“Co masivo seguimento da folga en Secundaria o goberno ten que derrogar a LOMCE e abrir o debate para unha nova lei”

A PGDEP denuncia que o Pacto pola Educación só pretende maquillar a lei para que sexa asumida socialmente

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valorou moi positivamente o seguimento da folga convocada por ERGUER, Estudantes de Galiza, que cifrou nun 90%, segundo os datos dos que dispoñía ao comezo da manifestación que saía de Compostela. Un apoio que “evidencia o rexeitamento case unánime á LOMCE e aos recortes educativos” e que avala ademais a súa demanda dunha lei galega de educación que teña en conta as necesidades do noso sistema educativo, restitúa os dereitos do profesorado e garanta unha educación de calidade.

GALERÍA DE IMAXES

Xunto á manifestación celebrada en Compostela, o estudantado mobilizouse nun total de 16 cidades e vilas do país. Ademais, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ten convocadas,  para esta tarde, concentracións ás 19:00 horas en:

  • Vigo. Diante do Marco (Rúa do Príncipe).
  • Pontevedra (Praza da Peregrina).
  • Compostela (PrazaRoxa).
  • Lugo (diante do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes).
  • A Coruña. Praza de Pontevedra (diante do IES Eusebio da Guarda).
  • Ferrol. Praza de Amada García (diante do edificio da Xunta).
  • Ourense (Xardíns do Padre Feixóo).
  • Cangas (Praza do Concello).

E ás 19:30 horas en:

  • Cee (Praza 8 de Marzo).
  • Carballo (Praza do Concello).
  • Vilagarcía (Praza de Galiza).

O portavoz da PGDEP, Anxo Louzao, amosou o total apoio da Plataforma ás demandas do estudantado e exixiu a inmediata derrogación da LOMCE que, lembrou, “non foi derrogada, só foron adiadas as reválidas”. Unha medida que a administración non tivo máis remedio que aplicar, diante “das numerosísimas mobilizacións que fixemos desde que foi presentada, mesmo como borrador”.

En todo caso denunciou as graves consecuencias que a actuación do Ministerio de Educación tivo, e ten, para o profesorado e para o alumnado, porque “as novas PAU teñen mudanzas importantes respecto das anteriores e nin o profesorado, nin o alumnado coñeceron o seu contido –do que aínda hai hoxe cuestións sen resolver- até o segundo trimestre”.

Para Louzao este proceder é unha mostra do “desprezo do MEC, co seguidismo da consellaría de Educación, cara ao alumnado e ao profesorado”.

Pacto pola Educación 

O portavoz da PGDEP e secretario nacional da CIG-Ensino cuestionou tamén o Pacto pola Educación presentado polo Ministerio “de forma propagandística”. A este respecto denunciou que é “unha fraude” porque “tanto a súa concepción como os seus obxectivos nada teñen que ver coas nosas demandas”.

Para a PGDEP calquera pacto pola educación tería que partir da derrogación da LOMCE e “non maquillala, como pretenden, para que sexa asumida socialmente”, sobre todo cando, tal e como lembrou Louzao, “é a lei de educación que sumou máis rexeitamentos desde a transición”.

Xunto a isto denunciou que ese pacto “non vai cuestionar os alicerces da LOMCE” nin tampouco propiciar a apertura dun debate sobre as necesidades reais do sistema educativo galego, que pasan por, entre outros, incrementar o profesorado, cunha oferta de emprego público que vaia máis alá dunhas taxas de reposición; reducir as ratios; achegar o orzamento necesario, dun 7% do PIB, ao ensino público; dotar de persoal administrativo os centros; garantir a igualdade de oportunidades; procurar a equidade, convertendo así a educación nun elemento da transformación social; recoñecer o carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico do estado español e os valores que nos conforman como pobo cunha identidade e unha lingua.

  • “Co masivo seguimento da folga en Secundaria o goberno ten que derrogar a LOMCE e abrir o debate para unha nova lei”
  • “Co masivo seguimento da folga en Secundaria o goberno ten que derrogar a LOMCE e abrir o debate para unha nova lei”
  • “Co masivo seguimento da folga en Secundaria o goberno ten que derrogar a LOMCE e abrir o debate para unha nova lei”

Volver