Concentracións e peches de estudantes PAS e PDI da USC contra o recorte de orzamentos

Ás 10 da mañá concentráronse diante do Parlamento e ás 11 comezou un peche de 24 h na Facultade de Filosofía ao que chaman a sumarse a toda a comunidade universitaria

Contra as 10:00 da mañá persoal da USC iniciaba unha concentración simbólica diante do Parlamento de Galiza coincidindo co comezo do pleno no que se debaten os orzamentos da Xunta. Ao seu remate, contra as 11:00 horas, estudantes, PAS e PDI comezaban un peche de 24 horas que rematará cunha asemblea de traballadoras/es mañá martes, ás 11:00 horas tras da que sairán en manifestación, ás 13:00 horas desde o Toural até o Parlamento, onde se sumarán á concentración convocada pola Plataforma Galega en defensa dos Servizos Públicos.
(Galería der imaxes)
Parello a isto celébranse mobilizacións na Coruña, cunha concentración-pitada na rotonda do campus de Elviña, onde volverán a se concentrar mañá ás 13:00 horas. En Ferrol a concentración foi diante da Facultade de Humanidades, lugar onde repetirán este martes, tamén ás 13:00 horas. Á mesma hora concentraranse mañá en Vigo, diante da Reitoría.
A CIG fixo un chamamento a toda a comunidade universitaria das tres universidades galegas a se unir ás mobilizacións. Alerta de que a aprobación da Lei de Orzamentos suporá unha diminución de recursos do 6,5% respecto 2012 e un retroceso a niveis de financiamento de 2005.
Lembra que o financiamento estrutural é o que garante o funcionamento ordinario da universidade e que este diminuirá é 39,32 millóns de euros, pasando de 290,06 a 250,74 millóns de euros. “A asignación de 47,97 millóns de euros para convocatorias competitivas de I+D+i seguramente seguirá a sorte de anteriores exercicios orzamentarios xa que desde 2009 a execución do programado non chegou a un 20%, nun xogo de enxeñería propagandística”, afirman.
A sección sindical denuncia que as previsións de ingresos por matrículas “son absolutamente irreais” e advirten que poden provocar un burato engadido de preto de 3 millóns de euros.
Subliñan que as universidades están experimentando unha perda constante de estudantes pola crise económica e a baixada na duración das titulacións e que xa se aprecian impagos dos segundos prazos das matrículas. “A selección económica do estudantado tamén se consolida coa baixada de bolsas e a elevación dos requisitos para a súa adxudicación”, aseguran.
Diminución da masa salarial e despedimentos

 

A CIG denuncia que a diminución da masa salarial é maior que a que se aplica ao resto de compañeiras/os da administración e que, novamente suporá perdas relevantes do poder adquisitivo. Isto acompáñase de medidas de empeoramento das condicións de traballo, como aumento horario no PAS ou aumento da carga lectiva no caso de PDI.
No caso de PDI é previsíbel que o recorte salarial se realice pola vía da supresión dos complementos autonómicos penalizando a produtividade “nun singular entendemento dos estímulos ao traballo”, matizan.
Advirten ademais que malia as afirmacións de que non provocará despedimentos, o certo é que os recortes orzamentarios teñen ocasionado xa significativas perdas de emprego nas universidades públicas galegas ao non terse renovado contratos tanto de PAS como de PDI e de persoal contratado con cargo a proxectos de investigación. “Os fortes recortes para 2013 e a previsión da Lei de Orzamentos de que hai que anular das relacións de postos de traballo as prazas vacantes pode levar a unha redución aínda maior do emprego cos prexuízos que iso ocasiona tanto laborais como na actividade docente e investigadora”.
Por iso cren que PDI, PAS e estudantes “deben mostrar o seu total rexeitamento a uns orzamentos que non apostan pola sociedade do coñecemento e afunden o sistema universitario público”.

A CIG chama a toda a comunidade universitaria a mobilizarse os días 25 e 26 contra os recortes

Volver