Competencias dixitais docentes (CDD)
Prazos e datos de interese
Co obxecto de procurar achegarche a máxima información sobre un tema especialmente complexo pola mala xestión que está a facer a Consellaría preparamos este CIG-Informa que podes consultar nesta ligazón.
Debes ter en conta que a información do CIG-Informa está condicionada pola improvisación e os cambios que introduce a Consellaría que, por non contrastar e consensuar os pasos a dar connosco, como sería o lóxico, está a crear aínda máis confusión da que xa existía. Hoxe mesmo a administración colgou un documento cos respostas a preguntas frecuentes que nalgún caso contradí información previa da propia Consellaría. Podes acceder a este documento na seguinte ligazón ou accedendo a fprofe, na pestana de acreditacións.
A resolución do 5 de xullo sobre recoñecemento das CDD estipula que a acreditación das competencias dixitais docentes pode facerse por tres vías:
- de oficio
- a través de evidencias
- a través de titulacións
Asignación de roles e recoñecemento de oficio
O xoves 12 de setembro a Consellaría fixo pública a asignación de CDD a roles e postos docentes, fixando un prazo de 5 días hábiles para reclamar. Este prazo ábrese logo das protestas da CIG-Ensino na comisión á que asistiu o sindicato para tomar coñecemento desa asignación de roles. O prazo remata o 19 de setembro e ten que facerse a través da sede electrónica.
O procedemento de acreditación de oficio realízao a Administración tendo en conta a información xa rexistrada en datos persoais da Consellaría polo que non haberá que presentar ningunha solicitude para que se recoñezan.
A acreditación de oficio será resolta antes do 27 de setembro de 2024 e poderá consultarse no Rexistro de Acreditación da CDD (en Fprofe) nos días seguintes de maneira progresiva. A partir desa data, as persoas que desempeñaran algún rol ou posto docente recollido no anexo I da Resolución do 5 de xullo que non vexan reflectido no Rexistro de Acreditación da CDD o seu nivel poden dirixirse ao correo acreditacionCDD@edu.xunta.gal xustificando o desempeño dese rol ou posto docente.
Información da reunión informativa coa Consellaría para o recoñecemento das CDD
A pasada semana, a Consellaría convocounos a unha reunión informativa sobre o funcionamento da comisión de recoñecemento das CDD e do desenvolvemento da resolución do 5 de xullo. Nela, desde a CIG-Ensino mostramos a nosa desconformidade polo feito de que a resolución non tivese pasado pola Mesa Sectorial e porque con este sistema de convocarnos para “informar” só se busca que lle deamos un aval de transparencia a un traballo do que nin o profesorado, nin a representación sindical é realmente partícipe.
Así, atopámonos na resolución publicada o xoves 12, por exemplo, con que as persoas que impartiron unha materia como afín da que non son especialistas non se lles vai recoñecer de oficio un nivel de CDD como si vai ocorrer con determinadas especialidades que imparten persoas especialistas. Ante a protesta da CIG-Ensino, a Administración propuxo que as persoas que impartiran como afíns as materias incluídas no anexo I, achegando un xustificante, poden solicitar o recoñecemento (en primeira instancia no correo electrónico acreditacioncdd@edu.xunta.gal e se non reciben resposta ou é negativa, a través da Sede electrónica).
Na devandita reunión informóusenos de que, a petición de profesorado que se puxo en contacto coa Consellería, incrementaron (con respecto ás publicadas no anexo I da resolución mencionada) a listaxe de especialidades de FP polas que se vai asignar determinados niveis de CDD como é o caso de “comercio”. A Consellaría negouse a tomar en consideración algunha proposta que a CIG-Ensino lle propuxo, tras serlle trasladada ao sindicato por profesorado afectado. Polo tanto, instamos a todo o profesorado a que revise o anexo e faga as reclamacións que considere pertinentes neste sentido.
Así mesmo, á nosa pregunta en canto a como se recoñecerán os certificados de acreditacións de CDD doutras comunidades autónomas e se hai reciprocidade cos de Galiza, indicáronnos que se pode achegar esa certificación cando se abran os procesos de alegacións en “Datos Persoais” e que van recoñecer o mesmo nivel que veña no certificado doutra comunidade. O que non van recoñecer son os cursos de fóra de Galiza que non teñan recoñecido un nivel de CDD explicitamente.
Prazos a ter en conta
Até 19 de setembro: reclamacións á asignación de CDD a roles e postos docentes
Até 30 de setembro: recoñecemento de CDD a través de evidencias e titulacións.
Recomendamos ás persoas que a día 27 de setembro non teñan recoñecidas de oficio a CDD que consideran posuír que soliciten o seu recoñecemento neste prazo e por este procedemento.