Concurso Méritos Excepcional

Información da reunión técnica coa Consellaría previa á publicación da baremación provisional

A CIG-Ensino participou o xoves 20 de abril nunha reunión convocada pola Subdirección de Centros e Recursos Humanos para proporcionar información a todos os sindicatos sobre a situación actual da baremación, dar conta dunha serie de incidencias detectadas e trasladar consideracións sobre posíbeis reclamacións que se poidan producir á baremación provisoria.

Antes de nada, convén lembrar o que resta neste proceso:
  • Publicación da puntuación provisional: a semana que vén.
  • Prazo de 10 días hábiles para reclamar.
  • Resolución das reclamacións e publicación das puntuacións definitivas,
  • Publicación da listaxe provisional de persoas propostas para superar o procedemento selectivo, por corpos e especialidades.
  • Prazo de 5 días hábiles para optar por unha especialidade no caso de acadar a puntuación para ingresar por máis de unha. De non facer opción adxudicarase praza na última especialidade na que se prestou servizos, cando sexa o caso, e, na súa falta, pola especialidade con menor código de identificación.
  • Publicación definitiva da lista de persoas propostas que superan o procedemento selectivo por corpos e especialidades e quendas.

Sobre a información proporcionada pola Consellaría, a CIG-Ensino opta por facela pública tal e como se detallou na reunión, procurando que sirva de axuda a todas as persoas que participan neste concurso excepcional de méritos (foron baremadas 6000 persoas segundo a administración).

Tendo en conta a información das incidencias, especialmente das relacionadas con problemas ou erros coa documentación presentada, a CIG-Ensino aconsella a todas as persoas participantes o seguinte:
  • Ler con atención esta información.
  • Revisar a última instancia rexistrada (de cada especialidade se se participaba por varias)
  • Comprobar se se está afectada ou afectado por algunha das incidencias detalladas.
  • No caso de que así sexa e algunha documentación requirise solicitar a unha entidade ou administración diferente nova certificación, é moi recomendábel facelo xa por se o prazo dos dez días hábiles de reclamación non fosen dabondo. Por exemplo: en caso de problemas coas certificacións de notas medias de titulacións por parte dunha universidade ou centro educativo pode ser que non as expidan con toda a axilidade que se precisa.

INFORMACIÓN PROPORCIONADA POLA CONSELLARÍA

Publicación da baremación provisional 

A publicación da baremación vana facer tal e como solicitou a CIG-Ensino na Mesa Sectorial, incorporando a maior información posíbel.

  • Van publicar puntuacións por corpo, especialidade e quenda.
  • A puntuación figurará dividida por apartados, epígrafes e subepígrafes.
  • A ordenación será por puntuación total decrecente
  • Vai haber un cadro co tempo de servizo efectivo no mesmo corpo e especialidade, con anos meses e días: este é o último criterio de desempate. No caso das mestras e mestres/as con tempo traballado na especialidade de Orientación así como do profesorado de Servizos á Comunidade en Prácticas e Actividades é posíbel que non apareza computado nesta información de tempo traballado mais si se vai baremar e figurará finalmente.
  • Pretenden publicar tamén o baremo total alegado por cada persoa, é dicir, a autobaremación.

Reclamacións

  • No prazo dos 10 días hábiles de reclamación non se poderán alegar novos méritos.
  • Poderanse xustificar méritos alegados e non xustificados, ou xustificados incorrectamente, como unha subsanación de erros.
  • A documentación dos méritos non baremados ou baremados incorrectamente hai que presentala de novo.
  • Non se poderá obter unha puntuación total maior á alegada na autobaremación xa que, como figura na convocatoria, a solicitude de participación, incluída a autobaremación, é vinculante para a persoa participante, supeditada á verificación desta pola Comisión de Selección.
  • Poderase obter unha puntuación distinta e maior da alegada nos diferentes epígrafes ou subepígrafes, mais eses cambios non poderán alterar o total da autobaremación. Exemplo: un docente cometeu dous erros na autobaremación, puntuouse de menos nunha titulación de 2º ciclo e de máis na formación recibida. A Consellaría corrixiu de oficio ambas mais como resultado destes cambios non se pode superar a nota total da autobaremación.
  • Deberá presentarse unha reclamación por cada especialidade na que se participa, aínda que a documentación é suficiente que se achegue só unha vez. Exemplo: mestra que participa por PT e AL e ten que xustificar unha nota media e quere reclamar en ambas especialidades; pode facelo e só precisa achegar ese certificado nunha das reclamacións.
  • Haberá un documento normalizado para as reclamacións (PDF).
  • Publicarán na web o procedemento de reclamación.
    • Será a través da sede electrónica, indo á última instancia presentada por especialidade, no caso de ter participado por máis dunha. Premendo en documentación, descárgase o documento normalizado (no que se terá que indicar corpo e especialidade) e despois prémese en alegacións. Débense cubrir os datos, anexar o PDF do modelo normalizado e a xustificación documental, asinar e presentar na Sede electrónica, asegurándose de ter o xustificante do rexistro da alegación.

Incidencias na autobaremación

A Consellaría expuxo determinados erros e incidencias que foron detectando. Nalgúns casos foron corrixidos de oficio.

Na tramitación da participación

No trámite de participación moitas persoas terían alegado méritos mais non incluíron as modificacións en datos persoais nin achegaron a documentación. Nestes casos poderán subsanar o erro mais deben ter en conta a limitación da puntuación total da súa autobaremación.

Tamén habería persoas que alegaron méritos que non constaban en datos persoais sen facer a solicitude de modificación en “datos persoais”. Non obstante, entregaron a documentación. A administración está gravando os datos en “datos persoais” e polo tanto van ser baremados. Se non lle aparecesen, poden reclamalo.

Hai persoas que alegaron méritos e incluíronos en “datos persoais” pero non entregaron a solicitude de modificación de “datos persoais” na Sede. A Consellaría está a pechar esas instancias e serán baremados.

No baremo

No apartado 1.1.

  • A Consellaría advirte de incidencias pola autobaremación de servizos prestados noutros corpos e especialidades. Acontece especialmente nas especialidades do corpo de catedráticos de música e artes escénicas e en especialidades dos corpos 590 e 592 de igual nome (inglés, francés...)
  • Hai autobaremacións que computan no 1.1 o tempo traballado en centros públicos non dependentes da administración educativa sen nomeamento da Consellaría (conservatorios de concellos, centros dependentes das deputacións...) cando o apartado que corresponde é o 1.4.
  • A data tope para os méritos alegados é o 28 de outubro do 2022 e non até a data de remate do prazo de solicitudes.
  • Sobre os servizos prestados nos Conservatorios Superiores de Música para prazas do corpo de cátedras de música e artes escénicas:
    • Os servizos prestados en comisión de servizos barémanos como servizos prestados noutros corpos (1.3) xa que o nomeamento que tiñan era no corpo de profesorado e non no de catedráticos/as (con independencia de que cobrasen un complemento compensador).
    • Os servizos prestados como funcionariado de carreira do corpo de catedráticos/as de música e artes escénicas antes de ser anulados por sentenza son puntuados como servizos prestados no corpo de catedráticos/as.
    • O servizos prestados como persoal interino con nomeamento no corpo de catedráticos/as puntúase como servizos nese corpo.
    • Os servizos prestados como persoal interino nestes centros con nomeamento como profesorado puntúan no 1.3
  • Servizos prestados na especialidade de orientación no corpo de mestres/as: puntúan no 1.1 os servizos prestados desde que se consolidou na lista de procedencia (sempre e cando sexa a especialidade pola que se presenta). Os servizos anteriores á consolidación puntúan no apartado 1.2. Exemplo: unha mestra traballou por Orientación e preséntase a Primaria. Puntúanlle como tempo traballado en Primaria desde que consolidou na lista de Primaria (1.1). Se unha persoa nunca consolidou na especialidade á que se presenta o tempo traballado en Orientación irá ao 1.2.
  • Servizos prestados no corpo de PTFP nunha das 19 especialidades integradas en PES: os servizos prestados puntúan pola especialidade na que se concursa no 1.1. Os servizos prestados nunha especialidade distinta, pero das 19 do antigo corpo de PTFP que pasan a PES puntuará como servizos nunha especialidade doutro corpo, no apartado 1.3. Exemplo: unha persoa da especialidade de Procesos Comerciais que se presente a Procesos Comerciais puntúa o tempo traballado nesa especialidade no corpo de PES. Se se presenta a Administración de Empresas ou a PXA puntúa como tempo traballado noutro corpo.
  • Empregan o mesmo criterio para as 10 especialidades integradas no corpo de PESSFP. 

No apartado 2.1 (Nota media do expediente académico)

  • Hai incidencias con persoas que non terían presentado certificación académica oficial ou que presentaron unha certificación xustificativa que non se axusta á normativa recollida na convocatoria, en moitos casos porque está expedida hai moitos anos. Debe verificarse que na certificación consta a normativa de aplicación correcta (Real Decreto 1125/2003 ou o equivalente en ensinanzas artísticas)
  • Non se barema a nota media dunha titulación equivalente a efectos de docencia cando a persoa ten a titulación requirida con carácter xeral para o ingreso. Exemplo: se unha persoa alega a nota media dun título de Técnico/a Superior de FP nunha das 10 especialidades do corpo de PESSFP nas que se pode acceder con esa titulación e ten unha titulación de Grao non se lle puntúa a nota media do título de TSFP xa que a nota media ten que ser da titulación ordinaria para o ingreso.
  • Detectaron incidencias na certificación da Escola de Hostalaría e Turismo de Compostela xa que a certificación non se fai con referencia ao RD 1125/2003.
  • A certificación ten que estar completa: non bareman se falta algunha folla.
  • Alégase nalgúns casos a nota media dunha titulación que non permite o acceso ao corpo, como no caso do título de técnico/a superior para especialidades para as que non é válida.

No apartado 2.2 (Posgraos, doutoramento e premios extraordinarios)

  • Só se puntúa un título. A Consellaría informa de que o MEFP ten un criterio diferente.
  • Non se bareman mestrados propios das universidades (non oficiais). A administración traslada ese mestrado ao apartado de formación.
  • Nas especialidades nas que se esixe tutela investigadora non se barema o título que se alega para a certificar esa capacidade de tutela (doutoramento, mestrado ou DEA).
  • No apartado 2.2.3 só se puntúa o premio extraordinario de doutoramento, non o de licenciatura.

No apartado 2.3 (Outras titulación universitarias)

  • Nas especialidades dos corpos do subgrupo A2: cando se presenta unha licenciatura, toman os tres primeiros anos como unha titulación de primeiro ciclo e puntúan os dous últimos anos un punto como titulación de segundo ciclo.
  • O título de mestre ou mestra de EXB e o de Grao en Educación Primaria ou Infantil son consideradas dúas titulacións diferentes, polo que o Grao barémase como titulación de segundo ciclo
  • Non se bareman os diplomas profesionais xa que non son titulacións universitarias.
  • Cando unha persoa vexa que non lle bareman un 1º ciclo terá que presentar unha certificación de estudos para acreditar que non se accedeu desde a diplomatura e que cursou a licenciatura completa.

No apartado 2.4 (Titulacións de ensinanzas de réxime especial e da formación profesional específica)

  • Se se alegou un título de profesor/a superior de música do Plan do 66, non se pode alegar no 2.4. o título profesional, xa que era requisito daquel Plan para obter o superior. Se esa titulación é xa do plan LOXSE ou LOE si se barema o título profesional, porque non era requisito.
  • No 2.4.b non puntúan o nivel B2, avanzado extinguido. Só puntúan o C1 ou C2. Non se puntúa o C1 de galego xa que é requisito de acceso pero si o C2.
  • No 2.4.c non se puntúan títulos “equivalentes a efectos de docencia” (por exemplo antigos títulos de FP2 ou de técnicos especialistas, xa que a equivalencia só é válida para poder impartir docencia ou presentarse a unhas oposicións).
  • Non se puntúa o título superior de FP se foi empregado para acceder á universidade. É preciso acreditar que se cursou o Bacharelato. A Consellaría si baremou este título de FP se comprobou que era posterior ao acceso á universidade.
  • No 2.4.e non se bareman títulos de adestradores/as deportivos xa que non son títulos de técnico/a deportivo superior.
  • No 2.4 e no 2.5 o mesmo nivel de coñecemento dunha lingua (C1 ou C2) -aínda con distinta certificadora ou nun caso con título de EOI e cunha certificación dunha entidade privada- só se puntúa unha vez. 

No apartado 3.1 (oposicións aprobadas)

Na autobaremación detectaron dúas incidencias frecuentes: alegar oposicións aprobadas anteriores ao 2012 ou de especialidades distintas ás que se opta. En ningún destes casos serán baremadas.

No apartado 3.2 (Formación permanente)

As reclamacións que se poidan presentar teñen que ser en cada especialidade, xa que a puntuación pode ser distinta ao estar relacionada a formación coa especialidade a que se presenta. Afirmaron que foron flexíbeis na formación que pode ser considerada transversal a todas as especialidades mais que non tiveron en conta o que non está amparado polo baremo da convocatoria: xornadas, obradoiros, cursos inferiores a 20 horas...

Renuncias  

O Ministerio tiña intención de publicar a adxudicación provisional o 28 de abril mais todo indica que non o van dar feito. Teñen a previsión de poder resolver definitivamente nos dez primeiros días de xuño.

Nesas datas a Consellaría tamén espera poder ter todo resolto e pretenden pactar co MEFP para que as publicacións sexan nas mesmas datas ou en datas moi próximas para facilitar as renuncias e os correspondentes cambios.

O Ministerio entende que as persoas que obtiveron praza nunha convocatoria (por exemplo Cataluña que xa publicou, en Galiza se publicase antes que o MEFP ou viceversa) xa non poderían obter praza noutra convocatoria ao considerar que están pendentes de ser nomeadas  funcionarias de carreira. A Consellaría coincide coa CIG-Ensino en que esta interpretación é totalmente incorrecta e que unha persoa non pode ser excluída dunha convocatoria por obter praza noutra e que terá que renunciar no prazo dos 5 días hábiles, correspondéndolle a praza que deixa á seguinte persoa por orde de puntuación.

A Consellaría vai modificar a orde da convocatoria para mudar a data do 31 de maio, que figuraba como data tope para renunciar, para evitar problemas dados os retrasos nas datas previstas. Isto foi exactamente o que dixemos desde a CIG-Ensino na negociación da convocatoria polo que consideramos necesario facelo.

CIG-Informa reunión técnica coa Consellaría previa á publicación do baremo do concurso de méritos

Documento


Volver