Información da mesa sectorial: transformación e peches de centros así como vario das oposicións

Negociada a orde de adscrición de profesorado afectado pola transformación de IES en CIFP e peche de colexios

CIG

Modificación do anexo das prazas na orde de transformación dos IES en CIFP.

A Consellaría vén de remitirnos na tarde do xoves 22 de xullo, dous días despois da Mesa, unha modificación do anexo das prazas da orde que regula a adscrición do profesorado afectado pola transformación de IES en CIFP. 
Os cambios inclúen, entre outras, as modificacións solicitadas pola CIG-Ensino. 
Estas son as novidades que podes ler no anexo
IES BREAMO. Engádense ás prazas iniciais unha praza de cada unha das seguintes especialidades: Filosofía, Matemáticas (agora 2 en vez de 1), Latín, Tecnoloxía, Física e Química e Inglés
CIFP FRAGAS DO EUME. Elimínase Tecnoloxía e cambiase por Matemáticas e engádese Francés.
IES CATABOIS. Engádense unha praza de cada unha das seguintes especialidades: Lingua Castelá e Física e Química.

A CIG-Ensino demandou un cambio total na xestión da rede de centros e dos seus efectos no profesorado, evitando as medidas arbitrarias dalgunhas xefaturas territoriais e fixando uns criterios obxectivos para o peche ou agrupamento de unidades, evitando situacións como a que se está a dar no CEIP Areouta do Sardiñeiro.

Orde pola que se adscribe o profesorado de dous IES que se transforman en Centros Integrados de FP (IES de Leixa e IES Fragas do Eume), se trasladan ensinanzas de FP (IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes) e se trasladan a outros colexios polo peche dos seus centros (CEIP Pino de Val e CEIP de Baamonde).

Borrador da Orde. Ligazón

Texto definitivo. Ligazón

Na Mesa Sectorial do 20 de xullo, a Consellaría presentou a orde que desenvolve o decreto polo que se crean tres novos CIFP por transformación de IES. Nun deles, o CIFP Universidade Laboral de Culleredo os cambios non afectan ao profesorado xa que xa só se imparten ciclos de FP. Nos outros dous (Leixa e Fragas do Eume) si hai docentes que se trasladan coas ensinanzas da ESO ou o Bacharelato).  A todas e todos eles aplícaselles a efectos de antigüidade, tal e como regula o decreto 140/2006, a que tivesen no centro de procedencia. Tamén se trasladan as ensinanzas de dous ciclos de FP do CIFP Ferrolterra e do IES N. Sra dos Ollos Grandes, cos mesmos efectos para o profesorado trasladado.

A Consellaría aproveitou a publicación obrigatoria desta orde para dar conta oficial do peche de dous colexios, nos concellos de Mazaricos e Begonte. No caso do segundo, o de Baamonde, cunha forte oposición das familias afectadas que desde a CIG-Ensino apoiamos. Non consideramos acertado o peche de ningún colexio e menos nestes momentos. Todo peche acaba implicando unha perda na oferta educativa para a localidade e parroquias afectadas e, por tanto, unha medida contraria á prestación de servizos públicos no medio rural. Mais aínda se, como nestes casos, estas medidas non contan co respaldo unánime ou moi maioritario das familias e non se acompañan con proxectos educativos ou sociais alternativos que potencien o uso dos edificios. 

Os efectos desta orde son claros: tanto en secundaria como en infantil e primaria todos estes cambios implican perda de postos de traballo.

A CIG-Ensino demandou que, así como figura un anexo coas prazas necesarias, apareza un anexo coas prazas suprimidas. A Consellaría non está disposta a facelo ao non consideralo necesario e proporcionou na reunión todos os detalles das prazas que se perden polo cambio de ensinanzas.

Urxe un cambio na xestión dos cambios na rede educativa

A CIG-Ensino aproveitou o debate desta orde para amosar o seu rexeitamento ao proceder habitual da Consellaría nos cambios na rede educativa, con peches de aulas e clausuras de centros educativos cada ano, sempre sen negociación previa nin contraste, ben sexa na Mesa Sectorial ou nas Xuntas de Persoal. As decisións de recortes que a actual Consellaría vén aplicando na última década teñen provocado a perda de centos de postos de traballo de profesorado, case sempre no ámbito rural. Por todo isto, a CIG-Ensino considera que urxe un cambio que parta do seguinte: 

  • negociación previa coa representación sindical das modificacións de unidades e postos de traballo nos centros de infantil e primaria. 
  • fixación duns criterios obxectivos para impedir o peche de centros ou o agrupamento de niveis con carácter xeral.

Como exemplo do que é unha nefasta xestión  e un exemplo de desprezo polo ensino público e a comunidade educativa en xeral temos o caso do CEIP Areouta no Sardiñeiro (Fisterra) no que a Xefatura Territorial pretende agrupar a 17 alumnos e alumnas de 1º a 6º de Primaria nunha única aula en vez de manter as dúas actuais, nunha clara estratexia de asfixia ao centro para que as familias acaben por decantarse por mandar fillos e fillas a outro centro escolar. CIG-Ensino pide unha rectificación e o mantemento das 2 aulas. 

Tamén lembramos a denuncia doutros casos que vimos coñecendo de recortes de unidades nunha auténtica carreira por reducir profesorado.

TRANSFORMACIÓN DE IES EN CIFP:

Créanse 3 centros integrados de FP

CIFP LEIXA (FERROL)

CIFP UNIVERSIDADE LABORAL (CULLEREDO)

CIFP FRAGAS DO EUME (PONTEDEUME)

Profesorado afectado

Adscrición desde o CIFP Fragas do Eume ao IES de Breamo (Pontedeume)

Adscrición de 11 docentes ao IES Breamo: (2 Lingua Castelá, 2 Lingua Galega, 2 Xeografía e Historia, 1 Matemáticas, 1 Bioloxía e Xeoloxía, 1 Debuxo, 1 Música, 1 Ed. Física)

Permanecen no CIFP Fragas do Eume: 3 docentes (1 Inglés, 1 Tecnoloxía, 1 Lingua Galega)

Profesorado desprazado ou suprimido: 1 Filosofía, 1 Latín, 1 Matemáticas, 1 Física e Química, 1 Francés, 1 PT (mestres)

Adscrición desde CIFP Leixa a IES Catabois (Ferrol)

Adscrición de 4 docentes ao IES de Catabois (Ferrol): 1 Matemáticas, 1 Bioloxía e Xeoloxía, 1 Inglés, 1 Lingua Galega

Permanecen no CIFP Leixa: 1 Lingua Castelá, 1 Inglés, 1 Física e Química

Profesorado suprimido ou desprazado: 1 Ed. Física

A Consellaría advirte dun cambio importante que avanzan nesta orde e que terá plena implantación no CXT próximo: a dotación de prazas definitivas de especialidades de Secundaria para impartir os módulos comúns da FP Básica en todos os CIFP. De aí que deixen quedar prazas nos CIFP que se crean nesta orde. 

A CIG-Ensino solicitou que, no caso de existir carga lectiva nos centros receptores (Leixa, Breamo) das especialidades comúns que quedan nos CIFP, o profesorado poida adscribirse aos IES. As prazas que puidesen quedar libres nos CIFP se cubrirían no CADP e posteriormente no CXT con novas definitivas.

A Consellaría afirma que van revisar a necesidade de docentes nos IES e que, caso de haber horario, estarían  en disposición de aceptar esta proposta.

Traslado de ensinanzas de FP

O Ciclo Superior de Educación Infantil pasa do CEIP Ferrolterra ao CIFP Leixa. Non se especifica profesorado afectado. 

O Ciclo Superior de Ensinanzas e Animación Sociodeportiva pasa do IES N. Sra dos Ollos Grandes ao CIFP Politécnico (Lugo). Están afectados 3 docentes de EF.

PECHE DE COLEXIOS E TRASLADO DE ENSINANZAS

CEIP PINO DE VAL (MAZARICOS). Peche o colexio e o profesorado para ao CPI A PICOTA. Só se traslada unha docente de EI. O resto suprímese. Ao se incrementar unha unidade de EI ten que crearse unha  praza de apoio de EI a maiores.

CEIP BAAMONDE (BEGONTE). Pasaría, segundo o borrador, o profesorado ao CEIP Virxe do Corpiño (Begonte) das especialidades de EI, PT e Orientación. A praza de Orientación ten o centro base en Rábade e é compartida con Begonte e tiña adscrito Baamonde. Polo tanto non pode aparecer nesta orde xa que a situación do orientador non cambia.

O de PT debe pasar de ser compartida a ser a tempo completo polo número de unidades resultante.

Suprímense tres postos: Música, Inglés e EF. 

Revisarán o dato de Orientación  e confirman que a de PT será a tempo completo.

Desenvolvemento oposicións 2021. Grandes diferenzas nos tribunais de oposicións.

Xa na Mesa da semana pasada fixemos referencia a unha situación que non nos parece de recibo, coa situación dalgunhas especialidades nas que mesmo antes de pasar á segunda fase da oposición xa se sabía dunha importante porcentaxe de prazas desertas.

Segundo van avanzando os días imos tendo coñecemento de máis especialidades e corpos nos que quedan prazas sen cubrir nas oposicións.

O último caso máis salientábel dáse en Inglés de EOI, onde de 24 prazas de ingreso só se cobren 15 e de 25 de acceso por cambio de corpo se dan 11, o que implica que dun total de 49 prazas só haberá 26 novos funcionarios e funcionarias de carreira.

Esta situación, como dicimos, non é unha excepción e preocúpanos que se poña en cuestión e en perigo o futuro de persoas que levan anos demostrando a súa valía como docentes. Que nalgúns casos os suspensos se dean na segunda fase (programación e defensa da unidade didáctica) aínda nos parece de máis difícil entendemento, xa que en moitos casos son persoas que traballan xa como persoal interino e levan anos con programacións visadas pola Inspección educativa.

A disparidade na actuación dos tribunais tamén se está a ver na publicación de información na web. Hai algúns tribunais que están a ser exemplares ao publicar as respostas a todas as preguntas, o que proporciona ás persoas aspirantes un criterio obxectivo para saber porque aprobaron ou suspenderon, mais hai outros moitos que non o fixeron aínda. A CIG-Ensino considera que non só se deben publicar os enunciados ou as rúbricas senón tamén as respostas.

Tamén lembramos a nosa demanda reiterada de que os tribunais, ou a propia Consellaría cando proceda, proporcionen toda a información que sexa precisa en caso de reclamacións das persoas aspirantes, evitando que se teña que acudir á vía xudicial para ter acceso ao expediente das actuacións dos tribunais (notas, etc…)

Volver