Comeza o peche na Escola de Idiomas de Compostela contra o desmantelamento destes centros públicos

Os profesores fan un chamamento ao alumnado para que apoien

Ás 9 da mañá deste mércores día 9 de outubro, comezaba o peche do profesorado da Escola de Idiomas de Santiago de Compostela, Un peche contra os plans de desmantelamento das OIE galegas que pretenden a Consellaría de Educación e que ten como punto de partido o mes de xullo, desde a imposición, por parte do Director Xeral, Mira Lema, da circular 5/2009. Un documento que non foi levado á mesa sectorial, como é preceptivo, e que, polo tanto, vulnera a legalidade vixente. Deste xeito, a EOI de Santiago súmase aos peches que xa se celebraron con anterioridade nas EOI de Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Vigo, Lugo, Monforte e Ourense.
Comeza o peche na Escola de Idiomas de Compostela contra o desmantelamento destes centros públicos
Os profesores fan un chamamento aos alumnos para que apoien as súas reivindicacións
 
Ás 9 da mañá deste mércores día 9 de outubro, comezaba o peche do profesorado da Escola de Idiomas de Santiago de Compostela, Un peche contra os plans de desmantelamento das OIE galegas que pretenden a Consellaría de Educación e que ten como punto de partido o mes de xullo, desde a imposición, por parte do Director Xeral, Mira Lema, da circular 5/2009. Un documento que non foi levado á mesa sectorial, como é preceptivo, e que, polo tanto, vulnera a legalidade vixente. Deste xeito, a EOI de Santiago súmase aos peches que xa se celebraron con anterioridade nas EOI de Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Vigo, Lugo, Monforte e Ourense.
 
Esperanza Moreira, directora da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, foi a encargada de explicar, en rolda de prensa, a situación que están a padecer as Escolas de Idiomas e as razóns que levaron a convocar este peche por parte do profesorado. Un peche ao que chamaron a participar ao alumnado, para que se abra de inmediato un diálogo que permita mudar a situación e dar unha solución acaída “ás nefastas consecuencias que para o sistema público de ensinanzas especializadas de idiomas supón a aplicación da circular 5/2009” e durante o que se manterá con total normalidade a actividade lectiva.
 
A directora do centro deu conta das consecuencias máis inmediatas neste curso 2009-2010 na EOI de Santiago, nomeadamente a redución de profesorado. “Prescíndese de 5 profesores. A redución dos dous últimos comunícase a mediados de setembro e obriga a reestruturar toda a oferta educativa da sección de Sar”. Alén diso, quedaron sen praza máis de 1.000 alumnos. Malia todo, Esperanza Moreira salientou que “unha pequena parte destes aspirantes a unha praza na EOI aínda tivo vontade para rexistrarse nas listaxes de espera: 275 persoas”.
 
Porén, existen aínda hoxe máis de 1.200 prazas vacantes, prazas que ninguén quere por seren en horarios incompatíbeis coa actividade lectiva, profesional ou familiar do alumnado da Escola. Xunto a isto, suprímense 17 grupos de nova creación derivados da aplicación da circular, sen demanda suficiente; esta supresión e outra nova oferta educativa experimental faise o 15 de outubro, 3 semanas despois de iniciadas as clases, co conseguinte caos organizativo e a ralentización da actividade normal do centro. Malia todo, vén de abrirse un novo prazo de matrícula até o 31 de outubro, para seguir ofrecendo as prazas vacantes existentes que non satisfán as necesidades do posíbel alumnado e suprímese tamén a coordinación da biblioteca.
 
Caos no inicio do curso
A consecuencia inmediata foi o caos no inicio do curso. O profesorado da EOI de Santiago denuncia que “a desfeita que provocaron todos estes desatinos levou a que, por parte da inspección educativa, se cometesen todo tipo de atropelos, como obrigar ao profesorado a iniciar as clases sen ter rematada a matrícula, a novas aperturas de grupos en horas non demandadas, a variar os horarios e a elección de grupos por parte do profesorado unha vez comezado o curso ou a supresión de grupos e creación de outros que, novamente, serán innecesarios por estaren situados en horas de moi pouca demanda”.
 
Xestión empresarial
Para o profesorado da EOI de Santiago está clara a vontade de Mira Lema de prescindir dun tipo de ensinanza oficial, especializada e de calidade, inédito en Europa, e que vén paliar o déficit do manexo de idiomas que caracteriza aos galegos e galegas e que supón “unha clara contradición coas declaracións públicas dos membros do goberno galego de pretender potenciar as súas habilidades lingüísticas”.
 
A CIG advirte que o curso escolar será conflitivo se a consellaría de Educación persiste na súa actitude
O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, tamén interveu na rolda de prensa para ratificar a denuncia sobre a existencia de presións e unha situación de acoso contra os profesores e profesoras e as direccións das EOI que se teñen mobilizado. “Nós temos constancia de se teñen dado actitudes intimidatorias por parte da consellaría contra algúns directores e directoras aos que convidaron a desistir das súas accións e mesmo a que presentaran a súa dimisión”.
 
Unha actitude que Louzao cualificou de “inaceptábel” e que lembrou “vén sendo unha suma máis ao comportamento desta consellaría de Educación e que resume moi ben a súa actuación contra as Escolas Oficiais de Idiomas”.
 
O secretario nacional de CIG-Ensino subliñou que a consellaría está impoñendo unha medida unilateral, sen previa negociación en ningún ámbito e sen abrir o diálogo que ten como obxectivo “desmantelar o ensino público como está facendo noutros niveis educativos pero fundamentalmente nas EOI e os datos están enriba da mesa: menos alumnado matriculado, menos profesorado o que terá como consecuencia que a calidade do ensino sexa peor”.
 
O representante da CIG anunciou que “baixo ningún concepto imos aceptalo e este vai ser un conflito que vai continuar se non cambian de actitude”, engadindo que “con este plano de desmantelamento do ensino público non só nos terán enfronte senón que imos continuar cun curso conflitivo en distinto ámbitos se non se impón a sensatez”.
 

Volver