Comeza un curso marcado polo inmobilismo da Consellaría, o despido de máis de 400 docentes interinos e a perda de poder adquisitivo do profesorado galego
A CIG Ensino denuncia que este colectivo pasará a facer substitucións ou irá directamente ao paro despois de que a Consellaría convocara oposicións sen ter en conta a súa situación e a previsión de xubilacións.
O curso arranca tamén co peche de 74 aulas en infantil e primaria e lastrado polo peor acordo salarial dos últimos anos, asinado só por dous sindicatos e pechado pola porta de atrás nos despachos da Consellaría. A Xunta négase a reducir a xornada lectiva do persoal docente e mantén os descontos por enfermar, as materias afíns sen ningún tipo de regulación, a alta provisionalidade e a falta de transparencia nos concursos de traslados e na adxudicación de destinos provisionais.
Sen expectativas para tirar abaixo a LOMCE
Retribucións
O curso comeza lastrado no aspecto retributivo polo peor acordo salarial dos últimos anos para profesorado galego asinado só por dous sindicatos, convertidos xa en auténticas máquinas de asinar acordos nas condicións que sexa aínda que supoñan unha traizón ao profesorado. Un acordo pechado nos despachos e que demostrou ser unha fraude para un profesorado que tiña expectativas de que a negociación salarial servise para recuperar o que nos foi arrebatado na última década e que finalmente foi un auténtico xarro de auga fría.
As subas salariais pactadas no presente ano 2018 (un 1,5% de momento da masa salarial) e unha irrisoria contía de 15€ brutos a partir da paga de outubro son inferiores á suba do IPC que se dispara ao 2,3% interanual nestes momentos. Mais o peor de todo é que o acordo retributivo docente hipoteca calquera mellora das mestras e mestres galegos até 2021. Polo tanto, unha farsa que se disfraza de homologación e que vai implicar que os salarios do profesorado galego sigan a perder poder adquisitivo.
Condicións de traballo. Horarios
Hai CC.AA. que xa neste curso 2018/19 van recuperar 18 ou 19 períodos lectivos para o profesorado de secundaria. O goberno Feijóo foi o primeiro de todo o Estado en incrementar o horario do persoal docente nada máis chegar ao poder en 2009. Pasamos de 25 a 21 horas en infantil e primaria e de 18 a 20 en secundaria. Non lle fixo falta ningunha normativa estatal. Durante estes anos reduciu docentes con eses incrementos horario e empeorou gravemente as nosas condicións de traballo.
Durante as negociacións de finais de curso, co apoio das demais organizacións sindicais, a Consellaría negouse a abrir a negociación da recuperación dos nosos horarios lectivos. Agora o Ministerio anula o RDL 14/2012 que fixaba uns mínimos de 20 horas en secundaria e 25 en primaria (e que xa algunha Comunidade obviara negociando unha diminución de carga lectiva) e o cinismo do conselleiro de Educación lévao a dicir que o Ministerio debe transferir fondos para que se poida implantar esa medida. É totalmente falso. Na última Mesa do pasado 3 de setembro a CIG-Ensino volveu incidir na necesidade de abrir esa negociación e de novo obtivemos un “non entra nos plans do conselleiro” por resposta.
A redución de horario lectivo suporía unha mellora relevante nas nosas condicións de traballo, ao ter unha menor carga de docencia directa, menos grupos que atender nalgúns caso, mesmo podería levar a unha redución nalgún caso da impartición de afíns, mais ademais das vantaxes individuais tamén hai que contemplar as colectivas, tanto pedagóxicas, cun maior tempo para coordinacións e traballo en equipo nos centros, como sociais e laborais xa que a redución leva consigo un incremento de postos de traballo que paliaría, cando menos en parte, os efectos das oposicións como a celebrada este ano sobre o persoal interino.
A burocracia e a ampliación do calendario laboral
Un dos aspectos que seguirá neste curso sendo motivo de malestar entre o profesorado é a carga burocrática que leva anos xa dificultando o noso labor docente, roubando tempo do verdadeiramente importante para o profesorado (impartición de docencia, titoría, coordinación didáctica…). Unha carga burocrática que se reduciría se aumentase o persoal administrativo e se evitasen moitas das encomendas non docentes que temos que asumir.
A modificación do calendario escolar neste curso, para introducir os exames extraordinarios de Bacharelato en xullo para acomodar as axendas do ensino secundario ás da universidade, cada vez máis cuestionado, abre o camiño a unha realidade que xa coñecemos polo que está a acontecer no ensino superior, levando na práctica a unha acumulación de tarefas no mes de xullo, o que implica realmente unha ampliación do noso calendario laboral.
Seguimos pagando por enfermar
Levamos meses escoitando, nun exercicio de hipocrisía sindical vergoñento, que xa non nos descontan por estar de baixa. É falso. Houbo quen lle deu un cheque en branco a Montoro e o goberno do PP en Madrid, asinando un acordo no que o mesmo goberno que implantou os descontos ao persoal so sector público por enfermar diluía a súa responsabilidade, coa compracencia sindical habitual, e trasladaba o problema ás diferentes administracións. 6 meses despois daquel acordo o profesorado galego segue a ter descontos salariais nos 20 primeiros días de baixa médica.
Rateos elevadas. Aulas pechadas
Un sinal de continuidade no curso que comeza é que seguirán existindo aulas por riba das rateos oficiais previas ao RDL 14/2012 imposto polo goberno de Rajoy. A norma do PP permitía incrementar até un 20% as ratios máximas. A medida serviulle ao goberno de Feijóo para evitar desdobres de aulas en infantil e primaria. A día de hoxe esta medida xa non ten amparo legal mais a Xunta mantén ese criterio en centros aos que lles nega o incremento de docentes.
Pola contra mantense, como nestes últimos anos, un constante peche de aulas coa conseguinte redución de profesorado. Neste verán pecháronse 74 aulas de infantil e primaria en todo o país, con especial impacto no medio rural.
Ademais temos constancia de incidencias xa neste primeiro día de curso especialmente en infantil, que afecta sobre todo a falta de profesorado de apoio nos seguintes centros: CPI As Mirandas (Ares), CEIP San Xoán de Filgueira (Ferrol), CEIP Juan de Lángara (Ferrol), CEIP Milladoiro (Malpica), CEIP Canosa-Rus (Coristanco), en diversos centros de Moaña e en Allariz. Tamén noutros niveis educativos está habendo movementos das ANPA´s e da comunidade educativa denunciando os recortes de persoal, como IES Cidade de Antioquía, en Xinzo da Limia, o IES de Brión ou a ESAD de Vigo.
A atención á diversidade, insuficiente.
Un dos escasos movementos da Consellaría neste inicio de curso é a transformación de 135 prazas de PT e AL provisionais en definitivas. O cambio non representa ningún incremento neto de persoal e responde moi insuficientemente á campaña realizada pola CIG-Ensino no curso pasado no que denunciamos que centos de praza de mestras de apoio educativo viñan repetíndose curso tras curso con cambio de docentes, sen garantir a continuidade profesional necesaria para docentes e, sobre todo, alumnado.
A medida adoptada pola Xunta é boa mostra da política restritiva en materia educativa deste goberno. Consolidan como fixos 135 novos postos mais dánlle carácter itinerante, co que vai provocar que este profesorado poida ter que atender alumnado de varios centros, o que implica peores condicións de traballo e menor tempo para atender ao alumnado. A CIG-Ensino demanda que estes postos se transformen en fixos sen compartición de centro.
Persoal interino ao paro. Máis de 400 persoas con contrato en vigor no curso 2017/18 non tiveron destino este ano
172 mestres e mestras que no curso 2017/18 tiveron nomeamento durante todo o curso escolar como interinas pasarán a facer substitucións no curso que agora comeza e outras tantas persoas que foron encadeando contratos verán reducidos os chamamentos. As cifras nos corpos de secundaria apuntan a que 256 persoas se atoparían nunha situación semellante, o que implica que a porcentaxe de persoas que perderían o posto de traballo ou empeorarían as súas condicións roldaría o 11% nos corpos de Mestres/as, Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial.
Un sistema de acceso como o actual, que o novo goberno do PSOE tampouco está disposto a modificar no sentido que a CIG-ENSINO vén demandando (acceso diferenciando previo cambio da lexislación básica que o impide actualmente) invita a pensar en que os próximos anos poderase producir un incremento destes despidos se non se buscan solucións que lle dean estabilidade a aquelas persoas interinas cunha longa experiencia profesional ou cunha avanzada idade.
Un estudo realizado pola CIG-Ensino a partir dos datos públicos de todos os tribunais tira unhas conclusións rotundas:
- O 36% das persoas que aprobaron as oposicións nunca traballaran para a Consellaría de Educación
- Dous terzos das persoas aprobadas teñen un máximo de 2 anos como persoal interino.
- A porcentaxe de docentes interinos con máis de 5 anos de experiencia que aprobaron as oposicións é do 18%.
- No caso daquelas persoas cunha longa experiencia profesional (superior a 10 anos) a porcentaxe de aprobados limítase ao 5% (79 persoas en total en todos os corpos).
É obvio que a inexistencia dun acordo de estabilidade para o persoal interino en risco de perder o seu posto de traballo, xunto coa necesaria oferta de oposicións polas elevadas cifras de xubilacións e un sistema que obvia a fase de concurso e provoca a competencia entre as persoas con méritos na docencia con aquelas outras que non teñen experiencia previa é un escenario que pode provocar nos próximos anos que se incrementen os despidos do persoal interino.
Oposicións sen fase de concurso
Estamos ás portas de saber que fará a Xunta coa oferta de emprego do ano 2019, rodeados do hermetismo e a falta de transparencia habituais neste goberno. Preocúpanos, ademais do propio sistema de acceso e a negativa da Xunta e os socios sindicais habituais a abrir a negociación dunha mellora substancial do acordo de persoal interino para introducir un pacto pola estabilidade, que nin sequera se cumpra co concurso oposición tal e como está regulado na normativa actual.
Un 16% das prazas sen cubrir nas oposicións do 2018, a farsa de inflar as cifras das prazas ofertadas co engano da promoción interna, na que un 92% das prazas non se cubriron e a ausencia de concurso, especialmente no caso das especialidades de secundaria e FP, levaranos de novo a demandar da Xunta unha negociación real sobre as oposicións do 2019, incidindo naqueles aspectos que son responsabilidade exclusiva da Consellaría: reducir o número de aspirantes por tribunal, delegar a baremación nunha comisión técnica e garantir ao máximo posíbel o anonimato das probas e a mellora na realización das probas, dotando aos tribunais, que deben por sorteo, incluída a presidencia, do tempo suficiente para que poidan examinar en mellores condicións ás e os opositores.
Reducir a provisionalidade e dotar de transparencia o concurso de traslados
Un elemento central do presente curso será comprobar os efectos do cambio de criterio da Consellaría, ao ter aceptado na última Mesa a proposta da CIG-Ensino de negociar en profundidade a oferta de prazas para reducir o máximo posíbel a provisionalidade e dotar de estabilidade os equipos docentes dos centros de todas as etapas e niveis educativos.
A elevada provisionalidade, especialmente en secundaria e FP, leva a que centos de docentes leven anos sen poder acadar un destino definitivo mentres observamos como curso tras curso se repiten moitas prazas provisionais que despois non se incorporan ao concurso de traslados. Un obxectivo da CIG-Ensino para este curso será que se produza un incremento moi elevado de prazas e que consigamos que a provisionalidade se limite a un máximo de 2 anos unha vez aprobadas as oposicións.