Convocadas mobilizacións o 8 de marzo baixo o lema "A crise non a imos pagar as traballadoras"

A CIG ten convocadas para o día 8 de Marzo mobilizacións de delegadas en 12 cidades e vilas galegas para denunciar, un ano máis, as desigualdades e discriminacións que sofren as mulleres.

A CIG-Ensino participará activamente nestas concentracións pola mañá e nas mobilizacións organizadas polo movemento feminista por toda Galiza á tarde coa vista posta na necesidade de negociar coa Consellaría de Educación un Plan de igualdade para o profesorado que atenda, entre outras cuestións, unha revisión dos permisos e licenzas para que a conciliación non supoña un problema para o desenvolvemento da carreira profesional docente, a promoción efectiva da corresponsabilidade, a presenza en cargos docentes e non docentes, a existencia de protocolos contra o acoso etc. 

Un ano máis a CIG concibe o 8 de marzo como unha xornada de loita e combativa na que se denunciará a precariedade laboral que sofren as mulleres nun contexto de crise económica e de alza de prezos "que se está volvendo insostíbel", en palabras da responsábel de Mulleres da central, Nicolasa Castro, que vén de presentar un informe sobre a situación laboral das mulleres. No acto avanzou que a CIG sairá á rúa de novo cunha mensaxe clara e contundente dirixida aos gobernos: “A crise non a imos pagar as traballadoras”.  

A secretaria das Mulleres denunciou que “a discriminación salarial persiste”, porque aínda que a fenda se reduciu moi levemente -do 19 ao 18,6%- "mentres o 42.4% das traballadoras galegas obtiveron uns ingresos inferiores ao SMI (41,5 en 2019), no caso dos homes foron o 29,1% do total”.

A fenda de xénero nas pensións chega ao 34%

Canda iso lembrou que, tal e como se apunta no informe, os coidados son a segunda causa de xornadas a tempo parcial ou de abandono do mercado laboral no caso das mulleres, o que implica que no momento da xubilación “temos menores carreiras de cotización -aos 65 anos a diferenza chega a 10 anos e 1 mes- e menores bases de cotización”.

Neste sentido sinalou que “as diferenzas medias nas bases de cotización foron de 278 euros no ano 2020 e as maiores diferenzas sitúanse entre os 35 e 44 anos (395 euros mensuais)”. Por iso, segundo se recolle no informe, a día de hoxe a diferenza entre a pensión dunha galega e a dun galego é de 391,23 euros mensuais, superando xa a fenda de xénero o 34%.

Isto leva a concluír á secretaria das Mulleres que “se xa tiñamos claro que a fenda nas pensións vai seguir medrando ao non se corrixiren as desigualdades no mundo do traballo, coa nova reforma das pensións agrandarase aínda máis ao aumentar de 25 a 30 anos o tempo de cálculo”.

Castro Monteiro denunciou, por iso, a estratexia deseñada polo goberno que “nada ten a ver cos fondos das pensións, senón que vai destinada a diminuír as contías para derivar a capacidade de aforro á contratación de plans privados” e chamou a “defender unhas xubilacións públicas dignas pois, de se aprobar esta reforma, a maior parte das traballadoras estarán condenadas a sobrevivir con pensións miserentas xa que os salarios da maioría non chegarán para poder pagar un plan de pensións”.

Non máis 8 de marzo sen Plan de Igualdade para o profesorado

No ámbito do ensino público tamén hai fenda salarial e nas pensións, dado que as mulleres soen ser as que recorren maioritariamente a excedencias, reducións de xornada e permisos para coidado de persoas a cargo ou mesmo renuncian a traballar por este motivo, ocupan menos postos directivos malia representar o 74% do total do persoal docente e teñen menos anos de cotización.

Así mesmo, a Xunta de Galiza incumpre a normativa ao non contar cun plan de igualdade para o seu persoal que, desde o punto de vista da CIG-Ensino, é preciso negociar coa Consellaría de Educación debido ás particularidades do noso sector. Entre as propostas que a central sindical pretende que se negocien, ademais de dotar a todos os centros dunha figura de coordinación de igualdade con retribución e liberación horaria, atópanse as seguintes:

  • Exercicio corresponsábel dos dereitos da vida persoal, laboral e familiar: permitir a adaptación da xornada sen facer redución desta, revisar a normativa de permisos e licenzas…
  • Retributivas: estabelecer medidas efectivas para eliminar calquera fenda salarial entre mulleres e homes.
  • Formación: impartir formación durante a xornada laboral e con perspectiva de xénero.
  • Riscos laborais: introducir a perspectiva de xénero na avaliación de postos de traballo e facer efectiva a licenza por risco no embarazo e lactación.
  • Proceso de selección ou contratación: recoller na convocatoria das oposicións determinadas casuísticas derivadas do parto ou lactación. Modificar a normativa para garantir que se lle reserve unha vacante e se lle recoñeza o tempo como servizos prestados a unha muller en situación de IT derivada do embarazo.
  • Promoción profesional e infrarrepresentación feminina: garantir que o uso dos dereitos de conciliación non sexa un atranco para a promoción profesional das docentes en diferentes tipos de postos de traballo.
  • Violencia de xénero: elaborar un protocolo de atención ás vítimas de violencia de xénero.
  • Protocolo para a prevención e procedemento de actuación nos casos de denuncia por acoso: divulgar o protocolo e garantir a efectividade do proceso.
Concentracións de delegadas o día 8 de marzo

Pola tarde a CIG-Ensino participará activamente en todas as mobilizacións que convoca o movemento feminista galego, do que forma parte.

Volver