Convocada folga no Consorcio contra o despedimento de 61 traballadores/as e en demanda do cumprimento dos acordos

O próximo día 18 concentraranse diante do comité directivo

Representantes das traballadoras/es e CIG-Ensino explicaron, en rolda de prensa, que coa folga convocada para o vindeiro 24 de novembro demándase o mantemento dos postos de traballo e dos servizos que se están a prestar desde o Consorcio; que se contemplen as partidas orzamentarias necesarias para a súa prestación; a aplicación inmediata do convenio colectivo e que se resolvan todas as irregularidades que se están dar na actualidade no que respecta a listaxes, substitucións, cobertura das baixas, modalidades de contratos, falla de recursos materiais e humanos e despedimentos, entre outras.
 Convocada folga no Consorcio contra o despedimento de 61 traballadores/as e en demanda do cumprimento dos acordos

Convocada folga no Consorcio contra o despedimento de 61 traballadores/as e en demanda do cumprimento dos acordos from cig-ensino on Vimeo.


Representantes das traballadoras/es e CIG-Ensino explicaron, en rolda de prensa, que coa folga convocada para o vindeiro 24 de novembro demándase o mantemento dos postos de traballo e dos servizos que se están a prestar desde o Consorcio; que se contemplen as partidas orzamentarias necesarias para a súa prestación; a aplicación inmediata do convenio colectivo e que se resolvan todas as irregularidades que se están dar na actualidade no que respecta a listaxes, substitucións, cobertura das baixas, modalidades de contratos, falla de recursos materiais e humanos e despedimentos, entre outras.
Alén das mobilizacións xa realizadas e da convocatoria de folga, o próximo día 18 terá lugar unha concentración diante da consellaría de Traballo coincidindo coa reunión do Comité Directivo. Ademais, estase promovendo a recollida de sinaturas non só de traballadores/as senón tamén de usuarios/as do propio Consorcio. Xa van recollidas máis de 600 sinaturas dos propios traballadores/as manifestando o seu rexeitamento á actitude que vén mantendo respecto do Consorcio a consellaría e en demanda da aplicación do convenio e da convocatoria das oposicións.
Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, adiantou que desde a CIG se explorarán todas as medidas legais posíbeis para garantir a cobertura dos traballadores e traballadoras, porque moitos destes contratos están en fraude de lei. Louzao subliñou, ademais, que o anuncio de 61 despedimentos é un ataque aos traballadores e a un servizo social prestado desde unha entidade pública. Alén diso, advertiu que esta “podería ser a primeira peza dun edificio que vai pouco a pouco destruíndose”. 
Para a CIG, as medidas que o Partido Popular vai aplicando responden a un plan deseñado polo PP para desmantelar o propio Consorcio. Nese sentido, o secretario nacional de CIG-Ensino explicou que a primeira medida que se levou a cabo, desde o goberno do Partido Popular, foi deixar en suspenso unhas oposicións que foran previamente negociadas, que estaban convocadas e mesmo cos tribunais constituídos. Un concurso-oposición, aberto a todas e todos os interesados pero dirixido, fundamentalmente, a estabilizar o actual cadro de persoal, tanto dos centros de día como das Galescolas, que xa pasara un proceso selectivo, vía oposición, previo.
A seguinte medida que se tiña que adoptar, segundo explicou Louzao, e que aínda hoxe está en suspenso, era aprobar o convenio, que tamén estaba negociado e ao que só lle restaba pasar polo Consello Directivo do propio consorcio.
A terceira medida que adoptou o PP, e que se acaba de coñecer, é o desmantelamento, na práctica, das 19 oficinas de I+B, nas que se están desenvolvendo catro programas de atención a familias e a infancia e adolescencia. A proba de que a intención é desmantelar este servizo é o anuncio do despedimento de 61 traballadoras/es dun total de 104 que compoñen esta estrutura. As 43 restantes continuarían ao estar integradas nun plan de inclusión que conta cunha subvención do Fondo Social Europeo. “Unha medida contundente e cruel dunha administración pública que desmantela un servizo que no vai ser substituído por ningún outro”, asegurou Louzao.
Por iso, cualificou como “mentira” a afirmación da Secretaria Xeral de Benestar e Familia, quen dixo que desde ese departamento se van garantir os servizos que se estaban prestando, porque segundo explicou Louzao, non van contar con persoal para cubrilos. “Estamos ante o desmantelamento puro e duro dun servizo para o medio rural, que é onde menos servizos hai, e tamén para aquelas familias máis necesitadas de prestacións sociais, máis en momentos de crise”.
O secretario nacional de CIG-ensino fixo un chamamento ao Presidente da Xunta para que tome cartas no asunto e destine os orzamentos necesarios para garantir a continuidade destas oficinas, que se presten estes servizos e que estes traballadores continúen traballando sen que se poña, nunca máis, o seu labor en tea de xuízo.
Pola súa banda, Laura Estévez, presidenta do Comité de Empresa do Consorcio na Coruña explicou que o despedimento destas 61 persoas, que están traballando nas 18 oficinas de I+B espalladas por toda Galiza, máis un equipo de inclusión social que actúa no cárcere de Teixeiro con persoas reclusas, supón “a desaparición dun servizo público que se estaba prestando”.
Estévez sinalou que é imposíbel que funcionarios de San Caetano o manteñan porque cada oficina traballa cunha comarca e cuns determinados concellos (inciden sobre un total de 293) . Trabállase de forma coordenada co persoal dos concellos: traballadoras/es sociais, equipos de igualdade, educadoras/es familiares, establecendo un programa marco de intervención familiar que non existía até a actualidade en Galiza e, sobre todo, no territorio máis ruralizado. Utilizan os seus propios medios persoais para manter entrevistas coas persoas e desenvolver accións formativas e obradoiros en todos os institutos e asociacións. Por iso, manifestou a súa incredulidade diante da afirmación de que se manterán os programas en marcha sen persoal.
A presidenta do Comité de Empresa do Consorcio da Coruña tamén denunciou que se utilizara ás traballadoras e traballadores, cuestionando a súa honorabilidade, a súa forma de acceso e a súa profesionalidade para pór en cuestión e finalmente desmantelar o propio servizo público. Máis cando as súas condicións laborais son tan precarias: máis de 40 horas semanais, fronte as 37 e media do resto dos funcionarios, a cambio duns salarios que rondan entre os 800 e os 1.000 euros.
No aire quedan, de manterse esta decisión todas as accións formativas previstas para o vindeiro ano: cursos con compromiso de contratacións, obradoiros nos centros de ensino, acordos con empresas para estabelecer Plans de Igualdade obrigatorios pola Lei de Igualdade ou a aplicación das políticas de igualdade de oportunidades nos concellos.

Volver