Concentración ante a Consellería de Educación. Mércores 8 de setembro, ás 11.30h

CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS fan un chamamento á participación na concentración que convoca o vindeiro mércores, 8 de setembro baixo o lema: “Menos ratio, máis docentes. Contra a pandemia dos recortes”

O sindicato e ANPAS GALEGAS queren manifestar o seu descontento e indignación ante os drásticos recortes de persoal docente e incremento de ratios que a Consellería está levando a cabo ignorando a situación de pandemia que aínda vivimos. Queren tamén recordar ao profesorado e as familias a necesidade de reaccionar ante o desmantelamento progresivo do ensino público.

O protocolo recentemente aprobado na reunión da Conferencia Sectorial de Educación e o Ministerio de Educación coas distintas consellerías de Educación supón 1,2 metros dentro das aulas en todas as etapas educativas de secundaria, FP e ensinanzas especiais e o mantemento do grupo burbulla en infantil e primaria. Como xa se denunciou reiteradamente desde a CIG-Ensino, os criterios adoptados, de cariz exclusivamente económico, fan caso omiso das recomendacións científicas que alertan sobre a incerteza coa que vai comezar o curso escolar. Por outra banda, a Xunta non está obrigada a aplicar estritamente estas distancias senón que podería manter, por exemplo, as do ano anterior; o móbil da diminución da distancia nas aulas galegas vai ser a redución da partida orzamentaria para educación. 

As entidades convocantes consideran que o que se debe facer en Infantil e Primaria é limitar ao máximo as ratios e, como mínimo, manter todos os desdobres autorizados no curso pasado, así como as contratacións de profesorado de apoio necesario. Pola contra, a decisión da Xunta de pechar 127 aulas, colexios ao completo e reducindo docentes no rural bota por terra a mellora das condicións de traballo e do proceso de ensino aprendizaxe, e polo tanto da calidade do ensino, que se fixeron evidentes nomeadamente nos centros do rural durante a pandemia dadas as súas baixas ratios.

Polo que respecta ao ensino secundario, a CIG-Ensino denunciaba nun estudo realizado durante o pasado mes de xullo (sobre arredor do 50% dos centros galegos) o recorte sen precedentes nos cadros de persoal docente para o curso 2021/22. Denunciábase neste estudo que cando menos se prevía un recorte de 435 prazas con respecto ao ano pasado. Esta cifra incrementaríase se o estudo se fixese sobre a totalidade dos centros, evidentemente.

Desde a CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS tamén se critica a opacidade  da Consellería dado que un ano despois das evidencias dos efectos da pandemia nos centros escolares non temos ningún tipo de estudo sobre os seus efectos: por grupos de idade, por sectores profesionais, por zonas xeográficas, por tipoloxía de centros etc. Este escurantismo é aínda máis acuciante no aspecto orzamentario xa que neste momento non existe información detallada sobre en que se gastaron os cartos que desde o Goberno estatal se destinaron ao ámbito educativo do curso 2020/21.

Tamén se quere denunciar a falsidade de que as 1250 contratacións (a media xornada) do Plan Recupera fosen para afrontar as contratacións necesarias do curso pasado. ANPAS GALEGAS e CIG-Ensino declaran que o que precisa o ensino público é manter os docentes dos cadros de persoal, que son os que pretende recortar a Xunta.

ANPAS GALEGAS E CIG-Ensino insisten na necesidade imperante de reacción da comunidade educativa ante  os criterios  adoptados pola Xunta, nin científicos nin sanitarios, obviando a  aínda moi elevada incidencia da pandemia, nomeadamente no sector máis novo da sociedade. As entidades convocantes fan especial fincapé en que as medidas adoptadas pola Administración ante o inminente comezo de curso fundaméntanse en criterios económicos e nunha concepción ultraliberal  xa que unha redución de profesorado supón un suculento aforro que, por outro lado, carrexará un inexorable detrimento da calidade do ensino.

CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS  fan un chamamento a todos os sectores implicados na defensa do ensino público para que participen na mobilización convocada para o día 8, no arrinque do curso escolar,  para  redobrar esforzos ante as pretensións da Xunta que agravarán aínda máis as carencias do sistema educativo público galego. A forza da comunidade educativa será a única capaz de frear os recortes e de manter os cadros de persoal docente en todas as etapas educativas sen superar, cando menos,  as ratios do curso pasado.

 

Volver