
Comeza a aplicación do incremento de 4 millóns de Euros pactado a finais do 2009 no FAS
Reunión sobre criterios de reparto do fondo de acción social 2010
Con respecto ás cantidades de cada unha das partidas do FAS, prodúcese un incremento no mínimo que se achega á partida de estudo de fillos/as, pasando dos 70€ aos 90€. Tamén se incrementa a axuda mínima por gastos sanitarios, pasando de 50€ a 60€.
Prazos
A publicación da convocatoria no DOG está prevista para principios de xaneiro de 2011
Prazo para cubrir na web as solicitudes e para presentalas unha vez impresas á dirección do centro docente Ligazón para acceder ao F.A.S. |
Até o 25/febreiro/2011 |
Prazo das direccións dos centros para entregar as solicitudes conformadas aos solicitantes (completadas e comprobada, se procede, a documentación achegada) |
Até o 18/marzo/2011 |
Prazo para presentar nos rexistros públicos (delegacións, oficinas de correos, etc) as solicitudes por parte dos solicitantes |
Até o 8/abril/2011 |
As axudas do Fondo de Acción Social como percepción salarial
Ao igual que acontecerá co pago do FAS 2009 previsto (segundo información de Función Pública) para a paga de decembro, a partir de agora os pagamentos das axudas do FAS faranse a través da nómina, xa que legalmente estas axudas teñen a consideración de percepción salarial, polo que non poden ficar exentas da obriga de tributar por elas. Tal e como fixo ver a CIG isto vai supor unha redución das cantidades a percibir por parte dos beneficiarios do FAS. Función Pública limitouse a aclarar que legalmente están obrigados a considerar como salario as cantidades que se achegan como axudas no FAS (até o momento só se facía coas axudas por adquisición de vivenda).
Outras novidades ao respecto de convocatorias anteriores na documentación:
Para acreditar nos casos de separación ou divorcio que o ex cónxuxe non pertence á unidade familiar ou definir a custodia dos fillos/as será preciso presentar a sentenza xudicial.
Obriga de presentar, nos casos que así se requira pola convocatoria, declaración da renda dos fillos e fillas maiores de 16 anos membros da unidade familiar (no caso de que se autorice á Consellaría a acceder aos datos tributarios da AEAT non será preciso).
Dentro das incompatibilidades nas axudas inclúense as previstas no V Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta de Galiza.
Incídese na obrigatoriedade de presentar por rexistro non só as solicitudes conformadas polas unidades de persoal (equipos directivos nos centros docentes) senón tamén toda a documentación requirida.
Dado que se teñen detectado falsidades na documentación achegada, recóllese na norma que as solicitudes teñen carácter de declaración responsábel. Ademais da denegación da axuda, podería dar lugar á imposibilidade de solicitar axudas durante 5 anos.
No caso de fillos discapacitados internados nunha residencia non será preciso acreditar convivencia nos casos de separación legal ou divorcio
Nos caso de estudos universitarios (cando non se teña dereito a matrícula gratuíta) deberá figura o importe pagado coa xustificación bancaria, ademais da copia da matrícula.
No caso dos estudos da traballadora ou traballador (cando non se teña dereito a matrícula gratuíta) debe figurar o curso no que se atopa matriculado.
Para a axuda de adquisición de vivenda xa non fai falta o xustificante de inscrición no rexistro, sendo necesaria a escritura notarial.
No caso da certificación dos mutualistas de MUFACE de non teren percibido axuda por vivenda tamén se inclúe ao copropietario/a da vivenda, ademais do solicitante ou o seu cónxuxe, como até agora.
Na axuda por maiores a cargo tamén se inclúe como causante dependente o cónxuxe do ou da solicitante.
Nas axudas por gastos sanitarios de persoas distintas da solicitante non terá que presentar copia do libro de familia se obtivo axuda no FAS 2009. Se o causante é parella de feito será preciso certificado de convivencia ou empadroamento.
A CIG seguiu defendendo, como fixo historicamente convocatoria tras convocatoria, que se estenda a axuda por adquisición de vivenda ao persoal temporal e interino.