Concentración para rexeitar a eliminación da xornada en xuño e setembro

Inicio de Curso

O venres 14, con motivo do acto de inicio do Curso, a CIG-ENSINO, realizou unha concentración diante do colexio CEIP “Agro do Muíño” de Ames, coincidindo coa presenza da Conselleira de Educación e o Presidente da Xunta, para rexeitar a eliminación da xornada matinal reducida durante os meses de xuño e setembro que se aplica este ano, por primeira vez, de xeito discrecional,en función dos intereses do transporte escolar. A CIG-Ensino, quixo aproveitar a presenza da Conselleira para entregarlle o escrito que se achega, atopándonos coa prohibición do paso ao Secretario Nacional do noso sindicato, Anxo Louzao, quen, a pesar de estar mesmo convidado a asistir aos actos da inauguración do curso, impedíuselle o paso, cun xesto nada dialogante e mesmo poderiamos dicir, represor.

Concentración contra a eliminación da xornada reducida matinal en xuño e setembro

O día 14 de setembro, con motivo do acto de inicio do Curso, a CIG-ENSINO, realizou unha concentración diante do colexio CEIP “Agro do Muíño” de Ames, coincidindo coa presenza da Conselleira de Educación e o Presidente da Xunta, para rexeitar a eliminación da xornada matinal reducida durante os meses de xuño e setembro que se aplica este ano, por primeira vez, de xeito discrecional,en función dos intereses do transporte escolar. 

Montaxe de imaxes da concentración:



Video da concentración con son orixinal:

 

 


A CIG-Ensino, quixo aproveitar a presenza da Conselleira para entregarlle o escrito que se achega, atopándonos coa prohibición do paso ao Secretario Nacional do noso sindicato, Anxo Louzao, quen, a pesar de estar mesmo convidado a asistir aos actos da inauguración do curso, impedíuselle o paso, cun xesto nada dialogante e mesmo poderiamos dicir, represor. 


 TEXTO DO ESCRITO:

Para a CIG-ENSINO non deixa de ser preocupante que, iniciado o curso escolar, a Consellaría siga obstinada en suprimir a xornada lectiva reducida de xuño e setembro  e, tamén, continúe sen atender as repetidas peticións de entrevista feitas pola CIG-ENSINO co obxecto de intentar buscar unha saída a este conflito.

 

Preocúpanos, igualmente, a desconsideración que está tendo co conxunto do profesorado afectado por esta medida. A falta de receptividade e de rectificación supón un desprezo ao 78,5% dos docentes que reclamaron, mediante consulta, o restabelecemento para os meses de setembro e xuño do tipo de xornada que estaba en vigor.

 

Debe saber que tanto a folga, secundada maioritariamente polo profesorado afectado, como as diferentes mobilizacións realizadas non poden ter un resultado baldío, pois a xornada reducida nestes meses non só conta co beneplácito do profesorado senón tamén con amplos sectores da comunidade escolar. Foi e é considerada como a xornada máis axeitada para o alumnado, ademais de ser totalmente compatíbel coa oferta do servizo de comedor escolar. Este tipo de xornada ten como finalidade facilitar un acceso gradual desde o período de vacacións ao período lectivo e de atenuar a incidencia do cansazo acumulado polo alumnado ao final do curso.

 

A posta en marcha do curso evidenciou a disparidade de horarios dos centros por depender e estar condicionados totalmente polo transporte escolar. A propia Consellaría veuse incapaz de garantir a xornada intensiva a todos os centros e son moitos os centros que se viron obrigados a fixar horarios dispares e disparatados.

 

A experiencia deste inicio de curso debe servirlle para recapacitar e dar paso á rectificación tal como se fixo en Cataluña que volveu a restabelecer, para este curso, a xornada reducida nos meses de xuño e setembro, despois do resultado negativo de implantar o curso pasado a xornada ordinaria durante estes meses.

 

Desde a CIG-ENSINO, agardamos que cese o bloqueo e a incomunicación neste tema, por parte de Consellaría. Con este obxecto, volvemos a solicitarlle, urxentemente, unha reunión para buscar unha saída satisfactoria a este conflito.

 

 Imaxes da concentración

inicio de curso

 

Volver