Co lema "En galego todo o que buscas" arranca en Ourense o Correlingua

As carreiras pola lingua percorrerán 12 vilas e cidades galegas até o 16 de maio.

O Correlingua, actividade lúdico-educativa de reinvindicación da lingua galega, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, A Confederación Intersindical Galega–Ensino e a Mesa pola Normalización lingüística, xunto cos Concellos de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, arrincara en Ourense o 2 de maio para rematar en Viveiro o 16 de maio.Ourense, Narón, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Tui, Moaña, Silleda, Monforte e Viveiro, serán os lugares de celebración destas carreiras que rematarán con espectáculos teatrais e musicais dirixidos ao alumnado.

O testemuño que percorrerá Galiza reivindicando a plena normalización da nosa lingua, consiste nun manifesto escollido de entre todos os que se presentaron a concurso, e que nesta edición gañou o alumnado de 4º da  ESO do CPI de Pontecesures.

As festas finais do Correlingua, ademais de contaren coa participación directa do alumnado participante, terán as actuacións -segundo o día e lugar- da actriz Iria Sobrado, do grupo de música infantil Pirilampo, ou dos grupos gañadores do concurso musical Cantalingua 2012, onde o alumnado escolle que grupo galego quer que actúe nas festas do Correlingua, e no que gañaron os grupos Xenderal, Chupadeskay e Roger de Flor e os Silvestres.

CORRELINGUA, é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, e é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participaren nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

O Correlingua, que xa vai pola súa decimo terceira edición, alcanzou ao longo destes anos unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado, través das diferentes actividades que se propoñen ao longo do curso (concurso de Banda Deseñada, Manifesto, vídeo …), e a través da implicación directa en todas as actividades que rodean as festas finais do Correlingua.

 

Volver