Comité Intercentros de Preveción de Riscos e Saúde Laboral: A cada un segundo a súa representatividade.
Comité Intercentros de Preveción de Riscos e Saúde Laboral
Comité Intercentros de Preveción de Riscos e Saúde Laboral: A cada un segundo a súa representatividade. O Comité Intercentros de Prevención de Riscos e Saúde Laboral é un organismo paritario de recente constitución no que a Administración e as Organizacións Sindicais deben avanzar cara ao cumprimento da Lei de Prevención de Riscos que leva en vigor desde o ano 1995...
A cada un segundo a súa representatividade.
O Comité Intercentros de Prevención de Riscos e Saúde Laboral é un organismo paritario de recente constitución no que a Administración e as Organizacións Sindicais deben avanzar cara ao cumprimento da Lei de Prevención de Riscos que leva en vigor desde o ano 1995.
Desde que se constituíu o Comité no ano 2004, a CIG-ENSINO, a central sindical maioritaria, tivo que soportar que non se lle recoñecera a representatividade que ostenta. Neste Comité aínda non se estableceu o voto ponderado, polo que os pactos para que gañen os candidatos ou candidatas do resto das organizacións sindicais, están servidos. Así foi secretaria a representante de CCOO, e agora pretendían seguir na mesma dinámica, excluíndo a CIG até o fin dos tempos.
Aínda que a función dun secretario do Comité é exclusivamente administrativa, algunhas organizacións minoritarias viron a única oportunidade que se lles presentaba para figurar nos papeis.
Como era de esperar, os representantes do resto das organizacións sindicais, malia que a CIG é maioritaria, non aceptan a nosa proposta de que o posto de secretaria fose rotativo en proporción á representación que temos cada organización. Polo contrario, o que tiñan pensado era presentarse algún deles como candidato e votarse mutuamente.
Desde a CIG, valoramos que non deberíamos participar nesta componenda, cando no Comité hai representantes sindicais que xa non deberían formar parte del por non acadar os mínimos legais nas últimas eleccións sindicais, pero que votarían en pé de igualdade. O que non di a “coalición sindical” é que a CIG-ENSINO, que tivo un apoio dun 40% nas eleccións sindicais, ía ter a mesma representación que a organización sindical que non acadou nin sequera o 2% e que non ten dereito a formar parte do Comité. Non debemos perder de vista que somos representantes dos traballadores e son eles e só eles os que deciden o grao de representatividade que cada quen ten que ter.
Estamos asistindo a diferentes episodios que, por medio de subterfuxios dos sindicatos “coaligados”, pretenden desvirtuar a representación que nos outorgou o profesorado, deslexitimando o resultado das eleccións sindicais.