Concentración o 1 de xullo na Consellaría por un cambio de rumbo na política educativa e de persoal da Consellaría

A CIG-Ensino, logo do éxito das protestas nos recreos, chama agora ao profesorado, farto do desprezo da Consellaría, a levar a protesta ás portas de San Caetano

Asistimos a un final de curso cheo de incidencias na planificación das actividades docentes na ESO e no Bacharelato, como xa alertara o sindicato na Mesa Sectorial cando se presentou o calendario escolar deste ano ao non contar con reforzos suficientes para poder atender a todo o alumnado.

Concentración diante da Consellaría o venres 1 de xullo ás 11 horas.

Vemos de novo como se despreza o profesorado de Infantil, relegado profesionalmente na toma de decisións de carácter pedagóxico ao eliminar de feito o período de adaptación para poder dar resposta ás necesidades das familias, fundamentadas no mellor dos casos en problemas de conciliación, e por tanto en cuestións de carácter asistencial e non educativo.

Dispáranse as previsións de redución de aulas e aumento de agrupamentos de diferentes cursos, cos primeiros efectos da caída da natalidade e, por tanto, da matrícula, sen que se teñan tomado nin sequera anunciado medidas efectivas para mellorar o ensino público, o que vai provocar unha redución de postos de traballo no ensino público.

Mantense un comezo de curso acelerado en secundaria e ensinanzas de réxime especial para o día 8 de setembro, desbotando a proposta sindical de adiar o comezo das actividades lectivas ao 9 de setembro con carácter xeral ou mesmo ao luns 12, especialmente polo efecto dos cambios que se prevén coa implantación duns novos currículos nos cursos impares que non están nin sequera aprobados polo goberno galego, o que dá boa mostra do nivel de improvisación e de desidia de quen nos goberna, que prima o incremento da burocracia sobre o reforzo da nosa actividade como docentes.

No ámbito da FP tampouco hai unha previsión nin resposta clara sobre que vai acontecer co número de horas sobrantes en todos os módulos formativos ao adiantarse prematuramente o inicio do curso nunhas ensinanzas que teñen establecido claramente o horario nos currículos dos ciclos.

A única rectificación foi o cambio nas Instrucións para os IES, logo da denuncia pública da CIG-Ensino, polo seu carácter abertamente ilegal que a día de hoxe, que saibamos, aínda non lle custou o posto á persoa ou persoas que as redactaron. Indicar nun texto legal que se convoquen órganos colexiados no mes de xullo (claustro, departamentos) excluíndo expresamente unha parte dos seus integrantes está a un nivel difícil de superar.

Sobran os motivos, por tanto, para mobilizarse e facerlle ver á Consellaría que é preciso un cambio de rumbo nas súas políticas educativas e, especialmente, en materia de persoal.

Por iso, e como continuación á masiva resposta do profesorado galego na xornada de protestas nos centros convocada pola CIG-Ensino o pasado 8 de xuño, o sindicato maioritario chama agora de novo a participar nunha concentración diante da Consellaría o venres 1 de xullo ás 11 horas.

Táboa reivindicativa:
  • Adiar o comezo do curso escolar, con inicio das actividades lectivas o luns 12 de setembro.
  • Recuperar o papel protagonista do profesorado de Infantil nas decisións sobre o período de adaptación.
  • Negociar un plan estratéxico de redución de ratios en todas as etapas educativas para facer fronte ás propias necesidades de mellora do sistema educativo e á caída de matrícula prevista para os próximos anos.
  • Recuperación dos horarios lectivos de 18 sesións en secundaria e réxime especial e 21 en infantil, primaria e educación especial, como xa comezaron a aplicar outros gobernos.
  • Compromiso de non proceder ao peche de ningunha unidade, nomeadamente no ámbito rural, sen previa negociación coa representación sindical do profesorado e coas administracións locais afectadas.
  • Reforzo en todos os niveis da atención á diversidade (desde a acción titorial e o profesorado especialista á orientación en centros e de equipos específicos)
  • Redución da burocracia que afoga o profesorado, con maior dotación de persoal administrativo en todos os centros e o apoio á función docente na aula, coa ampliación dos cadros docentes, garantindo a creación de emprego no ensino público.
CIG

Estamos fartas e fartos de que non se nos teña en conta.

Estamos fartos e fartas de que non se atendan as melloras que reclamamos para o ensino público.

Estamos fartas e fartos da negativa da Consellaría a devolvernos as condicións de traballo que tiñamos (18 e 21 horas lectivas).

Movámonos de novo! Polo profesorado e polo ensino público galego!

Esiximos mudar o rumbo!

Volver