Información da mesa sectorial do 23 de maio

Concurso de dirección dos CFR e asesorías nos CAFI e servizos centrais, licenzas por formación e reintegro individual por asistencia a actividades de formación así como novas optativas da ESO

Orde do día
Concurso de dirección dos CFR e asesorías nos CAFI.

Ligazón ao borrador.

Ligazón ao CIG Informa

Asesorías en servizos centrais.

Ligazón ao borrador.

Ligazón ao CIG Informa

Licenzas por formación.

Ligazón ao borrador.

Ligazón ao CIG Informa.

Reintegro individual por asistencia a actividades de formación.

Ligazón ao borrador.

Ligazón ao CIG Informa.

Orde pola que se amplía a relación de materias optativas da educación secundaria obrigatoria e se establece o seu currículo.

Ligazón ao proxecto de Orde.

Ligazón ao CIG Informa.

Varios tratados na mesa de hoxe
Recuperación dos dereitos laborais do profesorado, coa volta ás 18 e 21 sesións lectivas en secundaria e primaria.

A CIG-Ensino reitera a demanda de recuperar as sesións que tiñamos antes dos recortes, mellorando as condicións nas que impartimos docencia así como a coordinación pedagóxica. É unha vergoña que neste momento Galiza sexa, xunto Madrid e Murcia, unha das comunidades que mantén os recortes que provocaron un claro empeoramento do traballo docente e unha importante redución de postos de traballo.

O director xeral de Centros e Recursos Humanos indica que a Consellaría está a traballar nunha serie de propostas que trasladará ás organizacións sindicais a comezos do curso próximo, entre as que estará o tema da carga lectiva do profesorado.

A CIG-Ensino considera que calquera proposta debe ser negociada antes de finalizar este curso para a súa aplicación no próximo curso. Igualmente debe partirse dun criterio único e claro: recuperar, cando menos, as condicións de traballo que tiñamos no momento no que o goberno de Feijóo aplicou o maior recorte nos dereitos do profesorado galego, voltando aos horarios lectivos arrebatados.

Rexistro de notas no XADE

A materia de Relixión no Bacharelato segue a aparecer con nota numérica no XADE malia que non se ten en conta para a nota media. O mesmo acontece na ESO e en Primaria. A diferenza está que na materia alternativa de libre disposición do centro de Bacharelato non se pode cargar ningunha nota numérica cando no Proxecto Competencial das demais etapas educativas, si. A administración comunícanos que van comunicarllo aos responsábeis do XADE para que o corrixan.

Avaliación nas EOI.

Está previsto actualizar a orde de avaliación que vén do 2008? Trasladarán a consulta a dirección xeral de Formación Profesional que é a responsábel das Escolas Oficiais de Idiomas. 

Atención preferente.

A Consellaría insiste na súa resposta de que non ofertará prazas de atención preferente para o vindeiro curso.

Prazas sometidas a convenio.

A convocatoria virá en breve á Mesa Sectorial.

Efectividade do pago ao PTFP que se integra en PES.

Non o van facer efectivo até que se publique en BOE o nomeamento como funcionariado de carreira.

Participación no CXT do profesorado que aprobe o concurso de méritos excepcional.

Diante da polémica ao redor da futura participación de quen aprobe este concurso e pase directamente, sen fase de prácticas, á condición de funcionariado de carreira, a Consellaría indica que a competencia única para poder introducir calquera modificación é do Ministerio. Con todo, a administración educativa galega tería solicitado un informe á asesoría xurídica da Xunta.

A este respecto a CIG-Ensino amosou a súa estrañeza polo feito de que haxa algunha organización que agora propón que se tomen medidas transitorias no concurso de traslados (sen aclarar en que consistirían aínda que entendemos que se refiren a unha reforma ad hoc do RD para que quen supere o concurso excepcional participe con cero puntos como o funcionariado en prácticas) cando non o fixo en ningunha das mesas docentes do Estado onde un tema destas características tería sentido.  

Así, desde o 21 de decembro de 2021 (negociación do sistema de ingreso derivado da Lei 20/2021 por concurso excepcional e concurso oposición extraordinario) até o  22 de setembro de 2022 (negociación da modificación do Real Decreto de concurso de traslados) non houbo ningunha proposta de modificación nesa liña. O Ministerio afirmou na Mesa de decembro de 2021 que, sen xénero de dúbidas, un sistema de ingreso mediante concurso non podería ter fase de prácticas ao ter esta un carácter eliminatorio e que o nomeamento sería directamente como funcionariado de carreira. Isto, insistimos, sábese desde decembro de 2021.

En todo caso, o que cada vez ten menos sentido, é que o funcionariado en prácticas participe con cero puntos no concurso de traslados, aínda que tomar unha medida como esta tamén é de competencia estatal.

Esta polémica cobra especial incidencia no resto do Estado ao se negaren, Ministerio e algúns sindicatos estatais, a modificar o concurso de traslados para aplicar, tal como se fai en Galiza desde o curso 2013/14 a directiva europea que veta o trato diferente entre persoal temporal e fixo. Mentres que en Galiza levamos nove anos con ese baremo, todas as demais CC.AA. aplicarán esa norma no vindeiro concurso de traslados, o que vai supoñer un cambio drástico que está provocando respostas sindicais tomadas tarde, mal e arrastro.

É moi importante ter en conta que adoptar unha medida como a que propón algún sindicato só tería efectos por un ano, xa que, como explicamos, desde o CXT de 2013/14 o profesorado que participa no concurso de traslados e ten antigüidade ou méritos perfeccionados como persoal interino ten toda esa puntuación, seguindo a xurisprudencia europea e a propia sentenza do TSXG, confirmada recentemente por outra sentenza do Tribunal Supremo.

Desde o punto de vista da CIG-Ensino nunha polémica na que, lexitimamente, se contrapoñen intereses diferentes, debe primar desde un punto de vista sindical, a coherencia, o rigor e a seguridade xurídica das propostas que se fan. Se o Ministerio (polo menos até agora) non tivo propostas concretas de cambios nin se ofreceu a aplicalos e se produce o nomeamento en BOE como funcionariado de carreira dunha persoa ou dun colectivo antes da publicación da convocatoria do concurso, a normativa de participación no CXT só ten en conta esa situación administrativa desde a que se participa e non como se chegou a ela (por concurso, por oposición ou por promoción interna de cambio de corpo). Dicir o contrario é mentir.

Volver