
Concentración o 20 de marzo diante da Consellaría para exixir traballo para o profesorado interino e substituto
A CIG-Ensino exixe que non se destrúan máis empregos
No curso actual, malia a existencia de moitas xubilacións (máis de mil) e a ausencia de procesos selectivos, non se incrementou o número de prazas adxudicadas, senón todo o contrario e así máis do 50% do profesorado interino de Secundaria non obtivo destino na adxudicación de setembro (todo o profesorado de Filosofía, Latín, Debuxo, Educación Física e Lingua quedou sen destino); temos que engadir a este dato que 199 docentes de Infantil e Primaria quedaron sen praza.
Factores como o aumento dos horarios, a non cobertura das substitucións por incapacidade temporal, os agrupamentos, o incremento da impartición de afíns, de itinerancias, o aumento de alumnado por aula e os continuos recortes na políticas educativas provocaron que a día de hoxe unha parte importante dos/as 2244 interinos/as existentes nas diferentes listaxes de Educación estean sen traballar neste momento e que se suprimiran máis de 3.000 postos de docentes.
Para este goberno do PP o ensino público non constitúe unha prioridade como se pode comprobar nos orzamentos dos últimos anos que diminuíron nun 32,7 % con respecto ao ano 2009. Nos orzamentos do ano 2013 aparece unha redución de 315 ensinantes aos que hai que engadir as xubilacións que se produzan. Desde o ano 2009 foron suprimidas 322 unidades, pecháronse 46 escolas e o ensino público conta cuns 3.000 ensinantes menos. Pola contra, o ensino privado goza de moi boa saúde, a diminución orzamentaria é moito menor e mesmo houbo un aumento dun 5,8 % á FP privada concertada. Mesmamente a Consellería de Educación acaba de destinar un ano máis unha partida extraordinaria de 200.000 euros aos centros concertados (que hai que sumar aos 240 millóns que reciben este ano).
O certo é que o profesorado interino pasou de ter nomeamentos durante todo o curso a padecer unha constante inseguridade laboral, perda do dereito a xerar unha nova contratación no verán … A situación de inestabilidade, temporalidade precariedade non só ten consecuencia laborais, senón que repercute na calidade de ensino. Hoxe, estamos abocados, na práctica, a impartir materias das cales non somos especialistas, a cambiar permanentemente de destino e a sufrir contratos duns días con cambio de residencia.
Todos isto estase agravando como froito do desmantelamento que o PP está a facer do servizos públicos.
O xoves día 14 está prevista a sinatura dunha nova addenda ao acordo de colocación do profesorado interino. Para a CIG-Ensino é totalmente inaceptable que se pretendan modificar aspectos para acceder á lista de persoas que nunca traballaron e que porén non se considere a posibilidade de iniciar a negociación do acordo de estabilidade e de restablecer o dereito a cobrar dous meses de verán para os/as substitutos/as. Por iso a CIG-Ensino non vai asinar.
Mobilicémonos para denunciar e paralizar este deterioro do ensino público e mellorar as nosas condicións de traballo que pasan por:
- Non ao despedimento de profesorado.
- Máis profesorado nas aulas.
- Non a masificación das aulas.
- Polo contrato dos meses de verán para os substitutos.
- Estabilidade no posto de traballo.
O ensino público leva sufrindo continuos ataques nestes últimos tempos. É labor de todos nós continuarmos na súa defensa. Desde a CIG-ENSINO somos conscientes de que o profesorado debe ser a parte máis importante neste proceso, mais é fundamental tamén que ningún colectivo quede á marxe, especialmente os máis prexudicados como son os/as interinos/as e substitutos/as.
É necesario facerlle saber á Consellería que o colectivo está disposto a mobilizarse e a denunciar a súa situación.
Mobilízate o mércores día 20 de marzo ás 11:15 concentración diante da Consellaría.