Coa Adxudicación Provisional de Destinos en Secundaria a Consellaría de Educación reincide na súa política de redución do profesorado

Máis recortes de profesorado

Esta fin de semana a Consellaría de Educación fixo pública a adxudicación provisional dos destinos do profesorado funcionario e interino das materias comúns de Secundaria: Filosofía, Grego, Latín, Lingua castelá e literatura, Xeografía e historia, Matemáticas, Física e química, Bioloxía e xeoloxía, Debuxo, Francés, Inglés, Alemán, Música, Educación física, Psicoloxía e pedagoxía, Tecnoloxía, Lingua e literatura galega. Mais nesta adxudicación non se asigna praza a ningún profesor interino nas especialidades de: Lingua castelá, Matemáticas, Física e Química, Debuxo, Inglés, Educación Física e Lingua Galega, o que fai un total de 368 profesores sen colocar , ou só se colocan entre un e dous en Filosofía, Francés, Música e Historia, o que fai 184 profesores interinos sen adxudicación. Ou sexa, con esta adxudicación provisional, máis de 550 profesores e profesoras con varios anos de servizo quedan sen praza para todo ano.
NOTA DE PRENSA

Coa Adxudicación Provisional de Destinos en Secundaria a Consellaría de Educación reincide na súa política de redución do profesorado.
 
Esta fin de semana a Consellaría de Educación fixo pública a adxudicación provisional dos destinos do profesorado funcionario e interino das materias comúns de Secundaria: Filosofía, Grego, Latín, Lingua castelá e literatura, Xeografía e historia, Matemáticas, Física e química, Bioloxía e xeoloxía, Debuxo, Francés, Inglés, Alemán, Música, Educación física, Psicoloxía e pedagoxía, Tecnoloxía, Lingua e literatura galega. Mais nesta adxudicación non se asigna praza a ningún profesor interino nas especialidades de: Lingua castelá, Matemáticas, Física e Química, Debuxo, Inglés, Educación Física e Lingua Galega, o que fai un total de 368 profesores sen colocar , ou só se colocan entre un e dous en Filosofía, Francés, Música e Historia, o que fai 184 profesores interinos sen adxudicación. Ou sexa, con esta adxudicación provisional, máis de 550 profesores e profesoras con varios anos de servizo quedan sen praza para todo ano.
 
Por outro lado son moitos os funcionarios e funcionarias de carreira, que deberían estar obtendo o seu primeiro destino definitivo, aos que non se lles adxudica vacante nas especialidades de: Matemáticas, Física e Química, Música, Historia, Educación Física e Lingua Galega. Isto significa un empeoramento no relativo a dotación do profesorado no ensino público, xa que o que vai suceder é que se incrementarán o número de horas a impartir, o número de afíns, a compartición de centros, ademais do despedimento efectivo de persoas que viñeron traballando durante anos, ou o seu paso a realizar contratos de substitución sen garantías de traballar ao longo de todo o curso.
 
Anúnciase así unha situación que, se non é corrixida na adxudicación definitiva coa cobertura de todas as vacantes necesarias, considerando as necesidades de atención ás necesidades educativas e á diversidade ou de realización de desdobres cando sexan necesarios, dará lugar a un empeoramento das condicións de traballo do profesorado, ademais do incremento das listas de desemprego, e deteriorará a calidade do ensino público.
 
Unha adxudicación provisional coma esta anuncia que se agudizará a situación que se produciu o ano pasado a poucos días de inicio do curso: funcionarios que foron colocados en materias que non eran da súa especialidade, asignación de destinos nos que o/a profesor/a ten que impartir ademais da súa materia 1, 2 ou 3 materias que non son da súa especialidade. Mentres, non importa que o profesorado quede sen traballo, aínda que sexa en detrimento da calidade do ensino, e que non se poidan efectivizar as medidas necesarias para previr e reducir o fracaso escolar.
 
Esta adxudicación, que anuncia un recorte elevado de profesorado en Secundaria, súmase aos recortes que nestes meses está a aplicar a Consellaría ao Ensino público, así o acordo de agrupamentos que subscribiron coas organizacións sindicais de ámbito español e que vai permitir un número importante de supresións de unidades en Infantil e Primaria, ou a circular enviada ás Escolas Oficiais de Idiomas, incrementando o horario lectivo do profesorado, que se vai traducir en mobilidade e supresión de varios postos de traballo no conxunto das escolas.
 
Unha vez máis, evidénciase, a necesidade dun acordo de estabilidade que evitaría esta situación de total incerteza e de despedimentos masivos, máxime se temos en conta que existe profesorado interino que non se pode presentar ás oposicións, habendo casos de interinos con máis de 10 anos de antigüidade.
 
Diante desta situación, sumamente grave, a CIG-Ensino exixe da Consellaría que se doten os centros con todo o profesorado necesario e que se modifique substancialmente a adxudicación definitiva de cara ao inicio de curso.
 
 
Santiago a 3 de agosto de 2009

Secretaría de Prensa da CIG-Ensino
___________________________________________________________

Accede á adxudicación de destinos dos distintos corpos de secundaria. Ligazón

RECLAMACIÓNS á adxudicación provisional: Podes obter un modelo de reclamación e información sobre os prazos de reclamación na nosa web)

Volver