Convocadas as eleccións sindicais para o 1 de decembro de 2022

A data, proposta por todos os sindicatos convocantes, xa é oficial, tras aprobarse nas Mesas Coordinadoras provinciais.

O 30 de setembro, bota a andar o proceso das eleccións sindicais no ensino público galego que terá como remate a votación prevista para o 1 de decembro. Nesta cita fundamental renóvase, como cada catro anos, a totalidade da representación do profesorado galego do ensino público.

Na CIG-Ensino, sindicato maioritario en todo o país, que conta na actualidade con máis dun 42% da representación sindical (60 dos 142 delegados e delegadas electas), aspiramos a revalidar a nosa posición como referente na defensa do ensino publico galego e do seu profesorado, sen excepcións.

Achegámosche unha información de alcance para que controles os pasos de todo o proceso.

Censos electorais.

Os censos electorais coñeceranse o día 13 de outubro, cando as mesas coordinadoras rematen os seus traballos de confección de listas de persoas electoras e elixíbeis. A partir dese día deberán estar expostos en todos os centros educativos dependentes da Consellaría, tanto se teñen Mesa Electoral como se están adscritos a outro centro para votar. Todas as Mesas recibirán copia do seu censo e instrucións sobre como se pode reclamar.

Prazos.

  • Exposición do censo en cada centro: do 13 ao 19 de outubro.
  • Prazo de reclamacións ao censo: do 13 ao 20 de outubro. As reclamacións deben presentarse perante as Mesas Coordinadoras provinciais e non no propio centro. 

Tipos de Mesas Electorais.

Hai dous tipos de Mesas nas eleccións sindicais:

  • As Mesas Coordinadoras Provinciais. Unha por cada unidade electoral, a provincia. Está formada pola persoa con maior antigüidade (presidencia) e as persoas de maior e menor idade (vogais). Encárganse de coordinar todo o proceso e terán permiso desde o 30 de setembro até que remate o proceso.
  • As Mesas Parciais. Haberá un total de 874 mesas en todo o país, co seguinte reparto por provincias: 334 na Coruña, 125 en Lugo, 82 en Ourense e 333 en Pontev edra. Por acordo das organizacións sindicais que convocamos as eleccións constitúese unha Mesa en cada centro que teña seis ou máis unidades. Os centros de menos de seis unidades adscribíronse a unha Mesa con criterios de proximidade. Conforman a Mesa tres persoas (do total do censo, incluídos os centros adscritos) cos mesmos criterios das mesas coordinadoras. As persoas que forman parte das Mesas terán permiso retribuído durante toda xornada de votación e unha redución de 5 horas no día seguinte á votación. 

Constitucións das Mesas.

Día 30 de setembro. Constitúense as Mesas Coordinadoras Provinciais.

Día 3 de outubro. Constitúense as Mesas Parciais. Neste día debe cubrirse unha acta de constitución que hai que enviar desde cada centro con mesa electoral á Mesa Coordinadora provincial correspondente por correo electrónico.

A Consellaría de Educación, de acordo coas organizacións sindicais convocantes, elaborou unhas circulares coa información máis relevante.

Podes consultar as circulares no apartado de eleccións sindicais creado no portal web da Consellaría ou acceder directamente a estas ligazóns:

  • Circular para as direccións: ligazón
  • Circular para as Mesas electorais: ligazón

Os modelos oficiais que terán que cubrirse nas mesas parciais, con independencia de que sexan remitidos aos centros, están xa colgados na web da Consellaría:

Cada Mesa Coordinadora, máxime responsábel de todo o proceso, enviará oportunamente a todos os centros a información e documentación necesaria: censos electorais, candidaturas, instrucións para o día da votación…

CIG

A CIG-Ensino estará tamén á disposición de todo o profesorado durante estas semanas para solventar calquera dúbida organizativa, tanto nos nosos locais como nas propias Mesas Coordinadoras, onde unha persoa representará ao sindicato e asesorará aos membros desas Mesas. 

Volver