Comunicado público da CIG-Ensino sobre as medidas adoptadas unilateralmente pola Consellaría de Educación

Temos unha Consellaría instalada no desprezo polos profesionais do ensino

A CIG-Ensino insta a unha rectificación das medidas e a unha reunión urxente dos responsábeis da administración educativa coas organizacións sindicais.

Como xa indicamos antes de ter coñecemento das medidas da Consellaría, a CIG é moi crítica co feito de que a Consellaría non teña posto en común cos sindicatos as medidas que pretendía adoptar. A única comunicación da Xunta coa CIG-Ensino foi un correo electrónico do gabinete da conselleira recibido ás 20:43 horas do día 12, unha hora despois de colgar na web o mesmo texto.

Desde o sindicato amosamos a nosa total contrariedade pola decisión adoptada pola Xunta de obrigar o profesorado a acudir a uns centros educativos nos que non se vai desenvolver ningunha actividade lectiva presencial. O noso malestar é maior, se cabe, cando comprobamos que hai comunidades autónomas que, correctamente, tomaron a decisión contraria, dispensando da obriga de acudir ao centro ao persoal docente e non docente.

Estamos tamén totalmente en contra da decisión de limitar o dereito dos e das traballadoras con fillos menores de 18 ou maiores a cargo, evidenciando unha falta total de sensibilidade e empatía co persoal, xa que se indica que mesmo nestes casos haberá que cumprir co “co cómputo total anual” do horario, procedendo os equipos directivos a “reorganizar o horario de permanencia no centro educativo”.

A CIG-Ensino promoverá todas as accións legais pertinentes contra a Consellaría de Educación no caso de que se denegue o permiso por deber inescusábel por coidado de fillos, fillas ou maiores con discapacidade ou a cargo. 

Igual de vergoñento nos parece que unha administración pública limite a un 50% do tempo de presencia no centro para eses compañeiros e compañeiras con fillos ou maiores a cargo, e sempre dentro do seu horario de permanencia no centro. Insistimos en que se un traballador ou traballadora ten unha filla menor de 18 anos ou unha persoa maior a cargo e a súa parella, se non é familia monoparental, non pode facerse cargo da custodia daquela, non pode ser obrigada pola administración a ir traballar, xa que se estaría incorrendo nunha irresponsabilidade por parte da docente ou do persoal de administración e servizos no seu deber de tutela. Debe garantirse en todo momento o dereito do menor ou da persoa maior a cargo ao seu coidado.

Esta decisión é especialmente insultante se temos en conta que a concesión dese permiso non ten ningún efecto na prestación do servizo.

Resposta do profesorado galego.

A CIG-Ensino insta ao profesorado galego a rebelarse contra estas instrucións mediante a convocatoria dun claustro con carácter de urxencia na mañá do venres 13, aprobando unha resolución na que se lle comunique á Consellaría de Educación a total oposición do persoal docente a estas medidas e estender esa comunicación ao persoal non docente.

Instamos ao profesorado a facer uso do dereito a ausentarse se non teñen outra posibilidade para coidar un familiar. Ao tempo, solicitamos plena colaboración dos equipos directivos, xa que neles recae a decisión de conceder o permiso de deber inescusábel relacionado coa conciliación da vida familiar (artigo 14 da orde de permisos).

Así, solicitamos das direccións que non asuman a obriga de controlar a presenza do profesorado ou que, como mínimo, concedan todos os permisos a tempo completo que se soliciten por este motivo.

A presenza nos centros docentes debe eliminarse ou reducirse ao mínimo.

Todo o profesorado e membros dos equipos directivos contarán co apoio da CIG-Ensino para defender estas decisións.

Non se garante a equidade e un trato non discriminatorio do alumnado.

Nas instrucións da Consellaría indícase que o “profesorado programará nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos, accesibles ao seu alumnado, actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables”.

Non se ten en conta que a maioría dos centros non están preparados para tomar estas medidas e, o que é peor, non se ten en conta as propias recomendacións da administración educativa cando un mesmo grupo de alumnado se ten que segregar por algún motivo e unha parte del non pode asistir as aulas: sempre se deixa claro que non se pode adiantar materias nin impartir contidos curriculares. Pois ben, con esta instrución, a Consellaría tira pola borda o seu propio criterio e, sabendo que se poden producir discriminacións con alumnado que non teña acceso a internet ou teña outro tipo de dificultades, se indica expresamente que se que se farán actividades de contidos curriculares.


RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se lle da publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se aproba o Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19. Ligazón

 

Volver