Concurso Xeral de Traslados 2020 - 2021

Toda a información da pseudonegociación do Concurso Xeral de Traslados

A administración despois de anunciar as datas de participación para o Concurso Xeral de Traslados (CXT) anuncia que se remite ao texto e que non vai aceptar ningún cambio sobre o borrador do CXT.

Confirma que vai a haber concurso de Orientación en Primaria e que están valorando o Concurso de Adultos.

Datas de participación para o CXT: 5 ao 26 de novembro.

Propostas da CIG Ensino ao borrador de orde do CXT.

Vacantes e prazos
  • O Concurso Xeral de Traslados 2020/21 ten carácter estatal. Isto pode ter incidencia nos postos de traballo de persoal interino de especialidades nas que non temos en Galiza funcionariado de carreira. Solicitamos que nestas especialidade non se oferten  inicialmente prazas naquelas especialidades nas que non hai funcionariado de carreira en Galiza (especialidades de EOI, réxime especial, FP, etc…). 
  • Que todas as vacantes das diferentes especialidades teñan perfil lingüístico galego. Esta medida beneficia a todo o profesorado con destino en Galiza, xa que cumpre con ese requisito e garante que quen entre nun concurso que é estatal o faga en igualdade de condicións. A día de hoxe só as especialidades de Infantil e Primaria do Corpo de Mestres e Historia e Bioloxía de secundaria, así como todas as especificas da FP.
  • Que se oferten todas as prazas realmente existentes. Sabemos que moitas delas non se acaban cubrindo polo reducido número de funcionariado de carreira mais quen queira moverse ten dereito a poder ir a todas as prazas. Este problema destaca en FP. 
  • O CXT segue a ser un concurso a cegas. Logo da mellora na oferta de prazas nestes últimos cursos non debería haber “problemas” para que as vacantes provisionais se publiquen antes da data de remate de presentación de instancias. 
  • Prazas habilitadas por desdobres en Infantil e Primaria. Queremos que a Dirección Xeral faga un informe sobre as 144 aulas desdobradas neste curso, xa que en moitos casos deberían dar lugar a un incremento do catálogo e demandamos que teña efectos xa neste concurso. 
  • Itinerancias de PT ou AL en IES. Por segundo ano figura no borrador que poden existir prazas itinerantes de PT e AL nos IES o que, aos efectos do CXT non é correcto. Non existe ningunha praza catalogada de AL, nin compartida nin sen compartir e as únicas prazas de PT compartidas son de colexios de primaria. Debe retirarse a referencia a IES.
  • Prazas de oficio en Centros de Educación Especial. Do mesmo xeito que non se adxudican de oficio as prazas de CEE para PTFP,  nin se entenden como incluídas no código da localidade, solicitamos este mesmo tratamento para o profesorado do corpo de mestres de especialidades diferentes a PT e AL (a día de hoxe hai catalogadas prazas de EM e EF en varios CEE).
  • Prazas nos CRAs. Pedimos que todas as prazas dos CRAs sexan itinerantes a efectos do concurso de traslados.
  • Prazas de mestres na ESO. Solicitamos que se nos envíe unha relación das prazas actualmente ocupadas por profesorado do corpo de mestres nos diferentes IES e CPI do país.
Negociación das vacantes

Reiteramos a nosa solicitude de que se fixe un calendario de xestión e negociación das vacantes: 

    • Fixar unha data para que as direccións entreguen a solicitude de prazas para o CXT á inspección educativa.
    • Fixar unha data para que as catro xefaturas de inspección fagan entrega da proposta de vacantes ás OO.SS. de cada xunta de persoal (XP).
    • Estabelecer datas para negociar as vacantes nas XP
    • A data de publicación das vacantes provisionais debe coincidir coa publicación do CXT e, en todo caso, ser antes do remate do prazo de presentación de instancias.

A experiencia do ano pasado non foi tan boa como a do anterior. Houbo algunha xefatura de inspección que mellorou ao respecto de outras convocatorias mais ao final non houbo, como solicitamos a reunión final coa Dirección Xeral.

O curso excepcional no que estamos, con algunhas prazas adxudicadas no CADP que non van saír no CXT, vai facer máis difícil un control serio.

De aí que insistamos en que se actúe con rigor e con toda a información nas Xefaturas Territoriais e que haxa, se así o demandamos os sindicatos, unha reunión final nos servizos centrais.

Outras cuestións xerais
  • Adxudicación de oficio. Logo da mellora introducida hai dous concursos (non se adxudican de oficio prazas itinerantes nin con perfil bilingüe), seguimos a reclamar que a colocación de oficio debería estar limitada á especialidade pola que se opositou.
  • Comisión de avaliación. 
    • Demandamos que o ámbito xeográfico da comisión de avaliación se estenda fóra da cidade de Compostela.
    • Non debe haber nomeamento a dedo e todos deben ser a sorteo.
    • Como nos tribunais das oposicións, debe autorizarse a renuncia se se formou parte da comisión nos últimos 4 anos.
    • Solicitamos que os membros das comisións sexan substituídos desde o primeiro día no seu centro de destino.
  • Número de prazas solicitadas. A Consellaría ou non fixo xestións en todos estes anos ou non entendemos porque os CXT de ámbito estatal non amplían a 400 ou 500 as prazas que se poden solicitar. Isto implica que dun ano para outro o profesorado que aínda é provisional ou está na 1ª definitiva e fai moitas solicitudes teña que andar pendente ano tras ano (este ano volven baixar a 300.)
  • Sistema de petición de vacantes diferente ao CADP. Como dicimos no caso do número de prazas debería existir un sistema de petición igual ao de CADP (a mesma petición dun único centro para a praza limpa, con perfil bilingüe e con itinerancia, reducindo deste xeito o número total de peticións). Trasladóuselle ao Ministerio esa proposta?
  • Prazas plurilingües. Reclamamos que as prazas plurilingües non saian a concurso pois son un mecanismo anormal para mellorar a colocación e adquirir unha praza definitiva. A provisión destas prazas debe ser como prazas ordinarias. Se se teñen que impartir áreas ou materias con ese perfil debe facerse tendo en conta ao profesorado de cada centro, se existe con esas características con destino definitivo e, de non ser así, con destinos provisionais.  Atopámonos con prazas que son con perfil bilingüe para impartir tan só unha parte mínima do horario do profesorado. Cal é o límite de prazas que se ofertan con perfil bilingüe nun centro plurilingüe cando no catálogo non figuran? Todo conduce á improvisación e a discrecionalidade. A base 12ª di que para acceder ás prazas dos centros plurilingües hai que ter un B2 mais non se identifican que prazas hai en cada centro, polo que non existe ningún control sobre estas prazas.
Baremo
  • Queremos máis puntuación polo desempeño doutros cargos docentes. Buscamos un baremo máis xusto. Como non se atende a nosa demanda de reducir méritos só nos queda como opción ampliar as posibilidade de acadar méritos no apartado doutros cargos docentes,  o máis común a todo o profesorado, xunto coa formación. Esta puntuación está limitada: son só 5 puntos, fronte aos 20 por cargo directivo. Queremos  reforzar o papel da función docente e non só, como até agora, o da xestión. Unha directora acada 20 puntos en 5 anos, un xefe de estudos precisa 8 anos para chegar a eses 20 puntos. Un titor, un xefe de departamento, unha coordinadora só poden sumar 5. Demandamos que a Consellaría levante a limitación para o apartado 4.3 (outras funcións docentes), de tal forma que todo o mundo poida acadar os 20 puntos.
  • Tamén debería puntuarse a substitución de cargos directivos e coordinación de ciclos ou xefaturas de departamentos. É un aspecto totalmente discriminatorio e inxusto. 
  • Apartado 1.2. Antigüidade no corpo. Consideramos que é discriminatorio que o profesorado de linguas do corpo de PES que impartiu nas EOI non se lle puntúe debidamente cando tivo que impartir obrigatoriamente. Cremos que hai marxe legal para puntuara un PES que, desde as listas dese corpo traballou nunha EOI. Este ano este criterio da Consellaría serviu mesmo para denegar unha permuta entre dúas persoas do corpo de PES só porque unha obtivo destino provisional nunha EOI.
  • Responsábeis de centros de menos de 3 unidades. Que se articule unha solución para que se teña en conta a puntuación que merecen estas persoas responsábeis.
  • Que se recolla a puntuación do nivel básico das EOI e o Grao elemental de música. 
  • Apartado 3.1. Doutoramento, posgraos e premios extraordinarios: Entendemos que debe indicarse, como noutros apartados, que a puntuación e por “cada” mestrado, doutoramento. Entende a Consellaría que a redacción do RD limita esa puntuación? Nós entendemos que non e que a limitación só procede da puntuación de cada apartado e non do número de mestrados. Obsérvese a incoherencia. Por dous niveis C1 da EOI súmanse 6 puntos. Por dous mestrados o mesmo que por un, 3 puntos. 
  • Apartado 3.1.3.(DEA) debería ter a mesma puntuación cós mestrados, pois están equiparados.
  • Apartado 5. Formación: que se teñan en conta as actividades de contidos de lingua e cultura galega.
  • Apartado 6. Outros méritos. Puntuación de composicións. O ano pasado díxosenos nesta mesma Mesa que se estaba á espera dunha reunión co MEFP para revisar todo o relacionado coas publicacións e composicións. Queremos saber se o que solicitamos con anterioridade se vai ter en conta. En concreto: 
    • Deben terse en conta tanto as composicións estreadas como as publicadas e ter claros os requisitos en ambos casos, xa que hai tanto estreadas publicadas como non publicadas. Debe garantirse que se poida puntuar todo mérito artístico e fixar criterios claros. No caso das publicadas debe esixirse o ISMN como nas publicacións.
    • Reiteramos que hai que buscar unha solución para as publicacións feitas no estranxeiro, porque se cadra non teñen Depósito Legal ou ISBN e non se están puntuando. Non parece axeitado excluílas. Debe esixirse o requisito equivalente en cada país. 
    • Incluír neste apartado os méritos de Arte Dramática e Audiovisuais. Tamén hai problemas co material do proxecto Abalar e non se lle valora a quen os elabora.
  • Apartado 6.4. Servizos prestados á Administración. Debe eliminarse do baremo así como a puntuación pola condición de catedrático/a.
  • Apartado 6.5. Participación nos tribunais. Non parece axeitado que se considere esta puntuación a quen ocupou a presidencia, porque foi a dedo. Que sexa igualmente a sorteo para que se lle poda ter en conta.
  • Apartado 6.6. Titorías de mestrados: débese regular o acceso a elas nos propios centros para que, se hai varias persoas que queiran acceder a esa situación, todas poidan ter ese dereito.
  • Novo apartado 6.7. Coñecemento da lingua galega: hai comunidades con lingua propia que teñen desenvolvido este apartado. En Navarra pódense acadar 3 puntos; no País Valenciá 5 puntos. Potenciemos a formación de calidade na nosa lingua entre o profesorado e incorporemos ese recoñecemento nos méritos do CXT.
  • Disposición complementaria 2ª. Non se introduciu ningún cambio na puntuación dos mestrados, deixando fóra o propios das das universidades, sempre que cumpran cos requisitos legais fixados no RD 1393/2007. Este é outro tema que se debería tratar na Comisión de Persoal do MEFP.

Ligazón ao resto da información da mesa sectorial

Volver