembro/1 de setembro: nomeamento de prácticas: había problemas con intervención especialmente cos interinos, tiveron que iniciar os nomeamentos o día 8, e están nomeados até o día 8.
  • Entenden que negociaron a oferta, o que pasa que as argumentacións que se dan non convencen.
  • Devolución documentación: pretenden devolver a de promoción interna, do resto non a devolven porque están mantendo a puntuación doutras convocatorias e teñen que ter xustificación dos méritos alegados anteriormente.
  • Fase de prácticas vaise flexibilizar como en Secundaria.

    Varios (rogos e preguntas):
     
    Propostas da CIG:
     
    • Actuacións da Consellaría ante o temporal: Que se modifique a resolución que se publicou respecto de que sexan as direccións as que decidan en función da situación meteorolóxica. Non é unha decisión que lle corresponda a un centro, correspóndelle á Consellaría. Ademais os centros non teñen os mecanismos para tomar esa decisión.
    Resposta: A Consellaría cando ten que suspender as clases faino. Fíxoo con alerta laranxa, previsión de neve e xeo. Nesta ocasión o fenómeno é distinto, ventos e chuvia, non son iguais en todos os puntos. Na instrución non se fala de suspender as clases, senón tomar as medidas que se consideren. Invítanos a negociar un protocolo, dicimos que si.
    • ROCs (Regulamento Orgánico dos Centros): temos que poñernos de acordo xa que é un tema importante e que leva tempo, por tanto non se nos pode presentar unha documentación para tratar nuns días. Débese fixar un período de negociación, porque ademais haberá que consultar a opinión do profesorado. En relación con isto, o lóxico é establecer un calendario e fixar os temas, a nós preocúpanos tratar inmediatamente xubilación, redución para maiores de55 anos, redución de rateos, dotación de administrativos.
    • Intercambios co estranxeiro: xa o trouxemos, mais o que é certo que é unha desconsideración co profesorado, que está organizado… liquidalo sen máis non nos parece oportuno.
    • Plus de penosidade para o profesorado dos CEE: este profesorado trata con alumnado de características especiais, parece lóxico que exista un complemento.
    • Varios que se comentaron noutras mesas e non se contestan: Non os reproducimos, mais levamos días presentando varios e non se nos contesta. Non todas as direccións da Consellaría actúan igual, mais isto é unha consellaría e pedimos respecto ás organizacións sindicais e que nos responda ao que presentamos.
     
    A CIG insiste que hai que acordar o tema do tempo para os ROCs. Estamos de acordo en que se vén a semana próxima non vimos á mesa? Os restantes sindicatos din que si, excepto ANPE. O Director xeral de RRHH di que non o pode decidir xa que compete a outra dirección xeral.

    NOTA DE PRENSA ENVIADA POLA CIG-ENSINO AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:
     
    A consellaría de educación segue desprezando o galego, eliminando a realización en galego dunha parte da proba de acceso a función pública galega
    A CIG-Ensino esixiu na mesa sectorial que as probas de acceso á función docente se realicen en lingua galega
     
    A CIG-Ensino valorou como moi negativo e como inaceptábel o permanente ataque deste goberno á nosa lingua, e de cruzada permanente en todo o relacionado con calquera cuestión relacionada coa normalización lingüística. Un docente debe ter coñecemento pleno do noso idioma e difícil vai ser comprobar a competencia cunha validación ou a presentación dun certificado. A capacitación do seu uso oral e escrito queda demostrada realizando polo menos unha das probas en galego, como se viña facendo. Isto liquídase da convocatoria, para a CIG é inaceptábel. Reclamamos que se manteña a proba en galego. É máis a CIG vén defendendo que sexa en galego a totalidade da oposición. No borrador de Primaria aínda poñía que se presentaría a programación en galego, mais agora dísenos que é un erro. É inoportuno, inaceptábel, é unha desconsideración co idioma e coa formación dos docentes.
     
    A CIG tamén manifestou que é fundamental, necesario e urxente negociar un acordo de estabilidade, pois se ben é certo que moito profesorado interino accedeu á función pública, tamén é certo que hai interinos e interinas que levan moitos anos traballando e empeoraron a súa situación, mesmo quedando sen traballo. Ademais a CIG-Ensino indicou unha vez máis que este modelo de convocatoria non nos parece o máis axeitado, e que seguimos defendendo un procedemento de acceso diferenciado segundo as persoas opositoras teñan ou non servizos prestados.
     
    Outra das cuestións criticadas pola CIG é a aplicación con carácter retroactivo da modificación dos requisitos relacionados co título de especialización didáctica que até agora non se lle esixía ás especialidades de Psicoloxía, Tecnoloxía e FP, mais que agora se lle vai esixir. Isto pode ter como consecuencia que haxa persoas que non se poidan presentar por non ter 12 meses traballados e descoñecer que se lles ía pedir este requisito e non van poder telo nin este ano nin para a convocatoria do ano que vén. En relación con isto queremos dicir ademais que para acceder os cursos para a obtención dese título hai números clausus.
     
    A CIG tamén reclamou que a Consellaría dea instrucións claras e precisas aos tribunais para que non se produzan diferenzas nas súas actuacións. Ademais que aclaren na propia presentación cales van ser os criterios de avaliación dos opositores.
     
    Valoramos como positivo dúas cuestións: a exención do pago de taxas ás persoas paradas e que as mulleres hospitalizadas poidan ter dereito a non estar presentes no acto de presentación.
     
    A Consellaría aceptou a proposta da CIG de non ser requisito estar traballando o día da convocatoria para acollerse á elaboración do informe, deste xeito quen poida acreditar 180 días de servizos prestados neste curso poderá acollerse ao informe.

Volver