Convocada Mesa Sectorial para tratar o o Protocolo para o curso 2021/22 que vén de facer público a Consellaría

As liñas xerais do documento foron adiantadas polo conselleiro nunha comparecencia no Consello Escolar de Galiza

A Consellería de Educación adiantou hoxe nunha reunión do Consello Escolar de Galiza os elementos principais do Protocolo que posteriormente colgou no seu portal web e que será tratado, como demandou a CIG-Ensino, nunha reunión da Mesa Sectorial que terá o martes 13 de xullo.

O propio conselleiro avanzou na reunión que o Protocolo podería sufrir cambios xa que en agosto haberá unha nova revisión por parte do Ministerio e as CC.AA. É dicir, un ano despois, e con toda a experiencia acumulada, estamos como a comezos de curso: sométese todo ao interese dos diferentes gobernos por reducir o “gasto” en persoal.

O conselleiro tamén fixo balance do curso que vén de rematar. Sen autocrítica polos erros cometidos, querendo deixar de lado as irregularidades postas en evidencia pola Inspección de Traballo logo das denuncias da CIG e limitándose a “felicitar” á comunidade educativa mentres afirmaba que no curso que vén “farán o que teñan que facer”, en clara advertencia aos recortes que xa están en marcha en Infantil e Primaria, coa comunicación nesta datas de peches de aulas, xunto co recorte que vai ter lugar en secundaria en setembro. Como xa temos indicado con anterioridade desde a CIG-Ensino: deixen as felicitacións e déannos recursos humanos e económicos.

No protocolo, e segundo informou o conselleiro na reunión, van manterse boa parte das condicións do curso 2020/21….agás as melloras: haberá menos persoal (“farán o que teñan que facer”) e eliminaranse a maior parte dos desdobres e reducións de ratios. Polo demais, destaca o seguinte:

  • Elimínase a posibilidade do ensino semipresencial no bacharelato e mantense para a FP e ensinanzas de réxime especial
  • Ademais das reunións de coordinación e actividades non lectivas, inclúense asembleas e reunións para que se traten de facer de modo telemático
  • Elimínase o centro de saúde de referencia.
  • Elimínase a recomendación de que o persoal e profesorado non roten e se organicen en grupos estables.
  • En caso de transmisión moi baixa permitirase que os grupos de convivencia estable interaccionen con outros grupos do mesmo curso, sobre todo ao aire libre
  • A distancia mínima entre o centro das cadeiras será de 1,20 metros excepto en infantil e primaria, onde haberá grupos de convivencia estable. Engádese que, se o tamaño da aula non é suficiente para manter a distancia, poderán colocarse anteparos que garantan unha distancia de 1 metro.
  • O aforo dos aseos aumenta ao 50%
  • Engádense anexos específicos sobre, por exemplo, actividades complementarias e extraescolares e ventilación
  • Amplíase o aforo en bibliotecas ao 75% e recupérase o préstamo de libros
  • Permítese a compartición de material

A CIG-Ensino cuestionou que o conselleiro só falase de 1.200 contratos vinculados a programas como ARCO ou PROA (a media xornada) e que non se comprometese a blindar as 1.350 contratacións que a día 10 de outubro de 2021 se produciran por riba do habitual para dar resposta á covid.

No curso que remata queda claro que só o alto nivel de implicación de profesorado, persoal non docente, familias en xeral e, por suposto, o propio alumnado, puideron levarnos a onde estivemos: garantindo a presencialidade e a maior equidade posíbel fronte aos intentos iniciais da Consellaría de recorrer á semipresencialidade e a limitar ao máximo o aumento de persoal docente. Que agora se pretenda volver ás andadas dos recortes, das aulas saturadas e do profesorado insuficiente é a proba da falta de empatía e de compromiso da Xunta coa educación en xeral e co ensino público en particular.

Consulta o protocolo. Ligazón

Volver