Mesa sectorial: nova addenda ao acordo do persoal interino e substituto, convocatoria de integración do PTFP e modificación do calendario escolar
Tivo lugar o xoves 15 de decembro
Datas de matrícula nas oposicións do ano 2023.
Previo a comezar a orde do día da mesa sectorial a administración comunícanos as datas de matrícula para as oposicións, que serán do 10 ao 30 de xaneiro, publicándose a orde no DOG o 22 de decembro.
Addenda acordo persoal interino e substituto
Ligazón ao CIG-Informa coa información da mesa.
Engádese unha disposición transitoria ao Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias. Ligazón
- Disposición transitoria quinta
Ao tratarse dun procedemento excepcional e por unha soa vez, o persoal participante no concurso-oposición que se convoque en aplicación do artigo 2.1 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, non accederá ás listas de interinidades e substitucións reguladas no Acordo do 20 de xuño de 1995.
Convocatoria de integración do Profesorado Técnico de FP
Ligazón ao CIG-Informa coa información da mesa.
Orde pola que se convoca un novo procedemento para que o profesorado do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional se integre no corpo de profesores de ensino secundario. Ligazón
Modificación do calendario escolar
Varios presentados na mesa sectorial pola CIG-Ensino
Ligazón ao CIG-Informa coa información da mesa.
Datas do Concurso Xeral de Traslados
Solicitamos as datas de publicación das vacantes provisionais do CXT e da resolución provisional do mesmo.
Tamén preguntamos cando vai estar publicada a listaxe de instancias baremadas do CXT.
Prevén que se reúna a comisión de baremación de publicación en xaneiro. Non avanzan máis datas.
Prevención de condutas suicidas e autolesións do alumnado
A falta de formación e, sobre todo, de profesorado está a provocar problemas para xestionar o aumento de casos de alumnado con problemas desta índole.
A existencia de protocolos vólvese totalmente ineficaz e insuficiente se non existe profesorado para acompañar o alumnado e para actuar en situacións tan delicadas coma estas.
A directora xeral limítase a afirmar que está prevista unha formación específica para “coordinadores/as de benestar” e posteriormente para o profesorado xeral.
A CIG-Ensino lémbralle que formalmente non existen coordinacións de benestar e que está sendo o profesorado con carácter voluntario quen asume funcións de gran responsabilidade que nin lle corresponde nin se lles recoñece de ningún xeito, nin coa necesaria redución horaria nin con carácter retributivo.
A Consellaría non cobre as baixas docentes polo que resta de ano
Desde a CIG-Ensino esiximos que de inmediato se comece a chamar o persoal substituto para cubrir todas as vacantes de aquí ao 22 de decembro. O goberno do Partido Popular volve deixar claro que a calidade do sistema educativo galego e os dereitos laborais do profesorado non son algo do seu interese, e que a educación é un gasto que hai que cadrar.
A 13 de decembro, e unha vez que a Consellaría borrou todas as baixas inferiores a 15 días, atopámonos con 33 baixas sen cubrir, 11 de Ensino Secundario, 14 de Primaria, 7 de Formación Profesional e 1 das Escolas Oficiais de Idiomas. Entre as prazas non cubertas hai baixas de profesorado que imparte en segundo de bacharelato, o que vai supoñer un trastorno para un alumnado que se vai ter que enfrontar á ABAU.
A esta situación súmase que xa nas semanas anteriores, debido aos festivos do martes 6 e xoves 8, os chamamentos non foron normais e se procedeu ao borrado de moitas baixas.
Licenzas por formación
Queremos saber se hai novidades ao respecto da convocatoria das licenzas que non se ofertaron en tempo e forma para este curso académico, despois de que non se convocaran xa durante o primeiro curso da pandemia.
O director xeral informa da previsión de que se publicarían en xaneiro.
Queixas do profesorado de Infantil pola aplicación PROENS
A CIG-Ensino recibiu unha resposta por parte da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa sobre a a absoluta falta de adaptación da aplicación PROENS para infantil, nunha crítica que tamén se fai extensíbel a outras etapas educativas como Educación Especial e de Adultos. Foi esta: “A resposta ás cuestións plantexadas sobre Proens e a súa utilización para a elaboración das programacións da etapa de infantil, comunicamos que esta resposta está incorporada ao Documento de Axuda que figura na pantalla de inicio de Proens e é accesible para toda persoa usuaria”.
A CIG-Ensino considera totalmente insuficiente esta resposta e advirte de novo á Dirección Xeral de que debe reformarse e adaptarse esta ferramenta informática a todos os niveis e etapas educativas (Infantil, Educación Especial, Educación de persoas adultas…). A directora xeral limítase a dicir que PROENS está en permanente revisión e que a mellorarán.