Comeza sen previo aviso nin protocolo coñecido a vacinación do profesorado

CIG-Ensino considera unha nova mostra de desorganización e falta de respecto a falta de información e de criterios aos que aterse nunha campaña de vacinación da que non se informou á representación sindical

A Consellaría volve amosar un total desprezo do profesorado co comezo inesperado da vacinación neste colectivo, sen sequera comunicarlle ás organizacións sindicais como se vai realizar, con que criterios e con prazos previstos.

Na mañá do luns 22 de febreiro docentes de diferentes centros educativos, tanto de primaria como de secundaria, das catro provincias recibiron mensaxes nos seus móbiles convocándoos para unha vacinación da que nada se sabía previamente, nun claro exemplo de desorganización total e absoluta, sen ter en conta a atención dos propios centros de traballo e creando situacións de difícil xestión como é a de que convoquen a unha parte importante do claustro nunha franxa horaria moi reducida e cunha diferenza entre cada persoa de 2 minutos, avisando só con 24 horas de antelación, sen ter marxe de solución de cara á atención do alumnado. Estas mensaxes foron recibidas por profesorado con independencia da súa idade, tendo constancia de que, fronte a algunha información divulgada por un medio de comunicación, non só se convoca a menores de 55 anos.

A diferenza entre as Consellarías, un escándalo e unha mostra de desorganización interna na Xunta

A diferenza entre Educación e Sanidade é enorme. O SERGAS reuniuse, no seu momento, coa representación sindical para comunicarlles como ía ser a campaña de vacinación, fixando criterios e prioridades. A representación da CIG xa indicou nunha das reunións co SERGAS que cada Consellaría, e en concreto a de Educación, polo elevado número de persoas afectadas e pola necesaria organización dos centros, debía comunicar ás organizacións sindicais do seu ámbito como se ía ordenar a campaña (prazos, prioridades, etc..). O SERGAS limitouse a contestar que iso era responsabilidade da Consellaría de Educación. Á vista do acontecido hoxe, fica claro que é realmente foi unha nova irresponsabilidade da Consellaría.

A CIG-Ensino trasladou hai case un mes unha solicitude de aclaracións ao conselleiro que a día de hoxe segue sen resposta

O 29 de xaneiro a CIG-Ensino remitiu un escrito ao conselleiro de Educación solicitando aclaracións a varios temas relacionados coa pandemia, un deles a vacinación nos centros educativos. Nel, pedíase expresamente:

“que haxa total transparencia nos criterios de vacinación e de prioridade de colectivos de cara ao persoal dos centros de traballo e da sociedade no seu conxunto e que se poña no noso coñecemento que decisións vai adoptar a autoridade sanitaria coa suficiente antelación”.

Ao tempo, tamén se deixaba constancia da necesidade de que as autoridades sanitarias determinasen se era necesario fixar unhas prioridades de vacinación, como viña de facer o SERGAS. Hai que ter en conta que na situación actual  a Xunta ten que ter claro se na quenda do persoal dos centros educativos deben ir todos e todas a un tempo ou se, partindo da situación de escaseza das vacinas, se deben estabelecer quendas diferentes en función de situacións de vulnerabilidade, de idade ou mesmo da esencialidade do servizo que se presta.

Así, se as decisións a tomar deben estar en función do reducido número de vacinas, a propia Consellaría ben podía diferenciar a quen está con docencia directa de quen non o está, deixando a este segundo grupo (liberacións sindicais, persoal en comisión de servizos fóra dos centros educativos, etc..) para un momento posterior dentro do colectivo docente ou ben para a campaña xeral por grupos de idade. Tamén se debería coñecer de antemán, como xa se está a facer noutros sectores laborais, a recomendación de non vacinarse a mulleres embarazadas, evitando desprazamentos innecesarios.

Se, pola contra, deben primar outros criterios (loxísticos, de xestión de bases de datos de persoal, etc..), o profesorado, a través da súa representación sindical, debería dispoñer de toda a información coa suficiente antelación. Neste momento non existe ningún tipo de interlocución nin de comunicación entre a Consellaría de Educación e os órganos de representación do profesorado, ben sexa na Mesa Sectorial ou no Comité Intercentros de Seguridade e saúde Laboral, novamente boicoteado pola Administración educativa.

Extracto do escrito sobre a vacinación do profesorado remitido pola CIG-Ensino ao conselleiro de Educación o 29 de xaneiro de 2021 e do que non existe resposta de ningún tipo.

Vacinación nos centros educativos

É absolutamente fundamental que o persoal que traballa nos centros educativos coñeza de man dos responsábeis políticos o momento en que as autoridades sanitarias teñen prevista a vacinación deste colectivo contra a COVID-19. Asistimos con preocupación ás novas que se publican, onde se comproba a alteración deses protocolos por parte dalgúns cargos públicos e, non con menos inquietude vemos o corporativismo dalgunhas organizacións, que dunha forma totalmente oportunista, se arrogan a función de determinar os tempos dunha cuestión tan importante.

Tamén asistimos con preocupación aos efectos dunha campaña de vacinación con todos os ingredientes dun fracaso organizativo. Pola dependencia exclusiva das grandes multinacionais farmacéuticas, evitando recorrer a outras vías de subministro. Polas deficiencias provocadas por unha mensaxe falsamente positiva sobre o ritmo de vacinacións que fixo albergar en moita xente a idea de que a vacina xa lle sería proporcionada en breve. Polos erros das propias administracións á hora de planificar a distribución das vacinas. Nunha situación de total transparencia sobre datas posíbeis de vacinación e de boa xestión non deberían existir problemas importantes sobre a ordenación de colectivos a vacinar e sobre excepcionalidades dentro destes.

A CIG-Ensino, como sindicato de clase, considera que son exclusivamente as autoridades sanitarias, partindo de principios da ética médica, as que deben determinar obxectivamente esas prioridades e, polo tanto, as que deben estabelecer, en función do risco polo contacto directo que se dá entre persoas, cando lle corresponde a vacinación ao persoal dos centros educativos. Neste sentido entendemos que este persoal deberá ser considerado en pé de igualdade con todos os colectivos considerados esenciais, sen entrar en competicións insolidarias e corporativas entre profesionais de diferentes sectores cando todos eles realizan funcións de igual relevancia e exposición ao risco.

Porén, tendo en conta os problemas na campaña de vacinación e a escaseza que existe, cando menos no momento actual, derivados das enormes eivas de xestión enunciadas anteriormente e das que son corresponsábeis todas as administracións, desde a europea á galega pasando pola española, entendemos que en tanto non se solventen, a vacinación deberá fixar prioridades e comezar por aquel persoal que está atendendo directamente ao alumnado, o que implica necesariamente que aquel profesorado que, aínda dependendo directamente da Consellaría de Educación, non está en contacto co alumnado, como é o caso das persoas que temos un permiso sindical a tempo completo, deberá agardar por unha fase posterior. Entendemos que só motivos relacionados con cuestións loxísticas e de operatividade da campaña de distribución da vacina podería alterar este criterio para o que, en todo caso, desde a CIG-Ensino solicitamos que haxa total transparencia nos criterios de vacinación e de prioridade de colectivos de cara ao persoal dos centros de traballo e da sociedade no seu conxunto e que se poña no noso coñecemento que decisións vai adoptar a autoridade sanitaria coa suficiente antelación.

 

Volver