Convocado Consello Galego de FP para o vindeiro luns sen novidades ao respecto da oferta formativa comunicada pola Consellaría aos centros
Na orde do día aparece a Orde pola que se actualiza a oferta de FP para o vindeiro curso pero só dos centros públicos, así como o anteproxecto de decreto polo que se crean os 3 novos CIFPs
Animamos ao profesorado e aos centros a que nos envíen todas as alegacións a máis tardar mañá venres ao correo galiza@cig-ensino.gal, ante a premura da convocatoria. Desde o sindicato seguiremos insistindo en que estas decisións, de vital transcendencia para as condicións laborais do profesorado e para a ordenación académica teñen que pasar pola Mesa Sectorial, verdadeiro órgano de negociación coa administración.
O vindeiro luns terá lugar unha reunión do Consello Galego de FP, un órgano meramente consultivo con representación da administración, organizacións sindicais e empresarias, no que se tratará a Orde pola que se actualiza a oferta formativa de FP. Segundo se pode constatar na documentación enviada pola Consellaría, esta non inclúe ningunha novidade ao respecto do transmitido estes días aos centros de ensino. De feito nunha ollada rápida non hai ningunha rectificación sobre os ciclos ordinarios e modulares que son reconvertidos á modalidade online que, xunto coa Dual, ven incrementado moitísimo o seu peso sobre o global da oferta. A continuación pódese consultar a documentación remitida:
- Orde pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2023-2024. Ligazón.
- Anteproxecto de decreto .........., polo que se transforman o IES de Vilamarín, o IES Montecelo e o IES Audiovisual de Vigo en centros integrados de formación profesional. Ligazón.
As achegas deberán remitirse ao correo galiza@cig-ensino.gal.