Concentración diante do Parlamento de Galiza como antesala á folga pola seguridade e a protección fronte á COVID no curso 2020/21

Coincidindo coa votación de investidura de Feijóo como presidente da Xunta, delegadas da CIG-Ensino e das outras tres organizacións convocantes da folga o 10 e 16 de setembro, volveron reclamar a negociación do protocolo para a volta segura ás aulas

A comunidade educativa segue rexeitando contundentemente as medidas da Consellaría de Educación e reivindica, entre outras cuestións, a extensión da distancia de 1,5 metros nas aulas ao ensino primario, infantil e de réxime especial, así como a todos os servizos complementarios, a protección do persoal e alumnado de risco, a redución das ratios e a contratación do persoal suficiente para garantir as medidas de prevención, hixiene e vixilancia nos centros educativos.

Coincidindo coa incorporación paulatina aos centros de ensino do profesorado, a celebración dos primeiros claustros e a reformulación do traballo feito até agora polos equipos directivos para a adaptación dos protocolos errantes do goberno da Xunta, medra o descontento de toda a comunidade educativa coa improvisación, a falta de rigor e o abandono da Consellaría. A CIG-Ensino e o resto de organizacións convocantes da folga para os días 10 e 16, nos que comeza o curso nas distintas etapas educativas, conscientes das dificultades que se están atopando os centros para adaptarse a unhas medidas que chegan tarde e que son claramente insuficientes para protexer a saúde e a seguridade de profesorado e alumnado, concentráronse esta tarde no Parlamento de Galiza á mesma hora en que se celebraba a votación de investidura de Feijóo como presidente da Xunta.

Con proclamas como “Sen saúde non hai educación” ou “Ensino presencial e con seguridade”, delegadas da CIG-Ensino volveron reclamar que a administración se sente a falar coa representación do profesorado e rectifique as cuestións máis lesivas do protocolo. En concreto reclaman garantir a distancia de seguridade de 1,5 metros que recomendan todas as autoridades sanitarias no ensino infantil, primario e de réxime especial, a diminución das ratios e contratación de persoal de reforzo, tanto docente como non docente e de limpeza para poder levar a cabo de forma efectiva todas as medidas de prevención, hixiene e desinfección necesarias para minimizar o risco de contaxio nos centros educativos.

Reclaman así mesmo que se teña en conta a situación do profesorado máis vulnerábel, e que no mes de maio se viu dispensado de volver presencialmente aos centros e que agora terá que expoñerse a unha situación de risco porque na última versión do protocolo publicado pola Xunta desapareceu totalmente a alusión ao procedemento para pedir a adaptación do posto de traballo ou a posibilidade de teletraballar para este colectivo.

Existen múltiples dúbidas estes días sobre a composición, a elección e a actuación dos equipos COVID nos centros, sobre o protocolo a seguir ante a aparición dun caso sospeitoso ou dun gromo, sobre as consecuencias para o persoal interino ou substituto de estar en situación de illamento preventivo ou corentena no momento da súa toma de posesión, sobre a responsabilidade que finalmente asumirán equipos directivos e profesorado se existe un contaxio nos centros con consecuencias fatais.... “Todo iso ten que ser negociado e perfilado por parte da Consellaría de Educación que, a menos dunha semana do inicio de curso, segue sen concretar como vai investir os preto de 93 millóns de euros que lle foron asignados polo goberno central no fondo Covid para o ensino e que non deu aínda os detalles sobre a contratación do profesorado a maiores para facer fronte aos desdobres que serán necesarios na ESO, Bacharelato e Formación Profesional sempre que non se poida cumprir coa distancia de seguridade nas aulas”. Precisamente Feijóo fixo hoxe referencia no Parlamento a que esa partida era insuficiente, cando lembremos que no mes de xuño pedira dedicala “a outros fins”, porque a educación non era a súa prioridade.

Camiño cara á folga

A CIG-Ensino anima ao profesorado a seguir amosando estes días nos claustros e Consellos Escolares o seu rexeitamento a este protocolo, a facer concentracións diante dos seus centros educativos, a informar ás familias da situación real nas aulas e a participar na folga convocada os días 10 e 16 para reivindicar que se tomen medidas efectivas para evitar que os colexios e institutos se convertan en focos de contaxio entre as familias e a sociedade en xeral nun momento no que o aumento de contaxios acada xa niveis moi preocupantes.

Volver