Información da mesa do concurso excepcional, CXT e orientación

Mesa celebrada o 3 de outubro de 2022

Concurso Xeral de Traslados

Ligazón ao CIG-Informa do CXT na mesa sectorial.

Borrador da orde do CXT: ligazón

O prazo de solicitudes no CXT estará vinculado á decisión do Ministerio.

A CIG-Ensino considera un problema que os prazos de presentación de instancias se poidan retrasar se o MEFP desatende a nosa solicitude de non agardar pola modificación do RD de concurso de traslados.

  • A ter en conta
    • Só se pode participar por medios electrónicos e con rexistro único en xunta.gal
    • Haberá dous procedementos electrónicos específicos:
      • ED012A para participar no CXT
      • ED011A (baremo) só no caso de que se queira actualizar ou modificar o expediente (alegar ou presentar de novo a documentación para o baremo)
    • Para as publicacións (libros ou revistas) non se teñen que achegar orixinais, só portada e contraportada.
    • Poderán ofertarse vacantes nos CIFP para especialidades do corpo de PES para impartir módulos da FP Básica. Poderán adxudicarse de oficio.

Demandamos que se convoque o concurso para EPAPU e para os equipos de orientación específicos. A Consellaría confirma que haberá concurso para os EOE mais non para as EPAPU.

  • Vacantes e prazos
    • Este ano o concurso é de ámbito estatal, polo que todo o profesorado que cumpra cos requisitos xerais e específicos (perfil lingüístico) pode pedir destinos en calquera comunidade autónoma.
    • Vimos solicitando desde hai anos que non se oferten prazas naquelas especialidades nas que non hai funcionariado de carreira en Galiza. Este ano, esta demanda cobra especial relevancia xa que en todos estes casos esas prazas se ofertan para o concurso de méritos excepcional polo que sería ilóxico que se ofertasen esas prazas. A Consellaría afirma que non poden limitar as prazas que se poidan adxudicar mais que terán en conta a casuística que se dá neste ano polo proceso de estabilización.
    • Que todas as vacantes teñan perfil lingüístico galego. Todo o profesorado con destino en Galiza cumpre con este requisito e a medida implicaría un recoñecemento á necesidade de dominar o noso idioma para desenvolver o noso traballo como docentes. A día de hoxe son as especialidades de Infantil, Primaria e Ciencias Sociais do Corpo de Mestres, Xeografía e Historia e Bioloxía e Xeoloxía de PES, así como todas as especificas da FP e as de cátedras de música e artes escénicas as que teñen que acreditar o coñecemento da lingua galega. Non hai ningunha razón (agás o enfermizo desprezo polo  recoñecemento da nosa lingua por parte desta administración) para que este requisito se estenda a todas e cada unha das especialidades. Non van cambiar o seu criterio restritivo co noso idioma.
    • Transparencia na definición das prazas estruturais e vacantes. O proceso de negociación do concurso de méritos excepcional deixou claro que se poden identificar todas as prazas que están vacantes, sen xénero de dúbidas. Exiximos esa transparencia no CXT e que cataloguen e publique todas as prazas, identificando aquelas que non poden ser ofertadas e os motivos (reserva de praza por comisión de servizos, etc). A Consellaría recoñece a necesidade de regular as prazas estruturais e prevé facelo con posterioridade previa negociación na mesa sectorial.
    • Prazas desertas. Todos os anos hai prazas que quedan desertas porque hai máis vacantes que profesorado que as solicite, mais iso non debe ser razón para non ofertalas. A Consellaría debe garantir a máxima mobilidade. Afirman que se algunha Xefatura Territorial o fai, é incorrecto.
    • Corpo de mestres. Cubrir todas as prazas catalogadas nos colexios de Infantil e Primaria e crear as aulas habilitadas para incorporalas neste concurso. Neste curso hai 113 aulas de Infantil, 314 de Primaria e 47 de Educación Especial: un total de 447 aulas habilitadas que solicitamos que, previo estudo da súa permanencia a medio prazo, se incorporen na oferta de prazas do CXT. Falamos de, seguramente, máis de 500 postos de traballo.
    • Itinerancias de PT ou AL. Nos IES non hai itinerancias para prazas definitivas no CXT. Non ten sentido que se siga falando deles xa que as únicas prazas compartidas nestas especialidades son en centros de Infantil e leva á confusión que se citen os IES.
    • Prazas de oficio en Centros de Educación Especial. Demandamos que non se adxudiquen de oficio nos CEE prazas de especialidade do corpo de mestres diferentes a PT e AL (a día de hoxe hai catalogadas prazas de EM e EF en varios CEE).
    • Prazas nos CRA. Solicitamos que todas as prazas dos CRA (tamén EP e EI) sexan itinerantes a efectos do concurso de traslados.
    • Prazas de mestres na ESO. Solicitamos que se nos envíe a relación actualizada das prazas actualmente ocupadas por profesorado do corpo de mestres nos diferentes IES e CPI do país.
  • Negociación das vacantes
    • O CXT non debe seguir sendo un concurso “a cegas”. A Consellaría debe dar o paso que falta para mellorar o concurso de traslados: fixar unhas datas de negociación e publicación de vacantes provisionais que permita coñecelas antes do remate do prazo de participación.
      • Neste sentido propomos novamente que se fixe un calendario de xestión e negociación das vacantes, desde a proposta das direccións á Inspeccións á negociación sindical, de tal xeito que todo estea feito antes do remate do prazo de presentación de instancias.
      • Deste xeito todo o profesorado tería tempo suficiente para coñecer as vacantes que se ofertan. Desde a CIG-Ensino consideramos que debemos consolidar a transparencia e o rigor nas prazas que saen a concurso.

    Só se comprometen a adiantar todo o posíbel a publicación de vacantes mais sen comprometerse en que poidan estar nos prazos que solicitamos.

    • Debe regularse con claridade a determinación da especialidade pola que se debe ofertar unha praza cando podería ofertarse por máis dunha especialidade. Así acontece en varias especialidades específicas de FP ou con Latín e Grego. A Consellaría indica que se fai conforme á carga lectiva e que pode haber casos como Latín e Grego no que se introduzan cambios para garantir a mobilidade, neste caso de Grego. Indican que estarían en disposición de ofertar nun futuro as prazas destas especialidades por Cultura Clásica, mais que iso require unha negociación previa.
  • Outras cuestións xerais
    • Adxudicación de oficio. Seguimos a reclamar que a colocación de oficio estea limitada á especialidade pola que se opositou. Solicitamos que tampouco se adxudiquen de oficio as prazas de PES para impartir os módulos da FP Básica nos CIFP.
    • Comisión de avaliación.
      • Demandamos que o ámbito xeográfico da comisión de avaliación se estenda fóra da cidade de Compostela, como mínimo á súa área de influencia.
      • Non debe haber nomeamento a dedo e todos deben ser a sorteo.
      • Como nos tribunais das oposicións, debe figurar expresamente que se autoriza a renuncia se se formou parte da comisión nos últimos catro anos.
      • Solicitamos que os membros das comisións sexan substituídos desde o primeiro día no seu centro de destino.
    • Sistema de petición de vacantes diferente ao CADP. Como dicimos no caso do número de prazas debería existir un sistema de petición igual ao de CADP (a mesma petición dun único centro para a praza ordinaria, con ou sen itinerancia, reducindo deste xeito o número total de peticións). Levamos anos reclamando que a Consellaría traslade esta proposta ao Ministerio e sempre se nos di que a Consellaría está de acordo pero que non pode facer nada.
    • Prazas plurilingües. Debe rematar a arbitrariedade á hora de determinar as prazas bilingües xa que non existe control sobre elas. A CIG-Ensino é partidaria de que estas prazas, de existiren, deben estar catalogadas, tendo en conta o profesorado definitivo de cada centro e, de non habelo, con destinos provisionais. Reclamamos que non saian a concurso pois son un mecanismo anormal para mellorar a colocación e adquirir unha praza definitiva, adxudicando prazas nas que mesmo despois se deixa de impartir aulas nese idioma ou que só ten unha parte mínima do horario con perfil bilingüe. A provisión destas prazas debe ser como prazas ordinarias.
  • Baremo

    A Consellaría non tivo en consideración moitas das nosas propostas en relación ao baremo, alegando en moitos casos que está condicionado polo Real Decreto. Indicamos só as respostas que supoñen algunha novidade:

    • Queremos máis puntuación polo desempeño doutros cargos docentes. Buscamos un baremo máis xusto. A mellor opción é ampliar as posibilidades de acadar méritos no apartado doutros cargos docentes, o máis común a todo o profesorado. Esta puntuación está limitada: son só 5 puntos, fronte aos 20 por cargo directivo. Queremos reforzar o papel da función docente  para que teña o mesmo recoñecemento que o da xestión. Unha directora acada 20 puntos en 5 anos, un xefe de estudos precisa 8 anos para chegar a eses 20 puntos. Un titor, un xefe de departamento, unha coordinadora só poden sumar 5 puntos durante toda a súa vida profesional. Demandamos que a Consellaría levante a limitación para o apartado 4.3 (outras funcións docentes), de tal forma que todo o mundo poida acadar os 20 puntos.
    • Tamén debería puntuarse a substitución de cargos directivos e coordinación de ciclos ou xefaturas de departamentos. É un aspecto totalmente discriminatorio e inxusto.
    • Que puntúen todas as coordinacións. Para iso entendemos que só sería preciso que se indicase no apartado 4.3 que se puntúan “outras figuras análogas”. Neste momento non se puntúa a coordinación de coeducación e pode existir algunha máis que se autoriza nun centro e que, ano estar recollida nuns ROC obsoletos, non se puntúa.
    • Recoñecemento a todos os efectos (económicos e de puntuación) da xefatura de departamentos das segundas linguas estranxeiras diferentes do francés, única recollida actualmente (portugués, alemán). Outro exemplo da necesidade de actualizar os ROC.
    • Apartado 1.1.3. A antigüidade en centros de especial dificultade debe ser permanente e sen exclusións. Xa avanzamos en anos anteriores que a CIG-Ensino é partidaria de que está puntuación non sexa consumíbel como é actualmente (cando se cambia de centro deixa de puntuar) para que permaneza ao longo da carreira profesional como recoñecemento ao traballo feito nese tipo de centros. Creemos, ademais que as sentenzas do T. Supremo de 2021 que indican que “os servizos prestados en centros que estiveron cualificados de especial dificultade deben ser valorados, incluso se o centro desde o que se concursa non ten nese momentotal cualificación” van na liña da nosa solicitude. Por outro lado, e como lle fixemos ver ao Ministerio, debe terse en conta o tempo traballado nestes centros coa condición de persoal interino. Sen cambiar o texto actual e respectando a sentenza do TSXG de 2014, pode facerse no caso dunha mestra que participa no CXT e, sen ter cambiado de centro, ten tempo traballado como interina no mesmo centro. Non o facer, implica unha clara discriminación. Informan que non están aplicando esta puntuación a quen foi persoal interino porque esta puntuación está vinculada a ter destino definitivo ou provisional, ambos como funcionariado de carreira. Non verían mal introducir a nosa proposta de que fose unha puntuación non consumíbel mais iso depende do RD.
    • Apartado 1.2. Antigüidade no corpo. Mantemos a nosa discrepancia con que o profesorado de linguas do corpo de PES que impartiu nas EOI non se lle puntúe debidamente cando tivo que impartir neses centros obrigatoriamente. Cremos que hai marxe legal para puntuar a antigüidade no corpo de procedencia (PES).
    • Responsábeis de centros de menos de 3 unidades. Que se articule unha solución para que se teña en conta a puntuación que merecen estas persoas responsábeis.
    • Apartado 3.1. Doutoramento, posgraos e premios extraordinarios: Non é razoábel que a puntuación non sexa por “cada” mestrado ou doutoramento. Non ten sentido que se puntúen, por exemplo, todos os certificados de niveis C1 de linguas e non todos os graos ou mestrados. Cremos que chegar ao tope da puntuación de cada apartado puntuando máis dun mestrado entra dentro da marxe de interpretación do Real Decreto.
    • Apartado 3.1.3. Diploma de estudos avanzados (DEA) debería ter a mesma puntuación cós mestrados, pois están equiparados.
    • Apartado 3.3. Que se recolla a puntuación do nivel básico das EOI (A1-A2)e o Grao elemental de música.
    • Apartado 5. Formación: que se teñan en conta as actividades de contidos de lingua e cultura galega.
    • Apartado 6. Outros méritos. Puntuación de composicións. Hai solicitudes feitas pola CIG-Ensino desde hai tempo das que non obtemos resposta, poñendo sempre como escusa unha suposta posta en común co Ministerio que nunca chega . Queremos saber, en concreto:
      • Se se van ter en conta tanto as composicións estreadas como as publicadas e ter claros os requisitos en ambos casos, xa que hai tanto estreadas publicadas como non publicadas. Debe garantirse que se poida puntuar todo mérito artístico e fixar criterios claros. No caso das publicadas debe esixirse o ISMN como nas publicacións.
      • Se se atopou solución para as publicacións feitas no estranxeiro, porque se cadra non teñen Depósito Legal ou ISBN e non se están puntuando. Non parece axeitado excluílas. Debe esixirse o requisito equivalente en cada país.
      • Se existe algún impedimento legal para incluír neste apartado, como propoñemos, os méritos de Arte Dramática e Audiovisuais.
    • Apartado 6.4. Servizos prestados á Administración. Debe eliminarse do baremo así como a puntuación pola condición de catedrático/a.
    • Apartado 6.5. Participación nos tribunais. Non parece axeitado que se considere esta puntuación a quen ocupou a presidencia, porque foi a dedo. Que sexa igualmente a sorteo para que se lle poda ter en conta.
    • Apartado 6.6. Titorías de mestrados. Débese regular o acceso a elas nos propios centros para que, se hai varias persoas que queiran acceder a esa situación, todas poidan ter ese dereito. Pedimos datos sobre se existe dificultade para cubrilas, logo de ler unhas declaracións do conselleiro no que afirmaba isto.
    • Novo apartado 6.7. Coñecemento da lingua galega: hai comunidades con lingua propia que teñen desenvolvido este apartado. En Navarra pódense acadar 3 puntos; no País Valenciano 5 puntos. Potenciemos a formación de calidade na nosa lingua entre o profesorado e incorporemos ese recoñecemento nos méritos do CXT.
    • Disposición complementaria 2ª. A Consellaría pechou hai tempo a posibilidade de que os mestrados propios das universidades poidan puntuarse no apartado 3.1.2. e é un tema que requiriría unha revisión a nivel estatal na Comisión de Persoal do MEFP.
Orientación de Primaria

Ligazón ao CIG-Informa sobre a negociación das vacantes na que esiximos que se cree, previa negociación na mesa sectorial, a rede da orientación, incluíndo departamento de orientación en todos os centros de seis ou máis unidades de EI e EP.

Ligazón ao borrador do Anexo III, vacantes do concurso de orientación

Ligazón ao borrador do Anexo IV, posíbeis resultas do concurso de orientación

Concurso excepcional

Información sobre a Mesa Sectorial do concurso excepcional de estabilización

Está previsto que o prazo de presentación de instancias comece o 18 de outubro para todos os corpos agás as do antigo corpo de PTFP.

Ligazón a información sobre o concurso excepcional.

Borrador da Orde do ......de ........ de 2022 pola que se convocan procedementos selectivos extraordinarios de estabilización para o ingreso mediante concurso de méritos aos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos de música e artes escénicas, profesores de música e artes escénicas, profesores de artes plásticas e deseño, mestres de taller de artes plásticas e deseño e de mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001B): ligazón

Orde do ......de ........ de 2022 pola que se convocan procedementos selectivos extraordinarios de estabilización para o ingreso mediante concurso de méritos aos corpos de profesores de ensino secundario e profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, nas especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de formación profesional (código de procedemento ED001B): ligazón

Documento elaborado pola CIG-Enisno con todas as prazas convocadas.

Varios

Os varios quedaron aprazados para unha futura mesa sectorial, dado que se rematou a negociación dos puntos anteriores pasadas as 15:30 horas.

Volver