Convocada Mesa Docente do Estado para modificar o Real Decreto de acceso

O Ministerio enviou un documento no que identifica os cambios que propón introducir

O próximo día 29 de abril está convocada a Mesa Docente do Estado para debater unha serie de propostas no actual regulamento de ingreso e acceso na función pública docente. O Ministerio non remitiu xunto coa convocatoria ningunha documentación adicional, o que provocou que desde a CIG-Ensino remitiramos unha queixa aos responsábeis ministeriais. Na mañá de hoxe, 22 de abril, o Ministerio remitiu un documento no que se aclaran, sen propostas concretas, os apartados que pretenden modificar, centrados sobre todo nos efectos da extinción do corpo de PTFP. Así, o departamento da ministra Celaá vai propor:

  • A eliminación do Anexo VI do RD 276/2007, no que se estabelecen titulacións de FP consideradas equivalentes a efectos de docencia para o agora declarado a extinguir corpo de PTFP.
  • A modificación do Anexo V do RD 276/2007, que regula a equivalencia a efectos de docencia de determinadas titulacións universitarias (diplomaturas, enxeñarías técnicas, arquitectura técnica).
  • Actualización da vella nomenclatura dos grupos A e B (que desde o EBEP de 2007 son A1 e A2).
  • Estudo dunha proposta do Departamento de Educación de Navarra para permitir que nos procesos selectivos se poida exixir a acreditación do coñecemento de linguas estranxeiras.
  • Modificación do artigo 30 sobre a fase de prácticas para regular supostos asociados á maternidade para que cando non sexa posíbel completar as prácticas no ano correspondente, os efectos administrativos sexan os do ano da oposición para evitar unha discriminación por razón de sexo.
  • Modificación do baremo de méritos por sentenzas xudiciais.

Consulta o documento remitido. Ligazón

Volver