O que necesitamos saber para entender as nosas nóminas

Consideracións a ter en conta nos conceptos das nóminas do persoal docente

As nóminas, tanto as ordinarias de cada mes como aquelas nas que percibimos as pagas extras teñen unha serie de conceptos que habitualmente dan lugar a dúbidas e moitas consultas no sindicato.

Para axudar a botar un pouco de luz sobre os diferentes conceptos vai esta información:

Paga mensual ordinaria.  Inclúe as datas de referencia do mes que se cobra: o mes completo ou os días concretos realmente traballados. Inclúe os conceptos retributivos de soldo, destino, específico, trienios, titoría, sexenios, cargo, IPC Galego (en negra os comúns a todo o profesorado) e os descontos segundo corresponda a cada persoa polo seu réxime de cotización (clases pasivas ou réxime xeral).

Paga extra. A extra aparece diferenciada en dous epígrafes distintos, en función das diferentes datas nas que se devindican.

Parte da extra vinculada ao Estado (vindícase entre decembro e maio na extra do verán e de xuño a novembro na extra de Nadal). Inclúe a suma do soldo (recortado), trienios (recortados) e destino, aquí denominado “contía adicional”. Nunha nómina dunha persoa que traballou todo o curso aparece

Na extra de verán: DO 01/12/ANO AO 31/05/ANO - SEMESTRE

Na extra de Nadal: DO 01/06/ANO AO 30/11/ANO- SEMESTRE

Parte da extra vinculada á Xunta (vindícase entre xaneiro e xuño na extra do verán e de xullo a decembro na extra de Nadal). Inclúe todos os conceptos que conforman o específico (específico, sexenios, cargo, IPC galego). Nunha nómina dunha persoa que traballou todo o curso aparece

Na extra de verán: DO 01/01/ANO AO 30/06/ANO - SEMESTRE

Na extra de Nadal: DO 01/07/ANO AO 31/12/ANO- SEMESTRE

Outros aspectos a ter en conta:

  • Se se pagan atrasos sempre aparecen identificados coa letra e desglosados en cada un dos meses e conceptos que corresponda.
  • Os cambios de IRPF. Para o persoal interino e substituto soen producirse cambios moi importantes na retención do IRPF. Isto débese a un cálculo automático que se fai en función do contrato para regularizar o IRPF de todo o ano segundo as cantidades cobradas. Pode solicitarse á Sección de Nóminas da Xefatura Territorial a principios de ano que se manteña un tipo fixo de retención. Se non se produce cambio de XT debería manterse en todos os contratos.
  • Liquidación. A parte proporcional da paga extra correspondente que se paga cando o persoal interino remata contrato a 31 de agosto e ao remate dunha substitución se non hai continuidade. Tamén cando unha persoa remata o ano en prácticas e pasa a ser funcionariado de carreira.
  • Cota coeficiente redutor. Vén dun cambio existente a partir do RD 13/2010. É dicir unha pequena redución que se aplica ao profesorado funcionario de carreira que pertence á seguridade social.
  • Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI). Desde o 1º de xaneiro do 2023 e até o 2032, nas nosas nóminas incluirase este novo concepto  que suporá unha cotización adicional do 0,1% sobre a base de cotización por continxencias comúns. Disposición final cuarta da Lei 31/2022, de 23 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2023 con obxecto de preservar o equilibrio entre xeracións e fornecer a sostibilidade do sistema da Seguridade Social a longo prazo. Aplicábel só ao persoal que non pertence a Clases Pasivas.
Nocións básicas sobre nóminas

Volver