Concurso de méritos específico para cubrir postos de persoal docente en prazas sometidas a convenio

Información da mesa sectorial do 28 de abril

A CIG-Ensino manifestou no inicio da súa intervención que cómpre traer á Mesa Sectorial a convocatoria de prazas que están sen cubrir ou cubertas de forma anómala (asesores técnicos, asesores de servizo de formación, CFR, etc). Reclamamos que teñen que vir as convocatorias respectivas, nalgúns casos xa hai máis de dous cursos que non se está a facer así. A Consellaría responde que virán á Mesa unha vez que se publique o Decreto de Formación.

 

A CIG-Ensino manifestou que os convenios que se realizan e nos que a Consellaría achega profesorado deberían ser con entidades públicas ou con Movementos de Renovación Pedagóxica que teñan que ver co ámbito educativo, mais non con entidades coma a Once, organización con solvencia económica, empresa que funciona como tal e que pode facerse cargo dos seus propios docentes. Por outro lado, a CIG-Ensino considera que o que se recolle para o convenio coa Deputación de Ourense tampouco ten sentido, xa que a Deputación non está precisamente mal de persoal e pode reconverter algúns dos moitos postos que ten nos necesarios para ese proxecto.

A CIG-Ensino esixe que non se primen como requisitos función relacionadas co posto, xa que isto é tanto como acoutar a praza á persoa que a está a desenvolver.

Sobre o articulado:

  • Ø  Art. 4: O proxecto de traballo debe presentarse en galego
  • Ø  Art. 5.1. Comisión de selección: a comisión debe ter unha composición máis técnica.
  • Ø  Art. 6. Desempate: para desempatar deben aplicarse a maior puntuación nos apartados 1, antigüidade, 2, méritos académicos, 3, formación, por esta orde.
  • Ø  Baremo:
    • o   A entrevista non ten obxecto, debe suprimirse.
    • o   A antigüidade debe incrementarse a 10 puntos.

Anexo I, prazas sometidas a convenio:

  1. 1.      Convenio coa Once: non ten obxecto. Ese posto de traballo debe reconverterse para o ensino público.
  2. 2.      Convenio  coa Fundación Preescolar na casa: estamos ante un tema singular e recorrente. O proxecto debera depender da Consellaría de Educación, porque é o único xeito de defender a súa estabilidade e futuro. Neste momento pasa por un momento difícil porque a Consellaría non se fai cargo dos gastos de desprazamento e porque a oferta de prazas da Consellaría pasou de 22 a 13. É un programa de moita importancia e ten moita historia, a Administración ten que se facer cargo do programa, porque pode estar en perigo e con el os seus traballadores e traballadoras. Habería que recoller que se tirará da listaxe que se configura agora para realizar as substitucións por se se producisen renuncias debido aos destinos que poidan obter. Canto á flexibilidade das áreas de traballo, habería que acoutalo, porque senón se está a deixar moi aberto a cambios non desexados. Tamén sería importante que estes cambios sexan acordados co profesorado.
  3. 3.      Convenio con ASPAS: non entendemos que nos requisitos se recolla “cursos de plástica”. A que se debe este requisito? Habería que pór, en todo caso, formación artística.
  4. 4.      Convenio coa Consellaría de Sanidade: tal e como están recollidos os requisitos parece unha praza pensada para unha persoa, porque... quen ten competencia como asesor? Así recollido estase pensando en alguén en concreto. Que se suprima.
  5. 5.      Convenio Coordinador Escolarización Poboación marxinada: nos requisitos póñense cuestións que non sabemos como se van medir e que por tanto non teñen sentido: “facilidade de comunicación con poboación marxinada?”. Revísense estes requisitos
  6. 6.      Convenio co centro Montefiz: nos requisitos tamén pide “experiencia en educación de adultos”, mais debería recollerse especialista en PT e AL, algo que se pode obxectivar, non “experiencia con persoas con necesidades especiais”.
  7. 7.      Convenio coa Deputación de Ourense: parece que tamén estea pensado para una persoa concreta, iso non ten obxecto. Haberá que especificar un perfil. Especifíquese se se precisa un mestre ou licenciado en galego, de historia ou de música. Así como está parece destinado a una persoa concreta.

Canto ás publicacións, a CIG-Ensino manifestou na mesa que o normal é que se sexa coherente co resto das ordes e que se se teñen en conta nunha orde, se teñan noutra. En todo caso, a Administración debe resolver o tema das fraudes nas publicacións.

A Consellaría responde que van manter a orde como está recollida, por tanto tamén a entrevista que, no caso de que se faga, se lle fará  a todos os participantes. Din que analizarán os requisitos dalgunha das prazas cuestionadas e que incluirán unha resolución provisional contra a que se poidan facer alegacións. A CIG-Ensino reclamou que unha vez realizadas as modificacións nos perfís se nos faga chegar de novo a orde. Engadimos que se non se corrixe, nalgúns casos recorreremos as prazas.

Volver